A paz non está a volta da esquina



Por Ana Jerozolimski Desde Jerusalem

Que máis apropiado, ao chegar o novo ano, que abrigar a esperanza de que este traia a paz para Israel, Palestina e os seus veciños? Lamentablemente, nada indica que este soño estea por cumprirse.
As partes seguirán acusándose mutuamente pola situación actual. É certo que cada unha achega o seu e que tamén no bando israelí hai cousas e actitudes que se fosen distintas, acelerarían o logro dun acordo. Pero ao meu criterio, o tema de fondo é outro. Claro que un goberno israelí máis liberal e menos conservador que o actual, que acepte retirarse de inmediato ás liñas do 67 e estea de acordo con diversas concesións aos palestinos, "facilitaría" as cousas... A pregunta é se o acordo que xurdiría entón sería realmente sinónimo de paz ou comezo de novos problemas. O venres 23 de setiembre ficará rexistrado nas actas da Asemblea Xeral da ONU como un día histórico, no que os palestinos presentaron oficialmente a súa solicitude de recoñecemento dun Estado palestino independente e a súa incorporación como membro número 194 do organismo mundial.
Pero para quen escoitamos con atención cada palabra dos discursos do Presidente palestino Mahmud Abbas e do Premier israelí Benjamin Netanyahu, o punto central foi outro. Non esa petición formal nin a análise sobre o seu eventuais resultado -que teñen certamente grande importancia- senón unha triste conclusión: as diferenzas entre as partes son abismais e polo tanto, a distancia que aínda hai por percorrer ate que se acade un acordo de paz israelo-palestino parece incomensurábel. O discurso do Presidente palestino foi un discurso hostil, sumamente duro e dedicado a presentar a Israel en termos totalmente escuros, acusándoo de "apartheid", "colonialismo", "racismo" e "limpeza étnica". Non foron palabras dun potencial socio en negociacións de paz, co que se discrepa a fondo, senón de quen parece renunciar á opción negociadora, colocando todas as súas esperanzas na area internacional.
A frustración palestina por suposto ten a súa razón de ser. Pasaron 18 anos desde que comezou o proceso de paz, e non hai aínda un Estado palestino independente. Mais o que falta, é autocrítica.
O Presidente Abbas non explicou por que as dúas grandes propostas presentadas até agora en termos de avanzada por xefes de goberno de Israel aos palestinos, respondeuse cun "non" ou simplemente non se contestou. E non eran Premiers de dereita como o actual , senón de esquerdas, o laborista Ehud Barak quen falou con Yasser Arafat, e centrista, Ehud Olmert de Kadima quen negociou co mesmo Abbas. Falaron no seu momento dunha retirada case total dos territorios en disputa, máis intercambio de territorios do Israel soberano en troques da pequena porcentaxe que quedaría en mans de Israel para manter dentro dos seus límites ao groso da poboación xudía dos asentamentos, e ofreceron incluso a división de Jerusalem. Pero non houbo con quen concretar o posíbel acordo.
O discurso do Primeiro Ministro de Israel foi o do xefe do executivo dun país que se sente asediado, rodeado de inimigos e fustigado por eles, mentres algúns lle ameazan directamente coa destrución, para o que explicou tamén, con números, as pequenas medidas do Estado de Israel, como que "sen Cisxordania, Israel ten só 9 millas de ancho". En termos uruguaios, lembremos que Israel, sen os territorios, é como o departamento de Tacuarembó. Non o dicimos en absoluto para xustificar seguir ocupando Cisxordania, porque cremos que é sumamente negativo para o futuro de Israel, senón para tentar explicar a problemática de seguridade vital para Israel. Netanyahu non respondeu a Abbas coa súa mesma moeda. Aínda que tamén o criticou, optou por destacar a posibilidade aínda existente, segundo el, de lograr a paz xuntos. Os seus críticos inclusive dentro de casa diranlle que as declaracións non abondan nin tampouco as citas bíblicas sobre a paz e que o fulcral é que deixe de construír nos asentamentos, a fin de volver á posibilidade de negociar.
Netanyahu referiuse explicitamente tamén a este polémico tema, retrucando á frase de Abbas, segundo a cal os asentamentos son o "cerne" do problema, a orixe do conflito e a razón pola cal "desperdiciáronse tantas oportunidades de paz". Sen deixar de presentalos como un "problema que debe ser abordado e ao que hai que atopar unha solución", Netanyahu lembroulle a Abbas os feitos históricos: que o conflito con Israel e as guerras árabes na súa contra comezaron moito antes de que houbese territorios ocupados e de que existise sequera un só asentamento. Israel non pode minimizar a importancia do tema asentamentos, que converteuse nun dos máis simbólicos na axenda bilateral. E os palestinos non poden esquecer que o conflito -e non só de parte dos países árabes senón tamén os atentados da propia OLP- comezaron moito antes de que Israel comezara a construír asentamentos.
Abbas, aínda que dixo explicitamente que non está a quitar lexitimidade a Israel senón só aos asentamentos e buscando o recoñecemento da lexitimidade palestina, referiuse varias veces á "nakba" de hai 63 anos, dando a entender novamente que a creación de Israel foi unha "catástrofe" para os palestinos, unha inxustiza, e alegando que polo medio houbo unha expulsión dos árabes locais. De feito, deu a entender que "a ocupación" foi a creación mesma de Israel no 48, non a guerra do 67. Iso non inspira demasiada confianza ao israelí medio. Falar do problema dos refuxiados como un fenómeno orixinado na guerra do 48, sen mencionar sequera que a guerra estalou porque os árabes rexeitaron radicalmente a resolución 181 da Asemblea Xeral que encomendaba a partición (entre un estado xudeu e outro árabe), é estraño para un gobernante que tanto falou da lexitimidade internacional. Os primeiros en violar esa lexitimidade internacional, foron os exércitos árabes e as forzas palestinas do Mufti Hajj Amin el Husseini que atacaron de inmediato a Israel e así impediron a implementación da resolución xa mencionada. O estancamento actual non terminará con frases altisonantes de ningun dos bvandos enfrontados senón cun verdadeiro esforzo por solucionar o conflito. Israel ten moito que achegar, claro que si. Pero sería bo que o mundo lembre que os palestinos tamén teñen responsabilidade na non resolución do conflito.
Un dos elementos craves que deben cambiar na retórica e actitude oficial palestina, e que non debería ser tomado en absoluto como concesión, é o insistente intento de facer caso omiso do vencello histórico nacional entre o pobo xudeu e a súa terra. O propio Abbas reiterou patéticamente este incomprensíbel e inxustificábel modelo, ao falar da terra santa "para cristiáns e musulmáns". Contámonos entre os que consideramos que Israel terá que facer grandes concesións para chegar a un acordo, non tanto polos palestinos, senón polo noso propio futuro. Mais actitudes como a recentemente mencionada do Presidente Abbas, en nada contribuen a inspirar confianza para que a sociedade e o goberno israelí se atrevan a asumir riscos.

Comentarios