O catalanismo de esquerdas e Israel




Por Joan Pérez i Ventanyol


Texto da presentación do libro "L’exemple dels jueus. El catalanisme d’esquerres i la seva visió del poble jueu, del sionisme i del conflicte a Palestina (1928-1936), O exemplo dos xudeus. O catalanismo de esquerdas e a súa visión do pobo xudeu, do sionismo e do conflito en Palestina (1928-1936)", que ven de publicar Joan Pérez i Ventanyol. O acto celebrouse na Sala de actos do Memorial Democrátic de Barcelona o pasaso 16 de xullo e foi presentado pola profesora Tessa Calders e polo historiador Joan B. Culla, director da investigación.


Boa noite. Moitas grazas pola vosa asistencia ao acto de presentación deste libro. Ante todo, quero dar as grazas, teño que dar persoalmente e pública as grazas ao Memorial Democrátic por permitir que a presentación do libro se puidese facer nesta sala e neste espazo. Tamén quero agradecer especialmente ao Institut d´Estudis Mon Juïc a vontade, a predisposición e o esforzo que fixo para que a edición deste libro fose posíbel, e tamén para facer posíbel a súa presentación hoxe, aquí. Mencionar, xa que logo, de xeito especial e dar o meu agradecemento a Tessa Calders e a Esperança Valls pola súa insistencia en dar saída pública ao que era, inicialmente, unha investigación universitaria en historia contemporánea. E en último lugar, e non por iso menos importante, tamén é necesario que faga mención especial a quen foi o director da investigación, sen cuxo apoio non sería posíbel todo este traballo, todo este esforzo. O profesor Joan Culla, a través das súas observacións, anotacións, das súas referencias e dos seus consellos soubo trazar e dar saída ás inquedanzas dun estudante de doutoramento nun tema de investigación que parecía complicado, difícil e, aínda, naqueles momentos, pouco traballado. Tamén, a el, moitas grazas.
Ben, pola súa banda, do libro non quero destacar algo que xa estea no texto, non quero dicir nada do que atoparedes explicado no traballo. Quero que sexa unha sorpresa para os posíbeis lectores e para os interesados no tema e no libro. Por tanto, o que farei é explicar un feito, unha cuestión, unha hipótese que no libro insinúase pero que non fica demasiado explicada, non se desenvolve. De feito, non se explica esta cuestión porque non é o obxectivo principal de libro. O obxectivo, a finalidade inicial da investigación veu determinada por unha cuestión, por unha pregunta que nos fixemos sen saber, entón, o que nos atopariamos. Certamente había algunhas referencias, algúns autores, entre eles o mesmo profesor Culla, que intuíran algo, que sospeitaban algo do que queriamos procurar, mais non coñeciamos nin a magnitude nin a calidade do que esperabamos atopar.
Así, a pregunta que nos plantexamos inicialmente, a cuestión que queriamos investigar, o que queriamos responder era "Que é todo o que se dixera sobre o relacionado co mundo xudeu durante o período da Segunda República". Por tanto, agora xa tiñamos a cuestión a resolver. A pregunta que facer. Pero facíanos falta atopar un suxeito ao que facer esta pregunta, para preguntarlle o que nos expuñamos. Tiña que ser un suxeito bastante definido, bastante coherente e que fose representativo dun grupo ideolóxico e político da Catalunya daqueles anos. Como se pode ver no título do libro, finalmente, decantámonos polo catalanismo de esquerdas. E que se entende, que entendemos por catalanismo de esquerdas? Pois entendemos que era aquel movemento nacionalista catalanista que se situaba á esquerda do rexionalismo conservador e que se presentaba como unha proposta de raíz liberal, progresista e republicana. Por tanto, destacan agrupacións políticas e partidos dos anos trinta como Acció Catalá Republicana, Esquerra Republicana de Catalunya ou o Grup de "L´Opinió".
Agora xa tiñamos o suxeito sobre o que facerlle a pregunta que nos expuxemos inicialmente. Xa tiñamos a formulación para iniciar a investigación: "Que é o que dixera o catalanismo de esquerdas sobre todo o relacionado co mundo dos xudeus durante período da Segunda República". Só tiñamos que atopar as fontes, os elementos, os instrumentos que nos permitisen ver e analizar que é o que se dixera desde o catalanismo de esquerdas de todas as cuestións xudías durante aqueles anos. Non só que se dixera senón tamén como se dixera.
A base documental principal, é dicir, a fonte de información principal que utilizamos, foi a procura exhaustiva, sistemática, día a día, semana a semana, mes a mes, e ano a ano nos principais diarios do catalanismo de esquerdas. Buscar referencias, artigos ou novas que fixesen mención a calquera cuestión xudía en cabeceiras tan representativas deste catalanismo como La Publicitat, La Humanitit, L´Opinió, La Nau, o semanario Mirador e La Rambla. Despois, como fonte máis secundaria, tamén buscamos referencias nalgunhas obras, algúns libros publicados aqueles anos que tamén se referiron a algún aspecto xudeu desde unha perspectiva catalá de esquerda.
O resultado da procura de información durou varios meses. E unha vez feita xa podiamos pasar a analizar todas estas referencias para ver e entender que imaxe e que discurso construíuse aqueles anos vinte e trinta sobre o mundo xudeu. Pero tamén feita esta procura exhaustiva tivemos unha nova sorpresa.

Que? Sorprendeunos a grande cantidade de referencias que atopamos dentro desa prensa do catalanismo de esquerdas e que falaban sobre cuestións xudías. Atopamos unha multitude de artigos de opinión, de noticias, de reportaxes, de entrevistas sobre cuestións relacionadas co pobo xudeu. Desta forma, xerounos unha nova pregunta. Unha nova cuestión que se nos expuxo unha vez vimos que atoparamos tantos artigos. Que pregunta? Como é que atopabamos tantas referencias sobre os xudeus aqueles anos na prensa do catalanismo de esquerdas? Por que se falou tanto dos xudeus nos anos vinte e trinta en Catalunya?
A miña hipótese de por que se falou tanto de cuestións relacionadas coa realidade xudía no libro só se anuncia. A hipótese é que nos anos vinte e trinta do século XX houbo en Catalunya a confluencia de diferentes factores e varios elementos que puxeron de relevo a temática xudía, que puxeron en primeira liña de noticia o tema xudeu. Unha converxencia de factores que impulsaron, puxeron de relevo e "pór de moda" aos xudeus na Catalunya daqueles anos. Pero que factores eran. Que elementos eran?
A visión europeísta do catalanismo

Ante todo, hai un factor máis transversal, máis propio do catalanismo, como é o da tradicional visión europeísta que sempre tivo o nacionalismo catalán. Desde as primeiras aparicións do catalanismo político pódense observar referencias e alusións a outros exemplos nacionais que nalgúns casos eran vistos como un espello polo nacionalismo catalán. Por exemplo, o caso de Irlanda ou Checoslovaquia foron paradigmáticos nos anos 20 e 30. Foron vistos como posíbeis exemplos para Catalunya. Por tanto, se eran contemplados outros nacionalismos ou outras experiencias de reivindicación nacionais, por que non podía ser probábel que tamén se contemplase a causa do sionismo, a causa do nacionalismo xudeu? Por que había de ser unha excepción?
O interese histórico polo pasado xudeu en Catalunya

Outro dos factores de confluencia aqueles anos foi o manifesto interese histórico que desde inicios do século XX houbo en Catalunya sobre o pasado medieval dos xudeus cataláns. Era un novo interese histórico, historiográfico que centrouse sobre todo en facer unha interpretación da relación coas comunidades xudías na Catalunya medieval. Diferentes autores, diferentes historiadores ofreceron en xeral un discurso histórico positivo da presenza xudía na Catalunya medieval. Unha interpretación positiva que dicía que eran unhas comunidades que achegaron, influencia, riqueza, prosperidade e coñecemento na expansión da sociedade catalá medieval. E tamén, neste sentido, recoñeceuse e presentouse como negativa para o desenvolvemento de Catalunya a expulsión definitiva destas comunidades no século XV.
A presenza de cataláns de viaxe en Palestina e en Oriente Próximo

Outro dos factores que coincidiu aqueles anos, os anos 20 e 30, foi a importante presenza de cataláns en Palestina e na zona de Oriente Próximo. Estes cataláns foron a Terra Santa, algúns para facer turismo, outros negocios, outros acudiron para estudo, ou en misión diplomática ou tamén nunha viaxe de perspectiva relixiosa para ir visitar os Lugares Santos ... Unha viaxe dese tipo era como unha aventura, e moitos destes viaxeiros xeraron unha especie de literatura de viaxe ou memorias de viaxe sobre a súa experiencia naqueles territorios. Moitos destes viaxeiros escribiron e publicaron libros e memorias sobre a súa experiencia en Palestina. E que plasmaban nestes libros? En boa parte dos casos, explicaron o que se atoparon na zona: Explicaron a presenza de xudeus sefardíes, de orixe española, en diferentes países de Oriente Próximo. Por outra, tamén escribiron sobre a realidade da inmigración xudía sionista en Palestina. E, por suposto, tamén explicaron os choques e os disturbios entre xudeus e árabes que entón xa afectaban a Palestina.
A publicación do libro "El Sionisme" de Pere Voltas

Ademais, naqueles anos, houbo outro elemento importante. Publicouse en 1928 un libro, un libro en dous volumes, do relixioso Pere Voltas i Montserrat. Un libro cun título tan explícito como "El Sionisme" ou a cuestión nacional hebrea. É unha obra que fai unha explicación e un percorrido histórico exhaustivo do que é o sionismo e que importancia tiña naqueles momentos no contexto europeo. E todo iso o autor, a pesar de ser un católico, a pesar de ser un cristián, explicouno cunha visión de complicidade moi evidente. A publicación deste libro tivo certo impacto xa que foi un motivo para que varios autores, por exemplo Antoni Rovira i Virgili ou Lluís Nicolau d'Olwer, entre outros, lesen o libro e falasen do nacionalismo xudeu. O libro de Pere Voltas foi, en definitiva, un catalizador, un revulsivo para que outros autores falasen e opinasen sobre o nacionalismo xudeu en Catalunya.
A inmigración hebrea en Barcelona e Catalunya

Aínda que outro dos factores que facilitaron o tratamento do tema xudeu foi unha realidade máis tanxíbel, máis palpábel e máis evidente durante aqueles anos. Nos anos vinte, pero sobre todo nos trinta empezábase a notar en Catalunya e en Barcelona especialmente un incremento notábel de persoas de ascendencia xudía. É dicir, empeza a haber xudeus outra vez en Barcelona. Durante a Primeira Guerra Mundial intensificouse unha corrente de inmigración de xudeus que chegaban a Catalunya. Viñan procedentes da Europa oriental e balcánica e eran, sobre todo, sefardíes. E moitos instalaronse en Barcelona. Poucos anos despois, co ascenso do nazismo en Alemaña, viviuse unha segunda onda de inmigración xudía cara a Catalunya. A maioría fuxían do antisemitismo e da persecución que se producía na Europa central. En 1925 calcúlase que en Barcelona había uns 1.000 xudeus. En 1936 xa se chegaba practicamente aos 5.000. Isto provocou que a prensa catalá deseguido se fixase nesta presenza de xudeus, e empezase a xerar artigos e reportaxes pola curiosidade que espertaba a chegada destes novos xudeus en Catalunya despois de máis de catrocentos cincuenta anos de teórica ausencia de xudeus no noso país.
A importancia que a cuestión xudía na Europa de entreguerras

Nin que dicir ten que entón, no contexto internacional, tamén era un momento no que a cuestión xudía tomaba moita importancia. Sobre todo polo incremento do antisemitismo en toda Europa. O período de entreguerras, tras a euforia da Primeira Guerra Mundial, Europa experimentou un ascenso da ideoloxía antisemita tanto desde un punto de vista panfletario e de axitación, como no número cada vez maior de accións de violencia sobre persoas ou propiedades xudías. Esta circunstancia puxo en primeira liña informativa a cuestión hebrea na prensa, xa que as mostras de antisemitismo eran recollidas nas páxinas internacionais dos diferentes diarios. E, por tanto, as noticias cada vez máis frecuentes sobre incidentes e violencia contra os xudeus na prensa, fixo que moitos autores desde Catalunya xerasen unha forte corrente de opinión ao redor deste feito.
O conflito de Palestina

Finalmente, un último factor de confluencia aqueles anos, froito tamén do contexto internacional do momento, foi o conflito en Palestina. Lembremos que entón Palestina era un mandato do Imperio británico. Será a partir de 1928-1929 cando os disturbios entre as dúas comunidades, especialmente entre árabes e as comunidades xudías en Palestina tomaron grande importancia e comezaron a ser plasmados como grandes noticias nas páxinas dos diferentes diarios. Xa entón, o conflito en Palestina foi un tema tanto ou máis mediático como o é hoxe en día. E iso tamén fixo que se xerase ao seu ao redor, por parte dos autores cataláns, unha grande diversidade de opinións e reflexións sobre as causas do conflito.
Ademais, todos estes elementos ou factores, lembremos: a visión europeísta do catalanismo; o interese histórico polo pasado xudeu en Catalunya, a presenza de cataláns de viaxe en Palestina e en Oriente Próximo, a publicación do libro El Sionisme de Pere Voltas, a inmigración hebrea en Barcelona e Catalunya durante aqueles anos, a importancia que a cuestión xudía adquiriu na Europa de entreguerras, e o conflito de Palestina foron factores que coincidiron nun espazo de tempo determinado. Nun contexto que non podemos deixar de lado. En que momento coinciden estes factores? Coinciden no contexto da Segunda República, un contexto de liberdades civís, sociais, políticas e culturais moi importante. Liberdade de opinión, de prensa, de expresión...
Neste sentido, esta coincidencia de factores sobre os temas xudeus produciuse nun momento propicio no que a prensa catalá e catalanista, e en xeral todo o xornalismo escrito expandiuse, creceu e alcanzou unha grande calidade en información e como instrumento para xerar opinión. Así, este contexto, esta grande plataforma intelectual que era a prensa e o xornalismo catalán naqueles momentos converteuse na principal canle de saída para todos estes factores con temática xudía que explicamos. É dicir, esta prensa foi o medio para transmitir e divulgar as inquedanzas e as opinións que sobre a temática xudía favoreceron este conxunto de factores. Por tanto, e en definitiva, esta prensa do catalanismo de esquerdas elaborou e construíu, consciente ou inconscientemente, un determinado discurso e unha determinada imaxe dos xudeus nos anos vinte e trinta.
Que imaxe construíu, que discurso se fíxo, que se dixo, como se dixo... Pois saber e coñecer que é dixo, como se dixo e que discurso xerouse, é o que fixemos, é o que quixen explicar e plasmar no libro que hoxe presentamos. Moitas grazas.

Comentarios