Non hai posibilidade realista dunha paz permanente no Medio Oriente



Por Shlomo Avineri


Haaretz - 05.10.2011


No seu discurso na Asemblea Xeral da ONU, o presidente palestino Mahmoud Abbas cometeu unha vez máis un erro moi común entre os palestinos: un dirixente palestino non ten que persuadir ás nacións do mundo, senón aos israelís. Un estado palestino só xurdirá cando os palestinos convenzan aos israelís de que están realmente preparados para vivir en paz e nun recoñecemento mutuo.
O presidente exipcio Anwar Sadat foi quen de facelo co seu histórico discurso ante a Knesset, o que converteuno nun dicir amén dun inimigo acérrimo e cruel á figura máis popular de Israel. E non só Abbas non fala aos israelís, senón que coas súas declaracións calumniosas -onde de maneira nada casual mencionou a Yasser Arafat (a quen enxalzou) - só profundou as sospeitas de Israel sobre os obxectivos palestinos.
Con respecto ao discurso do Primeiro Ministro Benjamin Netanyahu, mellor non malgastar palabras.
O chamamento do Cuarteto para que se renoven as conversas sen condicións previas é un logro diplomático para Israel, xa que rexeita o enfoque de Palestina, que, coa súa presentación de condicións previas (deter a construción nos asentamentos e un compromiso israelí para volver ás fronteiras de 1967), conducía ao fracaso a posibilidade de renovar as negociacións. O goberno israelí actuou correctamente acollendo o chamado do Cuarteto, e o rexeitamento dos palestinos demostra que son a parte recalcitrante. Este punto é importante, pero non esencial. Aínda cando as partes volvesen á mesa de negociacións, é difícil imaxinar como poderían chegar a un acordo, xa que resulta moi evidente a grande distancia entre as posicións de ambas as partes. Se un goberno Olmert-Livni non puido chegar a un acordo con Abbas, despois de case dous anos de discusións serias e responsábeis, claramente non é de esperar un acordo co goberno de Netanyahu. A ilusión común de que a clave da solución reside nos Estados Unidos, disipouse desde que o presidente Barack Obama asumiu o cargo. Se un presidente de Estados Unidos non pode nin levar ás partes á mesa, como vai ser quen de salvar as diferenzas sobre as fronteiras, asentamentos, Xerusalén, os refuxiados e as medidas de seguridade?
Mesmo para aqueles que como eu cren que os asentamentos son un enorme erro político e moral, resulta inxenuo pensar que un goberno democrático pode evacuar coma se tal cousa por centos de miles de colonos, que os palestinos van renunciar ao dereito de retorno, que un slogan como "Xerusalén, capital de dous estados" pode resolver a maraña de problemas que se exporán no goberno da cidade, ou que os palestinos -que realmente non cren que os xudeus sexan un pobo- acepten ao Estado de Israel como a Estado-nación dos xudeus.
Temos que mudar o noso enfoque e entender que xa non hai ningunha posibilidade dun acordo permanente. Só hai un camiño a seguir, como en Chipre, Kósovo e Bosnia: a falta dunha oportunidade realista para que unhas negociacións dean lugar a un acordo de status permanente, os esforzos diplomáticos deben ser investidos en arranxos alternativos -acordos provisionais, medidas de confianza, pasos unilaterais pero aceptábeis para ambas as partes, e a continua cooperación pragmática sobre o terreo.
Na xerga política, é unha transición do errado intento de alcanzar unha solución integral a unhas medidas parciais que permitan a xestión do conflito até posibilitar o obxectivo final no horizonte diplomático de "dous Estados para dous pobos". As partes comprometeríanse a ese final nun principio, pero serían conscientes das dificultades para a súa consecución actualmente.
Os movementos ou avances parciais serán unha decepción para todas as partes. Os palestinos aspiran, e con razón, a un estado. Os israelís cren que os palestinos deben recoñecer que o pobo xudeu ten dereito á soberanía e a independencia. Con todo, a redución do nivel dos conflitos e o logro de acordos parciais pragmáticos sería posíbel mesmo cun goberno de dereitas no poder en Israel e ante a ausencia dun liderado palestino lexítimo e eficaz - tendo en conta a división entre a Autoridade Palestina en Cisxordania e o goberno de Hamas na Franxa de Gaza -.
A cháchara piadosa sobre un acordo final nun ano ou en dous anos non é un substituto dunha política realista que teña en conta a grave situación sobre o terreo. Só aqueles que non caen en irrealistas ilusións utópicas poderán espertar o interese dos palestinos e israelís ao mesmo tempo, e axudar a ambos pobos a saír, moi lentamente e co tempo, das gadoupas do conflito. Os discursos nas Nacións Unidas non fan senón resaltar a enorme profundidade da brecha entre as partes.

Comentarios