Netanyahu, o discurso da esperanza


Por Josep Carles Laínez
Levante.EMV.07/10/2011

O pasado 23 de setembro de 2011, Mahmud Abbas, presidente da Autoridade Nacional, pediu en Nova York a entrada de Palestina na ONU como estado membro de pleno dereito. A ovación e a alegría de moitos dos políticos presentes na sala, e o barullo mediático pola transcendencia da súa acción unilateral, valente, pero sabedora da súa inoperancia, agocharon outra intervención máis comprometida e posibilista: a de Benjamin Netanyahu.
O actual primeiro ministro do Estado de Israel pronunciou un excelente discurso que sen caer na retórica nin na falacia, deixou claras dúas cousas: a necesidade de alcanzar unha paz definitiva en Oriente Medio, co concurso de todas as partes implicadas no conflito, e a vontade de Israel de conseguir que o Estado palestino sexa un membro máis da ONU. Pero a iso tense que chegar ao seu tempo, concitando vontades, coa seguridade para Israel de que rematen para sempre as ameazas terroristas. Como afirmou Netanyahu ao comezo da súa intervención, "a paz debe ancorarse na seguridade".
E a seguridade, ademais de en Israel, en Europa e no resto de pobos occidentais, desde o 11-S, é a batalla contra o terrorismo e o fundamentalismo islámicos. E o gran problema que pode orixinarse non só son os atentados sanguinarios, senón o feito de que os terroristas consigan un provedor de armas nucleares. Cando aos europeos progresistas falan de fundamentalismo islámico pensamos no apartheid de xénero, na discriminación por motivos relixiosos, na violencia contra o colectivo GLBT, nos malos tratos animais. Israel pensa tamén nesas cousas, pero sobre todo na súa supervivencia. É un grao.
Netanyahu non falou, pois, contra a existencia dun Estado palestino, nin contra o actual mandatario de Judea e Samaria (Cisxordania), nin afirmou que boicotearía a súa entrada na ONU, nin que non estaba disposto a negociar (de feito, aceptou de inmediato a oferta do Cuarteto), senón que primeiro debíase de chegar á paz e ao recoñecemento do Estado de Israel polos seus veciños.
A opción de Benjamin Netanyahu é a correcta se pensamos que Gaza está gobernada por Hamas, un grupo terrorista; que o Líbano está controlado por Hezbollah, outra banda terrorista; que Mahmud Ahmadinejad, en Irán, desexa a desaparición de Israel; e que a tendencia das revolucións nos países árabes non son, como esperabamos, dun acceso á democracia, senón dun afundimento no fundamentalismo islámico, "ideoloxía" onde reina a xudeofobia e o odio a Europa e a Occidente.
Mais, polo que parece, ninguén semella escoitar as fermosas palabras de Benjamin Netanyahu na ONU. Israel podería desaparecer do mapa, autoinmolarse, e nin tan só así os abundantes antisemitas de terras islámicas e dos países occidentais deixaríano tranquilo. Sempre quedaría un símbolo, un libro, un avó sospeitoso.
Os palestinos teñen de novo a oportunidade, tras o ofrecemento de Netanyahu, e dos movementos do Cuarteto, de tirar adiante o seu proxecto de estado e de país. Como afirmou o primeiro ministro, Israel volve estender a súa man, en paz.
http://www.levante-emv.com/opinion/2011/10/07/netanyahu-discurs-lesperanca/845945.html

Comentarios