Sionismo socialista e ideoloxía actual do Hashomer Hatzair




Hashomer Hatzair


O Kibbutz hoxe como plasmación do socialismo sionista


É difícil referirse ao kibbutz coma unha entidade homoxénea xa que existen centos deles ao longo de Israel e é case imposíbel atopar dous que posúan as mesmas características. Con todo, en termos xerais pódese definir ao kibbutz como unha organización de persoas que habitan nunha zona rural e que levan un estilo de vida baseado nos principios do socialismo e do xudaísmo laico (cabe mencionar que tamén existen kibbutzim relixiosos). O número de integrantes varía de entre 50 (ou menos) a 1000/1200 membros que levan unha vida comunitaria con moitas particularidades, por exemplo, existe un comedor común que é de todos e os encargados de mantelo son os mesmos integrantes do kibbutz que se turnan na responsabilidade. A maioría dos kibbutzim, á parte das actividades agrícolas, posúen fábricas dalgún tipo que son as principais fontes de ingreso das comunidades. Os que traballan fóra do kibbutz entregan o seu soldo, o que é redistribuído entre todos os integrantes do kibbutz (javerim) de maneira que todos reciben aproximadamente o mesmo, en función das súas necesidades. Finalmente cabe salientar a grande importancia que ten a educación no kibbutz, onde existen escolas excelentes e ademais o kibbutz financia os estudos universitarios daqueles que, terminado o exército, queren seguir vivindo como javer kibbutz. Orixinalmente, os kibbutzim formábanse para traballar a terra e transformar os pantanos e desertos en terras cultivábeis. O estilo de vida socialista (con propiedade colectiva dos medios de producción, sen autoritarismos e onde todos dan segundo as súas posibilidades e reciben segundo as súas necesidades), xurdiu de forma case espontánea entre os jalutzim que voltaban a Israel. Co transcurso dos anos o kibbutz pasou a constituír unha microsociedade socialista inmersa na sociedade capitalista israelí. Con todo houbo toda unha transformación ao chegar o cambio xeracional no kibbutz.


Os fundadores eran basicamente sionistas e estaban dispostos a traballar día e noite para construir e defender o nacente estado de Israel. Unha vez que o estado se consolidou e tamén os kibbutzim, comezou un proceso de transformación do kibbutz que aínda continúa hoxe en día. Esta transformación ou evolución é consecuencia da forte influencia que ten a sociedade israelí e da globalización internacional na microsociedade kibbutziana e, na miña opinión, tivo dúas frontes de acción. Por unha banda a caída do muro de Berlín, o vitoria a nível planetario do sistema capitalista e principalmente o desprestixio do sistema denominado do "socialismo real" o comunismo, que provocaron nos javerim antigos do kibbutz unha especie de desencanto polo estilo de vida socialista entendido como hai 30 ou 40 anos. Se sumámoslle a isto o feito de que aos 20 anos as comodidades e o confort dan o mesmo pero aos 60 si que importan, obtemos unha auténtica necesidade por mellorar o nivel e a calidade de vida por parte dos javerim do kibbutz. Se ademais consideramos a crise económica xeneralizada que sofriron os kibbutzim nos anos 80-90 debido á baixa rendibilidade da agricultura, ao mal manexo noutros anos e ao pouco favorable para os kibbutzim das políticas levadas a cabo por algúns gobernos de dereita israelí, obtemos que o javer kibbutz ve con preocupación o feito de non poder manter un nivel de vida coas suficientes comodidades en comparación co que a cidade pode ofrecer.


O outro fronte de acción recae nos fillos do kibbutz, quen naceron nun ambiente consolidado, creceron na casa dos nenos visitando aos seus pais unhas horas ao día, gozando desta sociedade igualitaria coma se todo o mundo fóra así. Con todo ao redor de toda esta liberdade están os límites do kibbutz e fóra a cidade, que os atrae con moita forza. É así como despois de cumprir os 3 anos no exército, a maioría dos mozos vanse a vivir fora do kibbutz aínda que cada vez máis deciden co tempo regresar para ficar en forma definitiva. O kibbutz hoxe en día é máis heteroxéneo e nel pódense ver toda clase de persoas. Basicamente existen os javerim kibbutz, que son os membros fundacionais do kibbutz, propiamente tal, os voluntarios estranxeiros que veñen a vivir ao kibbutz por un tempo (seis meses ou un ano), o persoal asalariado, que son empregados do kibbutz e veñen realizar traballos puntuais e por último os que viven no kibbutz temporalmente. Este último grupo esta formado por inmigrantes recentemente chegados a Israel, agardando poder ser javer kibbutz e por último os turistas. A pesar de todas as carencias e problemas que presenta o kibbutz, aínda que non é a materialización do socialismo utópico (nin pretende selo), para moitos a vida kibbutziana segue a ser a mellor alternativa solidaria e real ao capitalismo puro e duro. O kibbutz aparece como un bastión do humanismo afirmando que o valor do ser humano ven do que fai e non polo que poida ter. Así, mentres siga habendo xente que atopa inxusto que un obreiro teña un nivel de vida 50 veces menor que o xerente da empresa que o contratou, o kibbutz seguirá sendo unha opción de vida plenamente vixente.


http://www.hashomerhatzair.org.br/index.php?Itemid=34&id=23&option=com_content&task=view

Comentarios