Protesta sionista








Por Shlomo Avineri

Haaretz - 06.08.2011


Theodor Herzl non era socialista pero comprendeu moi ben que unha empresa revolucionaria como o sionismo non podía ter éxito se unicamente se baseaba no modelo de mercado capitalista. É por iso que no seu libro "Altneuland" describe a Terra de Israel do futuro como unha sociedade de benestar social, unha terceira vía capaz de situarse por si mesma entre o capitalismo e o socialismo.


Sería esta unha sociedade na que os recursos naturais - terra, auga, recursos minerais - estarían en posesión do pobo en xeral; onde a maior parte da industria organizaríase por medio de cooperativas, como no caso da agricultura. O pequeno comercio, con todo, quedaría en mans privadas. A sociedade sería a encargada de proporcionar aos seus cidadáns educación, saúde e benestar. A fin de dotar de persoal ás institucións de benestar social, todo o mundo, tanto homes como mulleres, estaría obrigado a realizar dous anos de servizo nacional. Herzl chamou a este enfoque intermedio "mutualismo", o cal baseabase na experiencia social e económica europea. A futura sociedade xudía debería de tomar do capitalismo os principios de liberdade e competencia, e do socialismo os de igualdade e xustiza.


Estas ideas son válidas hoxe: tan válidas e revolucionarias como cando foron escritas en 1902. O movemento sionista seguiu esa senda, tal como seguiuna a comunidade xudía no período pre-estatal e durante a infancia de Israel, revelando unha profunda conciencia da necesidade de establecer a solidariedade social como unha condición necesaria para o éxito da empresa sionista.
Non é casualidade que Israel fose obxecto de admiración e de emulación por tanta xente e movementos en Occidente, xa que logrou, en circunstancias extremadamente difíciles, combinar sabiamente democracia e liberdade cunha moi sólida base de solidariedade social. Foi certamente difícil considerar ao novo Estado de Israel unha sociedade modelo, e non ten sentido facer unha idealización excesiva respecto diso, pero a súa capacidade para manter a cohesión social e un nivel amplo de igualdade poden contarse entre os seus logros máis admirábeis.

Esta combinación outorgoulle ao movemento laborista unha clara vantaxe sobre o revisionismo, que optou por se desenvolver centrándose exclusivamente en obxectivos nacionais e diplomáticos. O estado de benestar que se estableceu aquí fixo posíbel absorber a millóns de inmigrantes de países en crise de Europa do Leste, Oriente Medio e África do Norte, unha marabillosa empresa que, a pesar de todos os seus defectos, non rexistra paralelos históricos no mundo. E isto non sucedeu nalgún rico país escandinavo ou en Suíza, senón nunha sociedade pobre de escasos recursos que foi obxecto de asedio militar, diplomático e económico. Adoitamos subestimar este logro con demasiada facilidade. Moito mudou no mundo, e o fracaso histórico dos laboristas consistiu na súa incapacidade para facer fronte a estes cambios dun xeito sistemático. Foi substituído por un modelo simplista de privatización que abrazaba fervorosamente a economía neo-capitalista de Ronald Reagan e Margaret Thatcher. Foron os gobernos do Likud quen se encargaron de dar eses pasos, pero non se pode negar que o Partido Laborista perdeu ademais a fe na xustiza do seu propio enfoque. As protestas sociais que levan a cabo actualmente son o produto das distorsións xeradas por esta economía de mercado sen control. Isto foi acompañado, debido a consideracións políticas e de coalición, por un amplo sistema de subsidios gobernamentais para vivenda, emprego para o sector público e extravagantes beneficios impositivos para os asentamentos xudeus nos territorios e para os ultraortodoxos. Estes dous sectores mantéñense grazas aos impostos, o servizo militar e os logros económicos deses mesmos mozos, homes e mulleres, que hoxe están a se manifestar. Está claro por que hai tan poucos colonos ou ultraortodoxos entre os manifestantes: son eles quen poden alimentarse tranquilamente no comedero do Estado sen relación algunha á súa contribución económica. É difícil saber de certo cara onde conducen estas protestas, pero hai algo que resulta indubidábel: tres cousas revolucionarias ocorreron.


En primeiro lugar, os manifestantes non son nin ultraortodoxos, nin dereitistas fanáticos, nin esquerdistas para quen a situación nos territorios se presenta como a súa principal prioridade. Os manifestantes de agora pertencen ao tipo de poboación máis convencional, da clase media israelí.

En segundo lugar, ponse en evidencia que as persoas e a súa participación no proceso político, e non simplemente as sentenzas ditaminadas polos tribunais, constitúen o fundamento mesmo da democracia. Finalmente, o modelo ultra-capitalista -sen dúbida, a causa manifesta da crise económica que Occidente atravesa na actualidade- aparece como oposto ás esixencias e aos valores da empresa sionista.

Por tal razón, é algo marabilloso ver flamear a nosa bandeira, a bandeira de Israel nestas manifestacións despois de que parecía converterse en propiedade do movemento dereitista dos asentamentos. As actuais manifestacións non son só un reflexo da protesta social. Son sionistas no sentido máis profundo e radical, un sionismo xusto e humanista.

Comentarios