O goberno de Netanyahu acepta sentar a negociar cos indignados israelís



Por Pinjas ben Emanuel
Haaretz

O primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, ven de anunciar a creación inmediata e xa operativa dunha comisión de caracter interministerial, integrada por ministros, observadores e expertos en diferentes areas para negociar e tentar dar resposta aos representantes da maior protesta social da historia do país. "Non podemos ignorar as voces que saen do pobo. Tentaremos dar solucións reais, non só cambios cosméticos", dixo ao comezo da reunión semanal do gabinete, segundo a nota de prensa difundida ao remate do Consello de Ministros.

Nunha intervención moito máis longa do habitual, Netanyahu insistiu na seriedade da súa intención de promover cambios "reais" que permitan á poboación beneficiarse do crecemento económico, pero tamén en ser realista, insistindo na imposibilidade de "responder a todas as demandas", a dificultade de "construír unha economía" e o perigoso contexto internacional de crise global. "Escoitaremos a todos. Evidentemente non poderemos contentar a todos, pero manteremos un verdadeiro e fluido diálogo", aclarou quen o pasado mércores tachou de populista ao movemento reivindicativo.

Netanyahu apuntou o catro ámbitos nos que o equipo debe centrar con urxencia o seu traballo: cambiar a orde de prioridades, mudar a política impositiva, a mellora do acceso aos servizos sociais e a mellora da competencia e da eficiencia dos mercados. O Comité interministerial, cuxa formación fora anunciada na anterior reunión semanal do Executivo, contará con quince ministros e estará liderado polo académico Manuel Trachtenberg, presidente do Comité de Orzamento e Planificación do Consello de Educación Superior. Trachtenberg recoñeceu que asume o cargo con "sentimentos contraditorios": un "gran entusiasmo por lograr un cambio real", dunha banda e, pola outra, unha "gran preocupación ante a gran responsabilidade que esta tarefa implica, o alcance das expectativas e os riscos que conleva". O labor do equipo é lanzar unha "mesa redonda" de debate dos asuntos abordados polos "indignados", que se queixan da carestía da vida e reuniron onte á noite a 300.000 persoas na maior marcha da historia de Israel non vinculada ao conflito de Oriente Medio. A protesta comezou o pasado día 14 cunha acampada en Tel Aviv en protesta polos prezos da vivenda no centro da cidade e foi gañando seguimento en diferentes sectores de poboación. Os manifestantes queren unha emenda á lei de edificación que obrigue aos contratistas a construír "vivendas a prezos asequibeis", unha redución gradual dos impostos indirectos, a revaluación dos procesos de privatización en proceso e un aumento do salario mínimo interprofesional á metade do salario medio, actualmente 8.698 shekels (1.766 euros ou 2,542 dólares). Tamén demandan un incremento dos inspectores de traballo, bombeiros, policías, profesores e traballadores sociais e unha redución do número de alumnos por aula que agora mesmo ten unha media de 22. A nova comisión presentará as súas recomendacións no prazo dun mes ao gabinete económico-social, que preside o titular de Finanzas, Yuval Steinitz, quen á súa vez proporá solucións que presentará a Netanyahu e ao conxunto do Goberno. Dous ministros do partido conservador Likud, que lidera Netanyahu, exercerán de observadores nas negociacións: Limor Livnat (Cultura e Deporte) e Mijael Eitan (Servizos Públicos). O diario "Haaretz" desvela hoxe que o xefe de Goberno contactou persoalmente nos últimos días polo menos a cinco eminentes e prestixiosos economistas do mundo universitario e do sector privado para pedirlles que entrasen na comisión, o cal da un sinal da seriedade coa que o goberno Netanyahu afronta as demandas sociais.

Pola súa banda a lider do partido da oposición, Kadima (centro) da ex ministra de Asuntos Exteriores Tzipi Livni, cualificou a formación da comisión de "engano" co que Netanyahu "trata obstinadamente de mostrar que non podería importarlle menos a protesta e ofrecer o mesmo que antes, no canto de entender a necesidade dun cambio real".

Pola súa banda, o ministro de Exteriores, Avigdor Lieberman, convocou unha rolda de prensa sobre o tema na que alertou contra unha posíbel tentación de redución do orzamento militar e de seguridade para tentar responder a necesidades sociais. Lieberman manifestou que "todos os sectores con reivindicacións teñen as súas lexítimas razóns", "pero teremos que ver como se pode dar resposta ás súas demandas sen por en perigo a seguridade de Israel". Lieberman insistiu en que a protesta é "un signo de que os problemas son reais", pero ironizou con que as cafetarías, restaurantes e centros comerciais en Tel Aviv non están cheos só de multimillonarios, senón tamén de xente nova grazas a que o pais ten unha taxa de desemprego de só un 5% e un forte e sostido crecemento económico. En canto aos millonarios israelís, a acampada no Bulevar Rothschild de Tel Aviv recibiu a visita do fundador de Wikipedia, Jimmy Wales, quen se mostrou impresionado polo debate e identificación da xente cunha causa, aínda que recoñeceu que non sabe se está dacordo con todos os motivos da protesta.

Comentarios