Israel, a proximidade lonxana




Por Josep A. Burgasé Rabinad *


A despedida de Raphael Schutz, Embaixador de Israel no Estado español, foi noticia na práctica totalidade dos medios informativos do noso país debido ás súas declaracións expresadas a través dunha carta aparecida na web da mesma Embaixada da que até hai poucos días o Sr. Schutz era o seu máximo responsábel. Talvez as súas manifestacións poidan parecer excesivamente rotundas, pois afirmar que a sociedade española é antisemita e odia aos xudeus, pode conducirnos a erro e chegar a pensar que o conxunto dos cidadáns están en contra dos xudeus, da súa cultura, da súa forma de vida e do que representa e é hoxe o moderno Estado de Israel.

Permítome afirmar que isto non é exactamente así e, aínda que non é menor o rexeitamento nalgúns sectores, tamén hai moitos cidadáns que ás veces desde o silencio e outros desde posicións pouco publicitadas, cremos e defendemos todo o que representa o mundo xudeu e o estado de Israel, desde o punto de vista político e cultural. Por conseguinte, prefiro facer referencia e falar do artigo do diplomático, aparecido na prensa española baixo o título de "Perspectiva e paciencia", no que analiza e desmenuza con gran acerto as súas sensacións tras catro anos de convivencia entre nós. Destaca que neste tempo puidemos conmemorar o 25 Aniversario do establecemento de relacións diplomáticas entre España e Israel e isto naturalmente lévanos a reflexionar que unha cousa son as relacións entre estados e gobernos e outra moi distinta o coñecemento e a relación entre as súas xentes. No caso dos xudeus, os 500 anos que nos separan daquel desgraciado e aciago acto de expulsión dos nosos concidadáns, polo feito de profesar unha relixión distinta e ter uns costumes diferentes, comportou, curiosamente, que resulte máis difícil o coñecemento e recoñecemento desa parte da nosa historia. Queiramos ou non, desde as prácticas inquisitoriales aos postulados políticos da non moi lonxana ditadura franquista, con chamadas ao castigo a todo aquilo que puidese formar parte da conspiración "xudeo-masónica", deixaron unha pegada máis profunda do que parecería a primeira vista e da que deberiamos desprendernos totalmente o máis pronto posíbel.

Sen dúbida, como manifesta o propio embaixador, Israel é un país que ten os seus propios conflitos. A relación co pobo palestino e como atopar o difícil camiño cara a unha paz duradeira que ofreza garantías de seguridade ao estado de Israel e o recoñecemento ao dereito dunha patria palestina, é un reto no que hai que pór todo o empeño, pero desde a sinceridade, a honestidade, sen apriorismos daqueles que desde a súa casa, no cómodo balneario europeo e realizando algún "tour marítimo solidario", teñen a solución para esa zona do Mediterráneo e nada teñen que dicir sobre outros conflitos tanto ou máis graves, como o que acontece na zona de Darfur, en Libia, en Siria, no Iemen, noutros países centro africanos onde centos de persoas sofren ou mesmo perden a vida, por non referirme ao réxime totalitario relixioso de Hamas, presente na franxa de Gaza que, seguindo a lei do seu deus, persegue e executa se é necesario aos seus disidentes, a todos aqueles que non aceptan os seus principios fanáticos, dogmáticos e ditatoriais.

As posicións e as decisións do goberno de Israel non sempre son acertadas e neste sentido o Sr. Raphael Schutz defende a necesidade de crítica a todas aquelas decisións que un goberno democrático poida tomar. Eu non comparto algunhas de decisións do goberno de Israel, como tampouco as comparte unha parte dos cidadáns israelís, pero cuestionar xenéricamente e sen matices todo o que provén deste país responde a un descoñecemento que debería invalidar facer tales valoracións, a non ser que estas sexan froito dos estereotipos propios de campañas organizadas antiisraelíes ou antixudías e das que, querendo ou non, moitas veces acabamos formando parte.

Non coñecemos o verdadeiro Israel, di o diplomático. Pois é certo. Deberiamos saber que falamos dun país parecido ao noso, unha sociedade democrática, de costumes e hábitos de vida occidental, mesturada, como non pode ser doutra forma, de influencia oriental, árabe, rica en matices, formada por unha multitude de pobos que conviven nese territorio. Israel é unha potencia económica mundial, como resultado do seu traballo e esforzo, e lonxe dos clichés infantís das axudas exteriores, é o segundo país en número de patentes do mundo, o que ten máis empresas cotizadas no NASDAQ despois dos EEUU, e todo iso froito do seu altísimo nivel tecnolóxico e científico e do seu cualificado modelo universitario, un éxito económico que xa quixésemos para Catalunya. Nin que dicir ten que tamén estamos a falar dun referente cultural mediterráneo de grandísima calidade e riqueza. Como di, Raphael Schutz, porque os numerosísimos e diferentes correspondentes dos medios de comunicación destacados na zona non explican a existencia de todo iso e só nos transmiten os episodios de violencia.

De coñecer mellor esta realidade, os cidadáns catalans e españois talvez poderían ter unha percepción máis plural, diversa, non deformada e sen dúbida facilitaría que esa sensación que leva o que foi o representante do Estado de Israel no últimos catro anos, de ser pouco amigo do xudeu e do pobo de Israel, fóra diferente.

*Josep A.Burgasé Rabinad é Vice president de ARCCI (Associació de Relacions Culturals Catalunya-Israel)

Comentarios