Primeiros poboadores do kibbutz Degania A
.
.
Por Israel Harel
Haaretz
.
.
Unha cerimonia de estado celebrouse en honra de Degania A, o primeiro kibbutz, para conmemorar o centenario da súa creación. Ate se moitos dos seus valores se perderon polo camiño ao longo dos anos, ao movemento kibbutz (que agora celebra a fundación de Degania baixo a bandeira de "100 anos do movemento kibbutzim") débeselle conceder o recoñecemento popular e gobernamental polo papel decisivo que desempeñou na instalación da base social, militar, cultural e ate económica para o establecemento do estado xudeu. O recoñecemento debe estenderse tamén á contribución única do movemento kibbutz á defensa de Israel e á absorción de inmigrantes logo da independencia, a pesar de certas reclamacións (algunhas delas delirantes) de que os kibbutzim foron responsábeis da exclusión e discriminación dos inmigrantes xudeus dos países árabes, en particular no referente á súa educación e cultura. O pobo xudeu sobreviviu, entre outras cousas, debido á súa memoria histórica e á conmemoración dos momentos cruciais da súa historia. Hoxe en día, hai poucas iniciativas, ate no gabinete e na Knesset, para conmemorar estes eventos. Con todo, o movemento kibbutzim merece xustamente este tipo de recoñecemento. Pero o estado -ademais da presenza do presidente Shimon Peres en Degania- saltouse esta ocasión histórica.
.
Se non fora polos kibbutzniks que deixaron o movemento e entraron no mundo dos medios de comunicación, é dubidoso que o público en xeral recordase en absoluto esta data. A apatía, ás veces ate a hostilidade, cara ao movemento kibbutzim pode deberse ao desexo de certos individuos e grupos de inculpalo, agora que a súa influencia decae, acusándoo de condescendencia, discriminación e incautación de bens públicos. Pero estas acusacións, incluso se tivesen un gran de verdade, ignoran a contribución incomparábel do movemento kibbutzim: ningún outro movemento social na historia xudía optou por un estilo de vida colectiva, desde os seus inicios, non só por mor duns nobres ideais sociais universalistas, senón tamén porque era o mellor xeito de dinamizar ao pobo xudeu para permitirlle recuperar a súa soberanía. Foi ese estilo de vida o que permitiu aos kibbutzim dedicar algúns dos seus mellores membros á misión nacional, porque o colectivo mantiña ás súas familias. Servíase na Haganá pre-estatal e nas milicias do Palmaj, traballábase para salvar aos xudeus de Europa e para axudarlles a voltar a Israel, e proporcionábase a aprendizaxe e a educación nuns valores que máis tarde serían necesarios na prosecución duns estudos académicos.
.
Os escritos dos fundadores do kibbutz (ate nas condicións imposibles deses días, eles atoparon tempo para escribir) demostran que os seus pensamentos dirixíronse directamente e en primeiro lugar á consecución de boa gana dunha vida de traballo e pobreza material que puidese beneficiar á humanidade en xeral, xa en particular, que permitise restaurar ao pobo xudeu na súa patria, onde podería vivir unha vida en liberdade. Estes foron os principais temas que ocuparon aos fundadores do país, aínda que, e especialmente os seus sucesores, cometeron algo máis que uns poucos erros no seu esforzo por alcanzar os seus obxectivos. Non foron as altas taxas de interese da década de 1980 as que derrubaron ao movemento kibbutzim así como ás súas pretensións dun liderado actualizado. Ao contrario, os seus membros xa non eran produtores de ideas sociais e nacionais innovadoras: como a maioría dos israelís, eles adaptáronse a unhas formas insípidas e caprichosas de pensamento que non tiñan nada que ver co seu carácter, a súa cultura e a súa forma de vida. O que provocou a caída do movemento non foi a economía israelí, senón o abandono dos seus fundamentos ideolóxicos, e en particular a caída dramática da súa contribución ao estado e á sociedade, noutras palabras, o seu abandono do ideal de ser unha elite que servise a toda a comunidade. Algúns dun kibbutz representan só unha simple e pequena comunidade moi unida. Con todo, estas comunidades xa demostraron que tamén poden inculcar o ideal de conformar unha elite cun ideal de servizo aos demais. Se o movemento kibbutzim consegue ter éxito á hora de superar a súa debilidade ideolóxica e se embarca novamente neste camiño -e debemos confiar de todo corazón que o faga- tamén é probábel que teña éxito, polo menos parcialmente, na reactivación do seu glorioso pasado.
Comentarios