Shelly Yachimovich



Por Ari Shavit


Haaretz - 14.04.11


Shelly Yachimovich ten o que se precisa: visión de mundo, carisma, valor e capacidade de liderado. Ten forza de traballo e habilidade política. Non é ningún invento dunha oficina de relacións públicas nin unha mera imaxe de cartel. Só Shelly pode insuflar nova vida ao vello Partido Laborista. Amir Peretz non é un mal candidato para dirixir o Partido Laborista. Peretz é moito máis sutil do que aparenta a súa imaxe. É o dirixente sindical máis importante que tivo este país. Foi un líder dabondo bo para dirixir a Histadrut e un candidato puxante cando se postulou para o cargo de primeiro ministro. Detrás do seu distintivo bigote escóndese un home con valores, sociable, intelixente e pragmático. Pero o seu gran erro ao asumir o cargo de ministro de Defensa, en 2006, deixou unha cicatriz. Peretz non é quen de reconstruír o Partido Laborista e insuflarlle nova vida. Erel Margalit resulta un candidato interesante para liderar o Partido Laborista. Margalit é un empresario da tecnoloxía de vangarda de Xerusalén, quen aprendeu os trucos do oficio do eterno alcalde Teddy Kollek. É dinámico, moderno, creativo e ten visión. Margalit é un deses empresarios cualificados e comprometidos que deberían formar parte da política israelí. Pero aínda é demasiado temperán. Margalit necesita primeiro integrarse ao Partido Laborista e porse a traballar desde a base antes de poder lanzarse seriamente a competir polo liderado do partido. Margalit aínda non é capaz de reconstruílo nin tampouco de insuflarlle nova vida. Isaac Herzog é un moi bo candidato para liderar o Partido Laborista. Herzog é un "príncipe" que nunca se comportou como tal. Ningún outro político fai unha práctica da política con tanta dilixencia e habilidade e con igual entusiasmo propio un mozo ambicioso. En verdade, Herzog meréceo plenamente. É á vez práctico e sociable, diplomático e político, sionista e moderado. Pero non posúe ese algo indeciblemente especial que converte a unha persoa nun líder. Está ben, de feito, moi ben; pero non logra provocar na xente nin molestia nin emoción. A pesar das súas virtudes e grandes vantaxes, Herzog non é capaz de reconstruír o Partido Laborista e insuflarlle nova vida.


Todo o cal déixanos a Shelly Yachimovich. A deputada Shelly Yachimovich. É a adecuada? Pode Yachimovich reconstruír o Partido Laborista? A resposta é complicada. Yachimovich é o tipo de persoa que suscita enfrontamentos. Ás veces parece ser demasiado belixerante, demasiado farisea, extremista e cruel. Tanto o poder económico como a esquerda post-sionista vena como unha ameaza real. De feito, nos seus seis anos na Knésset, Yachimovich cometeu unha serie de erros. Máis dunha vez tomou unha postura populista. Máis dunha vez fixo propostas que non tiñan ningún sentido económico. Non sempre soubo distinguir entre capital produtivo e capital expeculativo. Perseguiu aos ricos que axudan a construír o país do mesmo xeito que perseguiu aos ricos que lle quitan toda a súa forza vital. Ao mesmo tempo, puxo moi pouco énfase na cuestión diplomática. As súas críticas no campo da paz lograron axenciarlle unha chea de inimigos. Pero Yachimovich ten o que se precisa: visión de mundo e unha forma especial de dicir as cousas; ela posúe a quinta esencia desta materia. Ten carisma, valor e calidades de liderado. Ela é quen de lograr plena popularidade. Ten forza de traballo e habilidade política. Non é ningún invento dunha oficina de relacións públicas nin unha mera imaxe de cartel. Ela sabe como moverse no lodo da política para lograr o seu obxectivo. É por iso que Yachimovich provocou toda unha revolución conceptual en Israel. Por iso foi capaz de deixar o seu selo no mapa político-económico. Ela logrou establecer unha nova axenda social. logrou coalicións parlamentarias moi interesantes e presentou 33 novas leis que foron aceptadas. Yachimovich plantexa aos traballadores israelís e a mocidade unha proposta sionista socialista de alto voltaxe e moi emocionante. Unha enquisa reservada, encargada por un dos grandes partidos, mostra que o potencial electoral do Partido Laborista baixo a condución de Yachimovich sitúase entre os 15 e 20 escanos. Non é de sorprender. O pobo israelí está canso da va e perpetua loita entre a esquerda e a dereita. Os israelís pensan que tanto os oligarcas como os post-sionistas non fan máis que aproveitarse deles. A clase media está erosionándose; a clase obreira, cada vez máis oprimida; os mozos non teñen posibilidade algunha de conseguir unha vivenda. De cara a un Estado que non funciona e a unha sociedade desmoronándose, non existe un goberno apto nin unha oposición pertinente. É a gran oportunidade para os laboristas encabezados por Yachimovich. Ela está lonxe de ser perfecta. Debe crecer, madurar e ser máis moderada. Debe recoñecer os principios básicos do libre mercado e a realidade propia da vida do século 21. Pero ao final, moi ao final, o cambio deberá de comezar con Yachimovich. Só Shelly pode insuflar nova vida ao vello Avodá.

Comentarios