Sucedeu en abril

O día 19 de abril de 1943, primeiro día do Pesaj daquel ano, a Organización Combatente Xudía do gueto de Varsóvia iniciou unha revolta contra o exército nazi. Naquela altura, case o 90% da poboación xudia do gueto fora xa deportada para os campos de extermínio. A insurrección durou case un mes, tras o cal practicamente só restaron cascallos na área antes ocupada polo gueto. Foi unha loita desigual. Un puñado de mozos, precariamente armados e debilitados pola fame, resistiu a un exército profesional, ben adestrado e equipado con armas pesadas. Resistir foi só posíbel por dúas razóns: un comando militar unificado e o uso eficiente de tácticas de guerrilla. Os nazis, pensando que os xudeus non pasaban dunha sub-raza, foron sorprendidos pola eficiencia dos guerrilleiros.


De acordo co escritor e artista plástico Marek Alter, o levantamento do gueto de Varsóvia foi o terceiro e último estadio das resistencias posíbeis. O primeiro, tradicional entre os xudeus, foi o da palabra. O gueto, na concepción nazi, era unha especie de "cemiterio de xente viva", os seus habitantes estaban condenados á desaparición, á extinción. Moitos nazis visitaban o gueto, curiosos, inaugurando unha especie de turismo macabro. Fotografiaban e filmaban os "sub-homes". Foi entón que algúns grupos de xudeus, que falaban alemán, ousaron achegarse e falar con eles. Eran, ao final, homes e non animais! Pódese imaxinar canta coraxe precisaron acumular, nas penosas condicións do gueto, para dirixirse aos da "raza superior"?. Opuxeron, como resalta Halter, o verbo á violencia.


Cando Himmler pechou o acceso ao gueto, xurdiu a segunda fase da resistencia: a do testemuño. O exemplo máis acabado desta etapa foi a organización do arquivo Oyneg Shabes, ideado e coordinado polo historiador Emmanuel Ringelblum. Foron recollidos documentos, declaracións, crónicas, carteis, poesías e todo que puidese preservar para as xeracións futuras as imaxes do cotián do gueto, da barbarie totalitaria. Rexistros espantosos, que sobreviviron á guerra gardados en latas. Ringelblum e a maioría de seus colaboradores acabaron asasinados. A idea do levantamento, da insurrección armada, xurdiu cando ficou claro o plano nazi de aniquilación total dos xudeus. Foi o instrumento adecuado para aquelas circunstancias. Como sinalou o historiador Raul Hilberg, era a primeira vez en máis de 2 mil anos que os xudeus deixaron de se someter e recorreron á forza.


Aquel distante abril de 1943 deixou leccións importantes. Cada xeración escollerá a mellor forma de loitar contra as violencias, sopesando as condicións obxectivas e a correlación de forzas cos opresores. Mesmo divididos en grupos, partidos e movementos, os xudeus do gueto souberon unirse para afrontar ao seu inimigo mortal. Demostraron, co seu sangue, que é posíbel convivir coas diferenzas e traballar xuntos. O seu exemplo xamais será esquecido. Como dixo Hirsh Glik, no Partizaner lid (Himno dos partisans), en 1943 (inspirado nas noticias que viñan do gueto de Varsovia): Mir zainen do! (Nós estamos aquí!).

Comentarios