A revolución do «hiyab»


Por Inma López Silva
La Voz de Galicia - 15.02.2011
.
Un día a avoa de Rosario puxo uns pantalóns e apareceu no colexio ensinando unha cabeza branca coa permanente recén posta. Rosario, convencida de que o cambio de look era para ben, dábanos explicacións: en Suíza, onde vivían os seus pais, as señoras non levaban panos na cabeza. A min xa mo parecía, porque a miña avoa María dicía que levar pano era unha paletada, pero non lle dixen nada a Rosario, que aínda debe pensar con orgullo no día que a súa avoa protagonizou unha revolución. Debín de herdar da miña avoa esa opinión sobre os panos, especialmente cando miro as nenas musulmás polas cidades galegas amosando unha lectura do corpo feminino que simbolicamente contradí o noso principio de liberdade. Por iso crer que o veo ou o hiyab son só símbolos identitarios é tan inxenuo coma cruel. ¿Ou non hai algo menos agresivo co que poidan identificarse as musulmás? Se cadra é por iso polo que Europa anima diariamente ás musulmás a facer a mesma revolución que fixeron as nosas mulleres: ostentar con orgullo unha cabeza pensante e libre. Alguén debía dicirlle ao pai da alumna de Arteixo coa que rexurdiu a polémica que, se ten idade de levar veo, tamén a ten para entender que a identidade non pode estar por riba da súa condición de muller libre. E menos aquí, onde media revolución social consistiu en que a avoa de Rosario tirase o pano da cabeza, puxese pantalóns e seguise falando galego. E a quen decidiron ser guais e pedir que a rapaza exprese a súa cultura cubríndose, rétoos a mirarme aos ollos e dicirme que non senten un arrepío ao ver unha nena tapada coma se o seu corpo fose fonte de pecado.

Comentarios