Dilma Rousseff rompe os lazos de Brasil co réxime de Irán


Nun discurso aplaudido co público posto en pé en Rio Grande do Sul, ante sobreviventes do Holocausto, a presidenta brasileira Dilma Rousseff sorprendeu na noite do xoves pola súa enérxica defensa dos dereitos humanos por parte do seu país en todo o mundo: "O meu Goberno será un incansábel defensor da igualdade e dos dereitos humanos en calquera parte do mundo", dixo. "Nós non somos un pobo que odia, nin un pobo que respecta o odio, por iso Brasil ten unha posición histórica que nos enorgullece".
.
O discurso da presidenta ante a Confederación Israelita de Brasil (CONIB), foi interpretado como un cambio claro da política exterior brasileira cara a Irán tras os fortes lazos forxados polo ex presidente Lula, sobre todo durante o seu segundo mandato, co presidente Mahmud Ahmadineyad. O réxime islamista de Teherán executa a homosexuais e condena á morte a mulleres por adulterio -como é o caso de Sakineh Ashtianí- , e tamén nega con reiteración o Holocausto. Quizais por iso, durante a cerimonia, o presidente da CONIB, o oftalmólogo Claudio Lottenberg, comentou o cambio da política brasileira con relación a Irán. Aínda distinguindo que os ataques a Israel son do presidente e non do pobo iraniano no seu conxunto, Lottenberg mostrouse feliz "ao saber que a presidenta Dilma Rousseff ten hoxe unha posición diferente da sostida polo presidente Lula no pasado". Na primeira entrevista que concedeu Rousseff tras asumir o cargo o pasado 1 de xaneiro a un medio estadounidense, neste caso The Washington Post, a presidenta xa revelou un cambio radical de posición cara a Irán.
.
Para Rousseff, o pobo de Brasil "está integrado por valores que respectan dous grandes principios: a paz e a conciliación". E falando na cerimonia do Día internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto, Rousseff lembrou que o mundo "ignorou na época da Segunda Guerra Mundial (1939-1945) os sinais do avance da barbarie antes da ascensión do nazismo" e que o Holocausto inaugurou unha época de "violencia industrializada" e de "tortura científica". Ante a presenza dos sobreviventes do Holocausto Max Schanzer e Sarah Perelmuter, de 87 anos, Rousseff lembrou que durante séculos o pobo xudeu mantivo a súa patria a través dos seus intelectuais, dos seus libros, da súa cultura, da relixión e da vida familiar até conquistar a súa patria física. "Un dereito", afirmou, "que non pode negarse a ningún pobo".
.
http://www.conib.org.br/noticia-completa.asp?id=386

Comentarios