A conmemoración da Shoah


Por Pablo Veiga
.
O vindeiro vinte e sete de xaneiro conmemórase o día da Shoáh, termo co que se coñece a unha das maiores atrocidades cometidas polo ser humano como foi o Holocausto, que ocasionou durante a segunda guerra mundial a morte duns seis millóns de xudeus en Europa a mans dos nazis. A razón da data escollida motívase en que foi precisamente ese día cando se liberou o campo de exterminio de Auschwitz polas tropas aliadas. Pasaron máis de seis décadas deses terribles acontecementos, mais convén manter viva a memoria colectiva sobre elo. A lembranza de que algo así sucedeu teríanos que servir para que nunca máis se volva producir.

Aínda hoxe nos preguntamos como foi posible. Canto odio estaba arraigado contra os xudeus, cando apenas supuñan o un por cento da poboación alemá daquela época, para deseñar un plan coa finalidade de aniquilar a todo aquel que pertencera a este pobo. Foi todo un xenocidio, asasinatos masivos de persoas, homes, mulleres, vellos e novos, que previamente foran perseguidos, confinados en guetos, despoxados dos seus bens, humillados ata os límites máis impensables. Todo elo baixo o amparo das leis do réxime hitleriano, onde o antisemitismo máis visceral quedaba reflectido. Europa contemplou como iso acontecía, sen saber deter unha barbarie como esa. Custa imaxinar a parsimonia dunhas sociedades que se supuñan avanzadas. A pesares delo, o pobo xudeu non foi exterminado. Rexurdiu das súas cinzas. De multitude de países retornaron á súa patria ancestral, alí crearon o Estado de Israel, ó que nunca déronlle tregua os seus veciños árabes. Alí, en condicións adversas, conseguiron florecer o deserto, recuperar unha lingua e desenvolver unha sociedade democrática e libre, plural, moderna, berce de numerosos avances tecnolóxicos en multitude de campos, desde a agricultura ata a medicina.

O día vinte e sete cómpre esta conmemoración. Agardemos unha declaración institucional do Parlamento de Galicia. E non estaría de máis que as corporacións provinciais e municipais se sumasen a ela. Foron seis millóns de persoas que da forma máis cruel se eliminaron. Unha razón de peso.

Comentarios