O galego que burlou o bloqueo contra Israel na Guerra dos Seis Días

Manuel Cordo (á dereita) no Centro Galego de Lisboa

O galego Manuel Cordo Boullosa, fundador da petroleira portuguesa Galp, burlou durante a Guerra dos Seis días o bloqueo da ONU para poder facilitar petróleo a Israel.

O home que alcanzou en Portugal o máis alto no mundo dos negocios -chegou a ser a quinta fortuna do planeta nos anos 60, cando aínda non existía a economía global- era fillo de emigrantes galegos e, a pesar de ter nacido en Lisboa, criouse até a adolescencia na localidade pontevedresa de Ponte Caldelas porque os seus pais non podían gañarse o sustento na capital portuguesa. Non hai nada máis parecido ao soño americano que a vida de Manuel Cordo Boullosa, que con quince anos vendía carbón en botellas de queroseno para forniños polas rúas de Lisboa e tres décadas máis tarde fundara unha das maiores compañías petrolíferas (Sonap, que despois se convertería en GALP), con numerosas plantas refinadoras en África, Asia e Suramérica. 

Cordo Boullosa foi o home que facilitou o petróleo a Israel durante a Guerra do Seis Días en 1967, para o que tivo que burlar o bloqueo de combustible establecido pola ONU. O seu poder en Portugal era tal que, en plena ditadura de Caetano, tiña traballando para el nun dos bancos que posuía en Francia ao dirixente socialista portugués exiliado Mario Soares -que máis tarde sería presidente da República- e a mesmísima filla do ditador. Ambos traballaban no mesmo departamento do Banco Franco-Portugués en París. Cordo Boullosa foi un dos poucos -por non dicir o único- grande home de negocios portugués que permaneceu incólume tras a revolución do 25 de abril en 1975. 

O magnate de orixe galega foi un grande mecenas da cultura portuguesa e posuía no Chiado, na mesma rúa que alberga a soada estatua de Fernando Pessoa, a libraría Bertrand, un establecemento de culto en toda Europa. Manuel Cordo Boullosa nunca renunciou á súa identidade galega -a pesar do pouco glamouroso que tal procedencia resultaba na señorial metrópole lisboeta- e, quizais para facelo máis evidente, obsequiou en 1988 á colonia galega en Lisboa cun fastuoso palacete que nin sequera o recinto da Embaixada española era quen de facer palidecer. Ese palacio foi desde entón a sede do Centro Galego de Lisboa, que agora cumpre cen anos. 

O potentado portugués mantivo sempre magníficas relacións co galeguismo, moi especialmente con Valentín Paz Andrade, alma máter da empresa Pescanova, con quen promoveu un errado proxecto para instalar nos anos 60 unha refinaría en Vigo. Conta a lenda que Manuel Cordo Boullosa entraba e saía de Portugal sen necesidade de presentar o pasaporte e que adoitaba impresionar aos seus convidados dicíndolles que non o tiña: "Non o preciso, ninguén mo pide -dicía-. Se realmente tivese que ter un, sen dúbida sería galego, pero como iso non é posíbel, pois simplemente non o teño".

Comentarios