Oenegés?


Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región de Ourense - 04-09-2010
.
Como un servidor non exerce de político -pois creo que iso da política debe ser máis un exercicio de xestión e proxección duns ideais na sociedade, ca unha profesión- pode ser pouco correcto políticamente. Ademais teño que dicir que me comprace levar a contraria á opinión xeral. Imos alá pois. Como funcionario público que son, como 'civil servant' que me gusta denominarme na versión inglesa do meu traballo, non teño o mínimo reparo en confiar en xeral máis na vontade e preparación das persoas que profesionalmente se dedican a algún tipo de servizo á sociedade -médicos, profesores, garda civís, oficinistas- que nos afeccionados que se achegan máis ou menos alardeando dunha suposta superioridade moral sobre o resto da poboación que sería inactiva e pouco sensible ou sobre un estado incompetente.
.
Pois non. Se hai problemas nos que debe cooperar a sociedade nos nosos barrios marxinais, entre os inmigrante ou no Corno de África, debe ser o nós colectivo que se chama Estado, con maiúscula, o que vehícule ese compoñente que esparexe solid-ez ou sexa solid-ariedade, entre os homes e mulleres do mundo. E tamén, por qué non, pode exercer esoutro concepto tamén humanísimo e nada despectivo que é a caridade, que non por casual ten a mesma raíz que cariño. E o Estado coas súas axencias de cooperación internacional, cos servizos sociais de calquera estamento ?municipal, autonómico e estatal-, resulta coñecedor das realidades complexas e profundas, e non só por sensacións epidérmicas, case turísticas. Por iso debe ser o que distribúa esa parte dos nosos impostos dedicados ao benfacer humanitario. Confío tamén, por outra banda, nas iniciativas ligadas á Igrexa católica, ou a profesionais moi sensibles como o doutor Garrido Valenzuela de Ourense, pois sen paternalismos nin inxenuidades, coñecen moi ben as realidades profundas deses mundos nos que traballan directamente.Pero sabendo que hai de todo, desconfíolles en xeral da sopa de siglas das ONGs, pois moitas creo xuntan unha inxenuidade redentorista etnocéntrica cun burgués espírito aventureiro e que se definen con algo tan esvaído e inconcreto como 'non gubernamental'.
.
E por iso son mellores? Pois se a unhas persoas lles peta organizar unha caravana de camións para levar queixos á poboación pastún do sur de Afganistán, gafas de sol ao Sahel, ou participar en flotillas integristas xunto con persoas que buscan o martirío no camiño do paraíso, pois, consecuentemente, que apanden co que lles pase. Ao final parece que ten que ser o papá estado, ese do que se desconfía tanto, o que solucione calquera tema, incluso con medidas tan radicalmente inmorais como ceder a chantaxes e proporcionar máis de mil millóns de pesetas aos asasinos do 11-M, aos que gasean nenas que ousan ír á escola ou matan gardacivís en Afganistán. O goberno gabouse da solución. Al Qaeda tamén. Espero que non fagan un comunicado conxunto.

Comentarios