Xemelgos en estado de sitio


Por Ari Shavit

Haaretz - 22.06.2010

.

Dous ou tres veces á semana a oficina do ministro de Defensa Ehud Barak recibe unha chamada telefónica da Casa Branca. No outro lado da liña está o vicepresidente dos Estados Unidos, Joe Biden. A conversa entre Joe e Ehud é sempre amable, case sempre para solucionar os problemas difíciles de forma amigable. Joe Biden é o que Estados Unidos adoitaba ser e Ehud Bark é o que Israel adoitaba ser. Xuntos están a tratar de restablecer a alianza norteamericano-israelí tal como adoitaba ser. Esas frecuentes chamadas telefónicas entre eles constitúen a corda de salvamento da alianza. Como o presidente Obama, en Washington, e o primeiro ministro Netanyahu, en Jerusalém, non poden tolerarse mutuamente, o vicepresidente e ministro de Defensa cumpren esa función como adultos responsables. Esta é a estratexia entre os dous estados, cuxas anteriores cálidas relacións convertéronse agora en xeadas. A estreita relación entre Barak e Biden é unha das principais razóns polas que o primeiro ministro Netanyahu trata ao seu ministro de Defensa con gran respecto, case con reverencia. Aquí están as outras razóns. Netanyahu sabe que sen Barak o seu goberno converteríase nun goberno de dereitas case repulsivo de cara ao exterior que non sobreviviría moito tempo. Sen Barak, Netanyahu sabe que Israel se convertería nun estado paria condenado ao ostracismo pola comunidade de nacións. O primeiro ministro tamén sabe que sen Barack ninguén se manterá ao seu lado cando teña que tomar a decisión sobre Irán. Política e estratexia fan de Barak o alicerce central do goberno de Netanyahu. Sen Barak, Netanyahu non ten futuro.


O contrario tamén é certo. Sen Netanyahu, Barak non ten futuro. Barak sabe que sen a condición especial que lle proporciona a asociación con Netanyahu, o seu partido comeríao vivo. Barak tamén sabe que sen Netanyahu a súa condición política estaría en estado crítico. Tamén é consciente que sen Netanyahu ningún proceso de paz pode avanzar nun futuro próximo. El tamén entende que sen Netanyahu é difícil tomar unha decisión responsable e racional con respecto a Irán. Política e estratexia fan de Netanyahu alguén vital para Barak. En consecuencia, o ministro de Defensa sente algo no que respecta a este primeiro ministro que de cando en cando lle sucede cos demais, unha veneración respectuosa. Durante anos a xente estivo falando de Netanyahu e Barak coma se fosen xemelgos. Pero a verdade é que só a dependencia mutua entre os dous converteulles neste último ano nunha parella de xemelgos, algo nunca visto entre os líderes israelís. David Ben Gurion e Moshe Sharett tiñan unha relación complexa, do mesmo xeito que Levi Eshkol e Moshe Dayan, así como Golda Meir e Dayan. As relacións entre Yitzhak Rabin e Shimon Peres eran pobres, e as existentes entre Menachem Begin e Ariel Sharon eran terribles. Yitzhak Shamir, Netanyahu (durante a súa primeira administración), Barak, Sharon e Ehud Olmert en realidade non tiñan parella. Así pois, o que sucede actualmente entre o primeiro ministro e o ministro de Defensa non ten precedentes.


Os xemelgos pasan tres, catro ou cinco horas ao día en compañía o un doutro. Non hai intrigas, trucos ou perfidias entre eles, hai unha ausencia de malo sangue ou de politiquería. Aínda cando non estivesen xuntos, como no incidente da flotilla de Gaza, permanecen xuntos. Esta alianza é o eixo sobre o que xira hoxe a política e a estratexia de Israel. Pero os xemelgos siameses non son idénticos. Aínda que unidos, cada un ten unha xenética diferente. O círculo interno de Netanyahu cre que calquera concesión é un suicidio. O círculo íntimo de Barak cre que o status quo é suicida. Así pois, cando os xemelgos sentan sós na habitación dúas visións opostas do mundo acompáñanlles.


Pero para que a alianza dos xemelgos poida sobrevivir, un dos dous terá que cambiar e ceder. Un deles terá que volverse contra a identidade e o ADN ideolóxico que o forxou. A flotilla de Gaza e as outras crises fixeron esta situación perfectamente meridiana. Israel está a perder a súa liberdade de acción. O país está ao límite. Así que os xemelgos non teñen moito tempo. Só se logran tomar medidas de fondo poden salvarse a si mesmos e ao seu país. Se non o fan pronto, mesmo Biden deixará de chamar. Os dous, que están unidos nisto, atoparanse esta vez colgados por separado, politicamente, na praza da desgraza.

Comentarios