Unha vez máis, a irracionalidade...


Por Afonso Vázquez-Monxardín
LA REGION - 01-06-2010

Comentábame unha vez un sabio israelí sobre os chamados falsos dilemas. Os dilemas do demo. Os que non teñen escolla boa. Un, por ejemplo:

Cando Alemaña comezaba a perder a guerra, no ghetto de Vilnius decretaran que a familia xudía era pai, nai e dous fillos. Dicían que non chegaba a comida para todos. Así, os pais con máis fillos deberían escoller que dous vivirían, ou, no caso de que non o fixeran, entendíase que querían morrer toda a familia xunta e xa.

Os xudeus consultaron aos rabinos e non sabían que lles dicir pois ao lado do mandato sagrado de tratar de manter o fío de vida a toda custa está o de condenarse de por vida a angustia de ter feito esa dramática escolla. Así, cada un acabou facendo o que lle pareceu. Uns sinalaron os fillos máis débiles para morrer, outros escolleron marchar todos xuntos. Sen trampa nin cartón. E a pregunta seguía sendo ¿cal era a solución correcta ao dilema? Pois simplemente non a había. Nunca a houbo nin nunca a haberá. Ás veces a historia sitúate ante dilemas do demo. E non hai escolla boa.

E lembrábame disto á raíz do intento evitado pola forza da chamada 'flotilla de axuda humanitaria a Gaza', fretada por unha organización integrista turca e saída desde a ilegal e non recoñecida pola comunidade internacional República Turca do norte de Chipre. E así, sen querelo, Israel viuse, seguramente, perante un deses dilemas do demo. Sabemos todos que desde que Hamás tomou o control de Gaza, Exipto e Israel miran con lupa as cousas que alí entran. Peneiran, por dicilo así, a axuda humanitaria despois de teren descuberto toneladas de armamento oculto, e logo do control, pasan 15.000 toneladas ao ano. Por iso, para evitar ese control, se construíron os túneles con Exipto. Pero non é difícil enviar axuda humanitaria a Gaza, iso si, seguindo as instrucións de Exipto, a través do paso de Rafah, ou de Israel a través dos de Erez, Nahal Oz ou Sufa. Neste problema do demo, o de menos era a chegada da axuda a Gaza.
As autoridades israelís tentaron que se desviasen os barcos ata o porto de Ashdod ata o último momento para que, unha vez cumpridos os trámites, se dirixise a Gaza por terra. Pero o obxectivo non era ese: era exactamente o conseguido. Os organizadores da frota -e os seus, talvez, benintencionados colaboradores occidentais- querían deixar en evidencia a Israel. E o estado hebreo, cos seus nove millóns de habitantes, pechado entre fronteiras de estados con poboacións maioritariamente antixudías, perdendo a batalla da simpatía occidental ante o islamismo radical aliado dos amantes antisistema de toda clase, non soubo inventar da noite para a mañá outra política máis que a que vén aplicando en favor da súa pura supervivencia. Nunca saberemos ben como empezaron os golpes, nin importa moito. Uns desexaban mártires e outros non tiveron problema en proporcionarllos. ¿Un dilema do demo ou habería outras opcións? Como todo nesa zona, é moi complicado. Moi complicado.

Comentarios