O científico ecoloxista




Por Afonso Vázquez-Monxardín
.
É un tipo novo e moi listo. As súas paixóns son a tecnoloxía e a ecoloxía. Non en van a pesar da súa mocidade leva quince anos traballando e impulsando a relación entrambos sectores: tratamento de residuos, reciclaxe das augas, aproveitamento do xeotermalisno... Pero sen dúbida o seu ollo dereito arestora teno posto en Efemcy, unha compañía de servizos mediombientais, focalizada nos sistemas bioenerxéticos que se dedica á investigación sobre a produción dun tipo de combustibles orgánicos de raíz ecolóxica. A idea central é lograr que o tratamento das augas negras en vez de consumir enerxía, proporcione electricidade ou hidróxeno a partir do uso de pilas de combustible microbianas. Así, logran un tratamento combinado e simultáneo da reciclaxe e limpeza das augas negras coa produción electroquímica de enerxía extraída do residuos en suspensión. E xa o fan. Non é unha idea no aire.
.
A pesar de ter moito traballo aquí e alá neste mundo global, aceptou vir a España porque o cobizaba a curiosidade e os desexos de comunicar que outro mundo é posible. Con técnica, boa vontade e coñecemento pódense desfacer moitos dos entortos que existen. Tamén científicos e técnicos. Onte, en Madrid, falaría nun curso enerxías renovables e tecnoloxías limpas. Cousas das que sabe. E viña a un tempo de cultura e universalidade como é o Parque Científico de Madrid en la Universidad Autónoma de Madrid. Como é? Como debía ser! Alí foi o agredido. Uns que, sen querer, gritaban calados o berro de Millán Astray na Universidade de Salamanca, -¡Muera la inteligencia!- agrediron ao sabio. ¿Por que? Pois por puro racismo. Si. Aos agresores non lles gustaba o país do que viña, nin a súa raza, nin a súa cultura, nin a súa xente, nin a súa historia, nin o seu goberno. Si, pegáronlle porque non lles gustaba o goberno ao que debe pagar impostos. E non. Non era negro. Tampouco era xitano. Nin era árabe. Nin iraní. Era algo peor. Pero algo para co que o racismo latente integrado na sociedade occidental se amosa cada vez máis virulento e a maioría sileciosa cada vez máis calada. O enxeñeiro, o biotecnólogo, era xudeu.
.
Cal é a relación entre o científico o incidente da flotilla? Non a hai. El é israelí. Non importa ao que viñese, nin quen fose. Puro racismo dos antiracistas de boquiña. Pura violencia de pacifistas declarados. Puro fascismo de antifascistas. De momento, batallas perdidas como a obxectividade dos medios neste tema. Eytan Levy, así se chama el, desculpe, por favor.
La Región . 08.06.2010

Comentarios

Anónimo dixo…
Este é o primeiro capítulo, o segundo é o da manifestaçom do orgulho gay. Polo visto, umhas associaçons de Tel Aviv que foram convidadas "deviam" condenar o da flotilha para poder participar. Segurinho que aos outros participantes também lhes exigirám que condenem certas cousas que acontecem no mundo para poder participar. Cómo? dí vostede que noutros "fregaos" nom há judeus polo méio? Ah! entom nom há problema, ho...!!