O científico agredido



Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región - 30.06.10
.
É un tipo novo e moi listo. As súas paixóns son a tecnoloxía e a ecoloxía. Non en van a pesar da súa mocidade leva quince anos traballando e impulsando a relación entrambos sectores: tratamento de residuos, reciclaxe das augas, aproveitamento do xeotermalisno... Pero sen dúbida o seu ollo dereito arestora teno posto en Efemcy, unha compañía de servizos mediombientais, focalizada nos sistemas bioenerxéticos que se dedica á investigación sobre a produción dun tipo de combustibles orgánicos de raíz ecolóxica. A idea central é lograr que o tratamento das augas negras, en vez de consumir enerxía, proporcione electricidade ou hidróxeno a partir do uso de pilas reactivas microbianas. Así, logran un tratamento combinado e simultáneo da reciclaxe e limpeza das augas negras coa produción electroquímica de enerxía extraída do residuos en suspensión. E xa o fan. Non son teorías. Son experiencias contrastadas que xa limpan augas e dan enerxía e cartos.

A pesar de ter moito traballo aquí e alá neste mundo global, aceptou vir a España porque o cobizaba a curiosidade e os desexos de comunicar que outro mundo é posible. Con técnica, boa vontade e coñecemento pódense desfacer moitos dos entortos que existen. Tamén científicos e técnicos. O outro día, en Madrid, falaría nun curso de enerxías renovables e tecnoloxías limpas. Cousas das que sabe. E cría que viña a un templo de cultura e universalidade como é o Parque Científico de Madrid na Universidade Autónoma de Madrid. ¿Como é? ¡Como debía ser! Alí foi o agredido. Uns que, sen querer, gritaban calados o berro de Millán Astray na Universidade de Salamanca -¡Muera la inteligencia!- agrediron ao sabio que se tivo que acabar refuxiando nun coche da policía local. ¿Por que? Pois por puro racismo. Si. Aos agresores non lles gustaba o país do que viña, nin a súa raza, nin a súa cultura, nin a súa xente, nin a súa historia, nin o seu goberno. Si, pegáronlle porque non lles gustaba o goberno ao que debe pagar impostos. E non. Non era negro. Tampouco era xitano. Nin era árabe. Nin iraní. Era algo peor. Pero era algo para co que o racismo latente integrado na sociedade occidental se amosa cada vez máis virulento e a maioría sileciosa cada vez máis calada. O enxeñeiro, o biotecnólogo, era xudeu.

¿Cal é a relación entre o científico o incidente da flotilla? Non a hai. Só que el é israelí. Non importa ao que viñese, nin quen fose, nin o que pensase. Era puro racismo dos antiracistas de boquiña. Era pura violencia de pacifistas de boca grande. Era, pois, puro fascismo de supostos antifascistas. De momento, parece unha batalla perdida como a obxectividade dos medios de comunicación. O certo é que este país é ben curioso. Despois dos crimes do 11-M en Madrid e de Casablanca, xenerosamente e por sorte, non hai racismo antimusulmán. Pero si antixudeu nun lugar onde non existen xudeus. Non me estraña que Europa pense que somos raros. Sr. Eytan Levy -o científico- desculpe, por favor.

Comentarios