Por Joana Bonet
LA VANGUARDIA - 10/05/2010
O tapis roulant da actualidade nunca cede, pero na súa sucesión imparable de feitos non todo é novidade. Cambia a contorna, a pel das cidades e as súas xentes, pero as vellas cantilenas seguen asinando o guión do mundo. E entre elas, todo un clásico: a negación da sexualidade das mulleres. De forma invariable, as leis sociais determinan a existencia de catro puntos quentes no seu corpo: o pelo, a cintura, o peito e os pés. Fatigosos e aporreados foron os intentos para exercer poder e control sobre eles. Durante séculos víronse obrigadas a constreñir os seus pés para que non crecesen; en canto á cintura, ate que Paul Poiret non convenceu ao mundo de que os corpiños non só acoirazaban a alma, senón tamén a dignidade das mulleres, varias xeracións asfixiáronse aprisionadas en miriñaques e crinolinas. Houbo un tempo en que para ser unha dama había que beber vinagre a fin de lucir unha tez branca. E unha viúva debía de enlutarse até a súa morte, ademais de cubrir o transistor cunha funda, porque na súa casa tan só había lugar para o silencio e o planto.
.
Hiyab en árabe significa "esconder, ocultar, separar". Non é sinxelo porse na pel de quen defenden o seu uso, e critican unha mirada etnocentrista, en lugar de cuestionalo como un símbolo universal de submisión feminina. Tamén custa crer que por mor dun trapo, en Irán, Iemen ou Arabia Saudita, aquelas que non renuncian a sentir o aire sobre as súas cabezas e desvélanse son arrestadas. Desde o Goberno até a Igrexa, en España expresouse un sentir xeneralizado: é unha tradición e como tal hai que respectala. Pero cantas barbaridades séguense a cometer en nome da tradición. A súa ditadura ignora a razón e refúxiase en crenzas e supersticiones para xustificar o secuestro da liberdade. En outubro do 2002, na banlieue parisiense, un mozo queimou viva á súa veciña, Sohane, porque non levaba veo. Dixo que parecía unha prostituta. Ese é o transfondo do vello asunto do veo, a etimoloxía perversa que tras el se esconde.
Hoxe, a polémica segue envolvida no seu protector verniz multicultural. Pero non é un espírito colonialista nin xenófobo o que pretende limitar o uso do veo en pleno século XXI. Nin o nó da cuestión radica en estar a favor ou en contra, senón no triunfo da tradición, até tal punto que moitas mulleres declaran sentirse culpables ou espidas cando non o levan. O verdadeiro reto consiste en quitar o veo das mentes. Abolir o ditame dunha moral sexual: "Obrígannos a cubrir o noso corpo para que os homes non se exciten", di a escritora e psiquiatra exipcia Nawal al Saadawi. Sería desexable que se impuxese a razón e fósemos capaces de ver a humillación que representa cubrirse cabeza e corpo, non para quen o elixen libremente, senón para as que están obrigadas a velar a súa identidade.
Comentarios