OS NOMES DELAS


Por Pilar Rahola
La Vanguardia - 21.11.09
.
Sabemos o nome del: Ibrahim Sheij Abdirahman. Case sempre sabemos os seus nomes. Ás veces eses nomes identifican ao imán que domina a zona, outras é o xuíz que ditou sentenza, outras o marido que a denunciou. Os nomes deles reflicten o seu poder, o poder de decidir a vida e a morte, máis aló de todo Deus e de toda piedade. Non necesitan esconderse, ampáraos a razón da espada xusticieira e a verdade do seu implacable credo, e por iso brillan por encima do horror. Os nomes delas, en cambio, non aparecen case nunca.

Son só simples mulleres arrastradas cara a unha morte horrible. A nota de prensa xeralmente di "muller de 20 anos, ou 19 ou 23..., lapidada en...". Unha vez soubemos que se chamaba Amina, e que os seus fillos tiveron a honra de tirar as primeiras pedras. É unha honra reservada para os máis achegados. Pasou en Afganistán.

Outra chamámabase Aisha Ibrahim Duhulow, tiña 13 anos, fora violada por tres homes, e por iso foi lapidada en Somalia, hai menos dun ano. As violadas son culpables da súa propia violación. Tamén soubemos que se chamaba Amina a traballadora da ONU que foi asasinada, hai poucas semanas, por ser cristiá e non levar o veo islámico. Pero a maioría delas non teñen nin iso, un nome que ler nos ollos cegos da prensa internacional, alí onde o sufrimento dunha moza soterrada até o pescozo, tapada cunha saba branca, e condenada a morrer pedra a pedra, ate que toda a saba estea vermella co seu sangue, non ten interese informativo. Unha máis, á que seguirán outras.

Pero resístome. Busco o nome en internet, nalgún lugar estará, polo menos un nome do que apiadarse, unha pequena historia por lembrar, aquí, perdido entre unha selva de artigos, nun recuncho do diario, case escondido para poder chorar silenciosamente por unha moza brutalmente asasinada. Leo.

Pasou na rexión de Bakool, no suroeste de Somalia, alí onde as milicias da Shabab -rama somalí de Al Qaeda- impuxeron o seu delirio. Sabemos a súa idade, 29 anos, que foi acusada de adulterio, levada a unha cancha pública e apedreada até a morte ante 200 persoas que contemplaban o espectáculo. Ao presunto amante condenárono a lategazos. Tamén sabemos que a muller acababa de dar a luz un neno morto. Pero o seu nome non aparece en ningunha crónica. Cazo ao voo unha foto nunha web. Din que é ela, o foxo no chan, a saba branca, a xente que se achega..., non ten nome... Que metáfora da nosa indiferenza, o seu nome descoñecido! Si non importa a súa morte, por que debería importarnos a súa vida?

Para ela, a voz crebada de Alfonsina Storni:
"Que tristes as sombras, as sombras nefastas, / as sombras creadas pola nosa maldade! / Oh, as cousas idas, as cousas marchitas, / as cousas celestes que así se nos van!".

Comentarios