O Departamento de Estado dos EUA ven levando a cabo dende xullo unha operación no Iemen, ate agora segreda, para procurar sacar do país se non a toda, canda menos si á maior parte da comunidade xudía. De 350 hebreos que había no país, a día de hoxe foron xa evacuados 60, e contan con rescatar a un cento máis nos vindeiros meses. O aumento da violencia antisemita por mor do auxe do islamismo, con episódios especialmente dramáticos coma o asasinato do lider comunitario Moshe Yaish-Nahari, fixera que as autoridades promoveran a reclusión da poboación xudía nun ghetto protexido pola policía e o exército situado no deserto ás aforas da capital, pero esta medida revelouse totalmente insuficiente para aplacar a cólera popular antisemita. Os refuxiados residen de momento nos USA, e os que faltan por saír dividiranse entre os que serán reubicados nos USA, os que recibirán refuxio en Israel, e os que permanecerán, polo dagora, recluidos no ghetto. Arredor de 49.000 refuxiados foran evacuados a Israel entre o 1949 e 1950, no marco da Operación Alfombra Máxica, logo de que tras a Declaración de Independencia se produciran por todo Ieman violentos pogroms que se saldaron con ducias de vítimas mortais e importantísimos danos materiais; ficando só 2.000. As sucesivas guerras dos países árabes contra Israel e o aumento do radicalismo islamita foron mermando o número, ate os aproximadamente 290 que agora quedan. Coma advirte Hayim Tawil, profesor da neoiorquina Yeshiva University e experto na xudaría iemení, éste é o fin de dita comunidade. Na nova, publicada no Wall Street Journal, explícase tamén cómo a comunidade xudía estadounidense movilizouse para dotar aos recén chegados de facilidades para comezar a súa nova vida. Polo visto, só en Nova Iorque hai 2.000 xudeus iemeníes, case sete veces máis dos que quedan no país (o mesmo pasa coa comunidade iraniana; só na cidade de Los Ángeles viven máis xudeus iranianos que en todo Irán).
Ligazón de interese: Association of Jewish Yemenites of the United States.
Comentarios