MAHMUD E OS CAUDILLOS


Mahmud e os Caudillos [1]

O presidente Ahmadi-Nejad de xira: unha ollada ao programa de alianzas dos xefes de Estado latinoamericanos

Por Stephan Grigat

Ao presidente iraniano gústalle viaxar. As ambicións globais da revolución iraniana, formuladas de xeito inequívoco polo seu líder, o Aiatolá Khomeini, son traducidas hoxe en día por Ahmadi-Nejad nunha política de alianzas, igualmente pragmática como ideolóxica, e tamén por desgraza, e até certo punto, exitosa. Nestes momentos atópase en América do Sur, para presentarse perante ao presidente brasileiro Lula da Silva, visitar ao de Bolivia, Evo Morales, e atoparse en Venezuela co seu estreito colaborador, Hugo Chávez.

Os novos heroes da esquerda latinoamericana sitúanse na fronte máis avanzada dunha forma de movemento de solidariedade co réxime iraniano. En anos pasados, Ahmadi-Nejad foi convidado á toma de posesión de Daniel Ortega e do presidente ecuatoriano Rafael Correa. En Nicaragua, os ex-sandinistas fecharon numerosos convenios de cooperación coa ditadura islámica. Bolivia recibiu a promesa por parte de Ahmadi-Nejad de apoiar o empobrecido estado andino con investimentos millonarios. Fidel Castro apelou constantemente a un aliñamento antiimperialista cos mulahs, legándolles aos seus seguidores unha estreita alianza: “Xuntos, Irán e Cuba, podemos pór de xeonllos a América!” Non sorprende que un dos máis populares patrocinadores de Castro tampouco se quede atrás ao respecto: hai xa dous anos, Diego Maradona fíxolle saber ao xefe da diplomacia iraniana en Buenos Aires: “Quero ter un encontro con Ahmadi-Nejad!”

Chávez cóntase xa entre os convidados habituais do presidente iraniano. Non se trata, en absoluto, apenas dunha alianza táctica, na cal aos antiimperialistas sudamericanos lles podería dar igual quen estivese no poder, Ahmadi-Nejad só ou a camarilla ao redor de Mousavi ou Rafsandjani. Na declaración de clausura do cumio deste ano da Alianza bolivariana polos pobos da nosa América, Venezuela, Bolivia e sete países máis con orientación de esquerdas proclamaron o seu “apoio á revolución islámica en Irán e ao goberno do presidente Ahmadi-Nejad”. Con isto, posicionábanse non só do lado do réxime, senón tamén da fracción máis agresiva deste. Chávez foi un dos primeiros xefes de Estado estranxeiros que deu os parabéns a Ahmedi-Nejad pola súa vitoria electoral, logo da farsa das eleccións presidenciais. Pero tamén Brasil, que non pertence á Alianza, considerou Ahmedi-Nejad como o detentor lexítimo do poder en Irán, e o presidente Lula da Silva comparou o movemento iraniano polas liberdades con seareiros de fútbol decepcionados, que non queren aceitar de ningunha maneira o resultado e comezan a facer barullo.

Imaxes comúns do inimigo

Venezuela e Cuba foron no pasado os únicos países, xunto con Siria, que defenderon directamente nas Nacións Unidas o programa nuclear iraniano. Existen numerosos indicios das intensas actividades de Hisbollah, actuando en América do Sur como prolongación do réxime iraniano. Informes israelís sospeitan do fornecemento de uranio ao réxime iraniano por parte de Bolivia e Venezuela. E o achegamento de Brasil a Teherán, que se expresa economicamente na duplicación das exportacións a Irán nos últimos cinco anos, é contemplado con preocupación polas capitais occidentais, tamén por causa do programa nuclear brasileiro, o cal foi iniciado nos tempos da ditadura militar coa axuda decisiva de Alemaña.

O latinoamericano “Socialismo do século XXI”, como é representado por Chávez na súa expresión violenta e por Lula na súa variante , ten tan pouco en común co Humanismo radicalmente ilustrado e, consecuentemente, occidental dun Karl Marx, que incluso un apocalíptico islámico como Ahmadi-Nejad lle pode coller gusto.

Hoxe apenas se pode predicir a onde levarán semellantes alianzas. O que é claro é que, en vista das imaxes que comparten do inimigo, non sorprenden tanto como puidera parecer a primeira vista. Mentres Chávez emula ao seu amigo iraniano, equipara seriamente a actuación do Estado Xudeu contra un Hisbollah estruturado por Irán cos asasinatos en masa do nazismo e, a comezos do ano, expulsa o embaixador israelí do país, Lula da Silva tenta situarse de maneira moi semellante á política austríaca, como un mediador máis honesto, que se pode levar ben con todos e, por iso mesmo, lle organizou unha agradábel recepción ao presidente israelí Simón Peres.

Unha prosa aduladora notoria

No entanto, na Asemblea Xeral da ONU deste ano, da Silva apoio o réxime dos Aiatolás, cualificou Irán como “parceiro excelente”, cuxo programa nuclear apoia, e posicionouse contra as resolucións da ONU que esixen de maneira inequívoca a suspensión do enriquecemento de uranio en Irán.

É comprensíbel que o acosado réxime iraniano, que na casa se confronta cunha oposición perseverante e, en Occidente, con outra tamén constante, procure novos aliados cando se ve confrontado con debates acerca da intensificación das sancións, até o de agora lamentablemente infrutuosos. Polo contrario, é totalmente incomprensible que grandes sectores da esquerda europea – pénsese un pouco na notoria prosa aduladora de Lafontaine e o seu partido, sucesor do PDS-, a cal (segundo o propio modo en que ela se ve) surxiu para pór en práctica unha idea de emancipación xeral, sexan aínda fiel as amigos latinoamericanos do antisemita, homófobo e misóxino Ahmadi-Nejad.

(DER STANDARD, 24.11.2009)

Stephan Grigat é docente de Ciencias Políticas na Universidade de Viena e co-editor de Der Iran – Analyse einer islamischen Diktatur und ihrer europäischen Förderer (Irán – Análise dunha ditadura islámica e os seus promotores europeos).

[1] En español no orixinal. Artigo traducido do alemán ao galego por Carlos Penela

Comentarios