ISRAEL DESPOIS DE GOLDSTONE


Por Shlomo Ben-Ami

.

A situación azarosa de Israel como consecuencia do informe do xuíz Richard Goldstone onde é acusado de crimes de guerra en Gaza, e o subseguinte respaldo do informe por parte do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, trae á mente a reacción do vicepresidente de Estados Unidos Spiro Agnew ante a acusación na súa contra por cargos de corrupción en 1973: "Os bastardos cambiaron as regras, pero nunca me avisaron". De feito, as regras cambiaron, e Israel non pode dicir que non foi advertido de que esta é unha era na que o dereito internacional e a xustiza universal están a promoverse de maneira convincente como os alicerces dunha orde mundial mellorada. Ese non era o caso cando estalou o conflito árabe-israelí hai máis de 60 anos. Agora, en cambio, a comunidade internacional está comprometida a escudriñar como se levan a cabo as guerras, e non se permitirá que os crimes de guerra non reciban castigo. Ou así deberían ser as cousas.

Desafortunadamente, as novas regras, en realidade, aplícanse só a aqueles países que non son potencias mundiais. O Consello de Dereitos Humanos da ONU non se atreveu a pór a Rusia no banco dos acusado por devastar Grozny, a capital de Chechenia, ou a China por reprimir brutalmente ao pobo do Tíbet e á minoría musulmá uigur. Na súa primeira visita a Beijing, de feito, a secretaria de Estado norteamericana, Hillary Clinton, deixou claro que cando se trata de China, a orde e a estabilidade están encima dos dereitos humanos. Despois de todo, explicoulle a un colega europeo, suponse que non hai que abusar do propio banqueiro. E este banqueiro en particular financia todo o orzamento do Pentágono. Tampouco é concebible que Estados Unidos ou Gran Bretaña foran convocados a dar explicacións ante a Comisión de Xenebra, composta por algúns dos abusadores máis brutais do mundo, polas baixas masivas que inflixiron a civís en Iraq e Afganistán. Da mesma maneira, os centos de vítimas civís do bombardeo masivo da OTAN en Serbia en 1999 permanecerán por sempre anónimos. É un defecto importante do sistema de dereito internacional que a aplicación dos principios sublimes da xustiza universal deba estar condicionada polo equilibrio global do poder político, e que aos abusadores máis soados do mundo, como Libia e Irán, permítaselles pousar como gardiáns dos dereitos humanos en axencias das Nacións Unidas.

Alguén realmente pode esperar que a Israel o impresione a crítica moral que fai Irán do seu "desafío da lei"? De feito, tal como descubriu o propio xuíz Richard Goldstone con consternación, o Consello de Dereitos Humanos elixiu censurar exclusivamente a Israel sen nin sequera preocuparse por mencionar a Hamas, a quen Goldstone explicitamente acusou de crimes de guerra e crimes contra a humanidade. Non é do todo desatinado supor que un "efecto Obama" está a ter impacto na actual presión internacional contra Israel. A arremetida contra Israel estivo indirectamente alentada pola percepción hoxe xeneralizada de que, con Obama na Casa Branca, o inquebrantable apoio norteamericano a un estado xudeu xa non se pode dar por sentado. A indiferenza dalgúns países europeos fronte a solicitude de axuda de Israel durante o debate sobre o informe Goldstone non estivo desvinculada da súa frustración ante a negativa por parte do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, a conxelar os asentamentos, algo no que Obama insistiu.

Con todo, por máis comprensible que sexa a sensación que ten Israel de que o tratan erradamente, debería axustarse a estándares máis elevados, e evitar atrincheirarse detrás dos muros das súas propias conviccións. A xesta de Israel en Gaza foi unha vitoria pírrica, e o país hoxe está comprometido a cambiar a súa doutrina de guerra de "defensa ofensiva". Unha mostra de forza devastadora, con vítimas israelís limitadas á conta dunha cantidade ilimitada de baixas civís palestinas, xa non é internacionalmente sustentable. Si tivera repetición, esta estratexia irreparablemente socavará a posición de Israel na familia de nacións. Israel terá que adaptar a súa doutrina de guerra ao campo de batalla moderno e ás sensibilidades da comunidade internacional. Os exércitos regulares xa non son a ameaza exclusiva á seguridade dos países. Os actores non estatais -como Hamas e Hezbollah, ou os talibáns en Afganistán e Paquistán- que se escudan detrás dunha poboación civil indefensa expoñen a crecente brecha entre as regras de guerra tradicionais e as realidades do campo de batalla de hoxe.

É dubidoso que Israel teña a capacidade de forxar unha alianza internacional que adapte as regras de guerra ás condicións de conflito armado asimétrico. O informe Goldstone non necesariamente é unha mala noticia para as perspectivas de paz en Oriente Medio. Podería dicirse que a guerra en Gaza creou unha nova clase de disuasión mutua nesta rexión devastada pola guerra. Hamas resultou definitivamente disuadido pola ofensiva implacable de Israel, e Israel, admítao ou non, verase disuadido polo espectro de líderes israelís e oficiais militares que se converten en obxecto de ordes de detención xudicial en Europa. Todo o proceso legal ben pode interromperse por un veto norteamericano no Consello de Seguridade das Nacións Unidas, e Israel podería seguir aferrándose ao seu reclamo tradicional sobre o seu dereito á autodefensa. Pero a verdade é que Israel ten as mans atadas. Os seus líderes agora terán que tomar medidas moito máis resoltas no camiño cara á paz si o argumento que utilizaron para desbaratar o Informe Goldstone -que debía se consideralo coma un obstáculo para o proceso de paz- debe ter algunha credibilidade.

Comentarios