Por Rosa Montero
El País - 10/11/2009
.
Que o islam de hoxe está cheo de energúmenos é unha tráxica realidade imposíbel de tapar con eufemismos politicamente correctos. O fanatismo criminal forma parte da escuridade do ser humano e calquera persoa, cristiá ou musulmá, sintoísta ou atea, pode caer nese abismo. Pero sen dúbida hai circunstancias históricas e sociais que o fomentan. Os cristiáns tiveron os seus tempos feroces, desde logo, e aínda existen extremistas cristiáns que asasinan médicos abortistas en Estados Unidos ou queiman vivos nenos en Nixeria porque din que están endemoniados. Pero agora mesmo eses bárbaros son unha porcentaxe ínfima e residual. No mundo cristián, a sociedade civil leva as rendas.
No mundo islámico, en cambio, por complexas razóns que non caben neste artigo, está a librarse nestes momentos unha durísima batalla entre a civilización e a barbarie. Porque, diga o que diga ese invento da Alianza das Civilizacións, que me parece un vistoso paquete cheo de aire, eu creo que non hai máis que unha civilización desenvolvida por diversas culturas, entre elas a musulmá, que achegou moitas cousas boas ao que somos hoxe. Con todo, agora, por desgraza, o islam está a ser abrasado pola febre integrista. Sudanesas condenadas a 40 lategazos por levar pantalóns, supostos adúlteros e adúlteras lapidados (a última execución foi en Somalia a semana pasada)... E o outro día, aquí mesmo, nun pobo de Ciudad Real, esa moza marroquí embarazada a quen dous compatriotas deron unha brutal malleira por non levar veo (a moza abortou nove días máis tarde). Os energúmenos musulmáns, en fin, son un perigo para todos, pero especialmente, non o esquezamos, para os propios musulmáns, que son as súas primeiras vítimas. Haberá que defenderse: non se pode transixir cos intransixentes.
Comentarios