"ALMORZAR EN TEL AVIV, XANTAR EN RAMALLAH E CEAR EN DAMASCO"


Unha entrevista de Sal Emergui
San Xoán de Acre - 11/10/2009
.
A palestina Mira Awad e a israelí Noa prepáranse antes de cantar en árabe, hebreo e inglés ante a impoñente paisaxe de San Xoán de Acre. A primeira cun café e a segunda con té. Á marxe deste pequeno detalle e das súas diferentes orixes, as dúas artistas teñen moito en común: son mulleres con forte personalidade, pasan das críticas dos seus e dos outros, posúen unha impresionante voz e comparten escenario e unha mensaxe de reconciliación. Esta semana exhibírono no lugar onde hai exactamente un ano vivíronse violentos disturbios entre xudeus e árabes. "Convideinas ao noso Festival para demostrar que podemos convivir en paz. Noa e Mira representan aquilo que aspiramos ser", dinos o alcalde Shimón Lankri. "Hai nove anos buscaba unha artista palestina para facer proxectos conxuntos a favor da convivencia. Cheguei a Mira e aquí estamos", indica Noa mentres a súa socia asente coa cabeza.
.
Noa e Mira falan sen andrómenas. Decláranse "namoradas do público español e da vida en España" pero á israelí non esquece o boicot dun grupo durante a súa recente actuación en Barcelona con motivo da Diada de Catalunya.
Pregunta: Que lembras dese acto?
Noa: Foi moi traumático porque ese grupo veu só para molestarme. Asubiáronme constantemente. Querían humillarme e obrigarme a deixar de cantar. Foi terrible pero son unha persoa moi terca e non baixei do escenario, continuei dicindo o que penso en catalán. O resto do público tamén sufriu esta manifestación tan vulgar deste grupo e por iso recriminoulles. Na terceira canción, 'A vida é bela', xa houbo silencio. Desgraciadamente é moi fácil que unha minoría ruidosa se impoña á maioría silenciosa e os convertan en reféns das súas ideas.
P: Entendes o seu boicot?
Noa: Creo que este grupo, coma grande parte da esquerda radical en Europa, busca unha loita. Escoitei a Pilar Rahola, que é unha muller de esquerdas e moi valente, dicir que necesitaban algo novo para substituír a gorra de Che Guevara e atoparon a Kefia palestina. Moitas veces non teñen nin idea do que falan. Non fan ningún favor ao pobo palestino e non axudan a que avance o dialogo. Eu estou a favor da paz e do diálogo. Esas persoas están tan obsesionadas en estar en contra que aínda non entendo de que están a favor.
P: Xustificaron a protesta polo teu apoio á ofensiva militar de Israel en Gaza...
Noa: Polas miñas palabras durante a guerra en Gaza cando critiquei ao grupo Hamás. Non rectifico xa que non creo que a súa mensaxe fanática represente o pobo palestino pero é a miña opinión persoal. Non se pode estar a favor da paz e apoiar a Hamás que é moi extremista. é absurdo. Apoio aos numerosos palestinos que loitan para que haxa paz. Pero polo feito que apoie a idea de dous Estados para dous pobos non me poden esixir que apoie a Hamás. Non podo, síntoo. Se teñen un problema con iso, pois teñen un problema comigo.
Mira: E comigo! Non teño palabras para describir a miña dor polo que Noa viviu en Barcelona. A xente inviste tantas enerxías e forzas para gritar contra unha cantante que durante 18 anos criticou continuamente políticas do seu Goberno e do Exército e que se opón á ocupación israelí. En lugar de atacar a Noa deben ir á ONU, Obama, Abu Mazen, Netanyahu, Hamas... Que boicoteen ao Goberno pero non a unha cantante.
P: Adoitan provocar moita atención cando viaxades xuntas?
Mira: Si. Nunha actuación en Italia levámonos unha desagradable sorpresa. Ao principio choramos de emoción ao ver tantas bandeiras palestinas e algunha israelí. Estabamos tan orgullosas. Vimos tantas Kefias! Eu adoito porme a Kefia e estou orgullosa diso xa que é un símbolo da identidade palestina. Pero de súpeto vimos que os eslóganes eran de odio chamándonos 'asasinas'. O meu Kefia de sempre fronte a unha chea de odio coma se eu fose unha asasina. Eu sempre rexeitei e condeno a morte de persoas, independentemente de onde sexan.
P: Moitos artistas palestinos criticárona a vostede por representar a Israel en Eurovisión...
Mira: Criticáronme moi duramente dicindo "como eu podía representar a Israel despois de que este país mataba ao meu pobo". Acusáronme de formar parte da propaganda israelí. Pero eu digo que desde o ano 48, as dúas partes fixeron cousas malas. Hai que lembrar a historia que é moi mala.
Noa: A nosa mensaxe chegou a moita xente, recibimos boas reaccións de todo o mundo, tamén de España. Foi unha época moi dura xa que Eurovisión celebrouse só tres meses despois da guerra en Gaza. Era difícil actuar xuntas pero dixemos que é a mellor época para reivindicar a nosa mensaxe.
Mira: Eu pregunto, Cando non hai guerra nesta terra? Hai días ou semanas de tregua e outra vez violencia.
P: O alcalde desta cidade di que vos convidou ao Festival por mor dos enfrontamentos do ano pasado...
Mira: O Festival representa a convivencia entre xudeus e árabes. O ano pasado a calma rompeu e o Festival aprazouse. Era importante vir para dicir que podemos vivir xuntos e que hai respecto entre pobos e relixións.
Noa: Non hai instinto natural de guerra e violencia. As persoas vivirán en paz se se lles dan a oportunidade.
P: Sinceramente Non cren que o que fan é só un graniño de area? A paz aínda está moi lonxe...
Mira: Se a nosa mensaxe é captado por unha soa persoa, todo o noso esforzo valeu a pena e modestamente creo que chegamos a máis dunha. Abrimos unha pequena ventaniña na dura realidade que ensinan os telexornais.
Noa: Eu creo que estamos moi preto da paz...
P: Perdoe pero tomou té ou outra cousa?
Noa: Té quente. Hai avances. Por exemplo, antes poucos se atrevían en Israel a pronunciarse a favor dun Estado palestino e hoxe a maioría faino. Agora só se trata de negociar o prezo para chegar a un acordo.
P: Para acabar, Cal é o voso soño?
Noa: Estar presente na cerimonia de acordo de paz entre israelís e palestinos. Quizais me deixen cantar (rin).
Mira: Almorzar en Tel Aviv, xantar en Ramallah e cear en Damasco.

Comentarios