UN EID AL FITR CON MENOS OBSTÁCULOS E CONTROIS


Por Sal Emergui
desde Hebrón 20 de setembro de 2009.
.
- "Hai tempo que non tiñamos un Eid al Fitr tan bo como este. Eid Mubarak!", exclama o palestino Ahmed, habitante dunha das cidades máis poboadas de Cisxordania. Hebrón vive o fin do Ramadán rezando, rompendo o xaxún, repartindo doces, consumindo bebidas (sen alcol) e celebrando o indiscutible crecemento económico.
Levantamento de postos de control.


As previsións e datos do primeiro ministro palestino, Salam Fayad, víronse confirmados co último informe do Fondo Monetario Internacional (FMI), segundo o cal, é a primeira vez que a economia crece desde 2005. Cun ritmo do 7%. De cara á importante festividade musulmá de Eid al Fitr e por orde do ministro israelí de Defensa, Ehud Barak, o Exército retirou 100 obstáculos físicos e postos de control en estradas e aldeas cisxordanas. "As Forzas de Defensa de Israel continuarán actuando de acordo á decisión do Goberno e as necesidades de seguridade co obxectivo de mellorar a calidade de vida da poboación palestina en Xudea e Samaria (Cisxordania) e garantir a seguridade dos cidadáns israelís", lese no comunicado do Tzahal. Grande parte do centenar de obstáculos retirados céntranse nas zonas rurais palestinas que teñen como desembocadura a estrada que une dous grandes centros urbanos: Yenin e Hebrón.
.
Os habitantes recuperan así as súas estradas interiores evitando desta forma dar voltas para chegar ao destino. "Cada vez que Israel levanta un obstáculo ou posto de control, nótase na economía palestina e no ambiente xeral. Non é suficiente para crear o noso Estado independente e libre pero si é moi importante para a súa infraestrutura", conta o alcalde de Hebrón, Jaled Osaily. Hebrón é a cidade de Abraham, onde se atopa a sacra Tumba ou Cova dos Patriarcas. Hoxe en día viven 220.000 palestinos. E no seu casco antigo, uns 1000 xudeus, dos máis radicais, baixo unha espectacular protección militar. Resultado da retirada israelí (de máis do 80% de Hebrón) durante o primeiro mandato de Beniamin Netanyahu como xefe de Goberno, dividiuse a zona en dúas. Unha baixo control policial palestino e outra israelí. Nesta viven uns 30.000 palestinos e o grupo de xudeus que moran no centro histórico.
.
A estreita e imposible veciñanza caracterízase por tensión, agresións e insultos. Aínda que teoricamente baixo control, en calquera momento pódese prender unha mecha de violencia potencialmente extensible a toda Cisxordania. Hebrón e os denominados asentamentos xudeus comparten un mesmo fenómeno: aumento espectacular do prezo da vivenda. Segundo o alcalde, "as medidas de confianza israelís e a efectividade das forzas de seguridade palestinas melloraron moito a calidade de vida do cidadán. Por iso, non sorprende que se disparara o prezo das vivendas. Hai unha grande demanda para comprar e investir". Á marxe do levantamento de restricións e as medidas ecónomicas israelís e de seguridade da ANP, non hai que esquecer un pequeno dato: os máis de 1000 millóns de dólares que fluíron xenerosos da comunidade internacional ao Goberno palestino de Ramala no ano andamos.
.
A axuda que chega a Cisxordania é a que brilla pola súa ausencia na bloqueada Gaza, baixo control golpista do grupo islamita Hamas. Precisamente, Hebrón sempre foi considerado un importante feudo deste movemento. "O cidadán de Hebrón o que quere é vivir. é certo que somos unha cidade moi conservadora e relixiosa e por iso Hamas sempre tivo moito apoio. Pero hoxe en día descendeu", opina o alcalde. Máis aló das discrepancias entre Netanyahu e o presidente palestino, Abu Mazen, os mandos israelís e palestinos cooperan no terreo. O Exército recoñece que ten "menos traballo" e a retirada de postos de control ou barreiras físicas é parte do diálogo entre oficiais das dúas partes. Desde hai longos meses, teñen un mesmo reto: evitar que Hamás se faga forte en Cisxordania. Pero se o estancado tren do proceso de paz non arrinca, a cooperación pódese converter máis unha vez en enfrontamentos violentos.

Comentarios