INQUISIDORES, IMPRESENTABLES


Por Joan B.Culla i Clará

El País - 18/09/2009

.

Cando, de agora en diante, visite Catalunya un creador iraniano -un cineasta, unha escritora, un músico...-, cominarémoslle baixo ameaza de boicoteo a condenar a brutal represión vivida no seu país a raíz da fraude electoral do pasado xuño, a denunciar a ditadura teocrática que rexe alí desde 1979?

Se o invitado é ruso, deberá reprobar os crimes de Estado, a violación sistemática dos dereitos humanos en Chechenia, o despotismo apenas encuberto de Putin, para evitar que as súas comparecencias públicas sexan obxecto de repudio?

En caso de recibir algún día a un artista ou autor de Sri Lanka, tería este que escoller entre abominar das matanzas de civís cometidas polo exército do seu país durante o recente esmagamento da insurxencia tamil ou ser tachado de "defensor de crimes de guerra"?

E se o noso hóspede vén do mundo árabe islámico, esixirémoslle que condene a brutal aplicación da sharia, a discriminación das mulleres, a persecución dos homosexuais, a asfixiante falta de liberdades nesa ampla parte do mundo, so pena de ser insultado e reconvido?

Naturalmente, nada disto vai suceder nin a ninguén se lle ocorrerá propoñelo, o cal desenmascara o carácter e as motivacións das plataformas que promoveron o boicoteo á cantante Noa o pasado Onze de Setembre: o seu carácter inquisitorial e sectario -baixo disfrace pacifista e buenista-, as súas motivacións xudeófobas e comprensivas co islamismo radical. Por que, entre todos os cidadáns do planeta, só os xudeus israelís teñen que renegar das súas institucións -democráticas- e aplaudir a quen pretenden destruírlles, se queren obter o certificado de progresistas e xentes de paz?

Por que esas entidades tan severas no escrutinio das ideas políticas de Noa nin sequera pestanexaron, por exemplo, ante a noticia (Reuters, 30 de agosto) de que Hamás cominou ás escolas da ONU en Gaza a non falar nas súas clases do Holocausto, "unha mentira inventada polos sionistas"?

De todos xeitos, que a campaña global orquestrada por esquerdas extremas e grupos filopalestinos para demonizar a Israel e acosar aos seus artistas ou académicos no estranxeiro chegue tamén a Barcelona non dá lugar a sorpresa. O asombroso é que tales plataformas -cuxa forza e representatividade quedaron á vista o pasado venres na Ciutadella- poidan arrastrar a unha formación de goberno (do Goberno anfitrión da cantante boicoteada, por máis datos) e levala a afundir no ridículo a celebración institucional da Diada. O cal nos remite, desgraciadamente, a un problema que xa aflorou noutro contexto o pasado mes de marzo: a falta de coraxe política de Joan Saura. Número tres do Executivo que convidou a Noa e aínda líder máximo de Iniciativa Verds, o señor Saura posuía toda a autoridade democrática requirida para impedir que a súa coalición, nun exercicio de deslealdade e de oportunismo inauditos, engordase e lexitimase a protesta ultraminoritaria contra a artista israelí. No canto diso, preferiu finxir que "descoñecía" os preparativos de boicoteo coordinados por Dolors Camats e Laia Ortiz, e a posteriori "condenou e lamentou" os incidentes, coma se non fosen con el.

Conseller de Interior e responsable político da policia catalana, dos Mossos d'Esquadra, Joan Saura tiña a obriga de velar pola dignidade e a boa orde do acto institucional máis importante que a Generalitat organiza en todo o ano, e iso sen violentar a ninguén nin transgredir ningún dereito: unha policía eficiente sabe como facelo. Con todo, parece que antepuxo o carné de partido ás esixencias do cargo, porque o medio cento de activistas antiisraelíes puideron ocupar comodamente localidades de preferencia e converter a Ciutadella -tomo prestada a metáfora ao vicepresident Carod- nun grotesco Teherán de pacotilla. Que fácil é ser radicais desde a poltrona, por palestino interposto!

EL PAÍS, 18/09/2009

Comentarios