DE NOVO, GAZA


Por Afonso Vázquez-Monxardín

La Región de Ourense - 25.08.09
.
Nun momento de optimismo, soñouse unha Gaza á imaxe e semellanza de Singapur ou de Mónaco. Pequenos espazos sen ningunha riqueza natural pero baseados na xeografía, no comercio e nos amigos de fóra. Como acontecera con Alexandría. Como é hoxe Hong-Kong ou Andorra. Como é Israel, pedras e vontade. A posición xeográfica de Gaza era boa. A inmensa axuda internacional desde a retirada xudía de hai seis anos, puido ser dirixida nesa liña en vez de a comprar armas. Israel e Exipto estarían encantados porque da riqueza do veciño, como ben sabe Shangai, tamén se beneficia un. En Belén, territorio palestino, saben ben do turismo que lles chega de Xerusalem. Pero Gaza convertiuse nunha rateira violentísima con dúas portas e cun pobo desesperado que se equivoca. (Os pobos, como nos ensina a historia, tamén se poden equivocar.) Nunha porta, na norte, manda Israel, e noutra, no sur, manda Exipto.
.
As autoridades efectivas da faixa -hoxe Hamás- e estes gardiáns das portas, son responsables do sufrimento dese pobo. E hai unha semana volveu a morte a aquelas terras. Vinte e nove persoas -entre elas nenos- foron vítimas da fratricida violencia interintegrista no sur da faixa. Foi no lugar de Rafah, onda a cancela gardada por Exipto. O tema foi un enfontamento entre irmáns. Un dominante, Hamás, practica un islamismo nacionalista palestino con tres eixos: non recoñecemento do dereito a existir de Israel, loita armada continua ata lograr a súa desaparición e vontade de proclamación dunha república islamista en toda Palestina, entendida tal como os territorios de Gaza, Cirxordania e Israel. O apoio externo, despois de ter vido de Arabia Saudita durante moitos anos, chega hoxe do mundo xii. O réxime de Irán usa Gaza -e Hizbulá no Líbano- na súa loita pola hexemonía no mundo islámico e na conversión do conflicto árabe-israelí en islámico-israelí e, por extensión, islámico-occidental. Así, os militantes de Hamás festexaron a truculenta vitoria de Ahmadineyad nas eleccións pasadas como algo propio.
.
A outra rama, hoxe en ascenso, son os autoproclamados ‘puros’, os partidarios do califato. Entre outros, os do grupo arestora exterminado, o Junud Ansar Allah do crego Musa.Defraudados da praxe de Hamás -no fondo un grupo islamista mandando sobre unha sociedade bastante occidentalizada-, adoecidos polo sufrimento e en xeral inimigos xa da actividade ‘política’ que só leva traído corrupción e desgrazas, defenden que só a través da relixión, coa proclamación de emiratos e dun superior califato no mundo islámico, pode haber futuro. Sen intermedios. Todo ou nada. Integrismo panislamista alineado directamente con Al Qaeda. A ideoloxía moi simple e a vontade de acción converte o movemento nunha auténtica ‘franquicia’ incontrolable.Por iso, Al Qaeda, baixo distintas iden tidades, guerrea aquí e alá, en todo o mundo musulmán, desde Chechenia a Marrocos, desde Afganistán a Indonesia, ou desde Iraq a Somalia. Ou Gaza. É toda a mesma guerra a favor da substitución de estruturas estatais para nós ‘normais’ ou sexa fillas da revolución francesa e da triple división de poderes, pola ‘sharia’, a lei islámica, e o goberno puro dos ‘cregos’ encargados da fe.Hamás non podía permitir este desafío e solucionouno.
.
Asalto á mezquita onde se proclamaba o emirato. 29 mortos. Un asunto ‘interno’ que non pasa de noticia a pé de páxina. Igual que o medio millón de mortos en Darfur en limpeza étnica intermusulmá, non interesan. Que pasaría se fose Israel ou a ANP quen provocase eses mortos? Se lle queda influencia a Arabia Saudita, se lle queda capacidade de presión a Exipto, deberían conducir a Hamás ata buscar a reunificación dos territorios palestinos con intencións de paz. O enfrontamento en Iraq entre Al Qaeda e os iranís pode favorecer esta estratexia. A Obama e Europa tócalles Israel. Evidentemente só se pode conseguir algo desde arriba e presionando desde fóra. Pola converxencia de intereses obxectivos. Os pobos, demasiado radicalizados hoxe pero no fondo fartos das guerras, seguirán aos líderes e esquecerán o que eles digan, que ha ser moito. En Europa xa se fixo. Quen ía imaxinar en 1945 franceses e alemáns amigos, só un par de xeracións despois?

Comentarios