Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región (18-07-2009)
.
Pois estaba eu onte sentado comendo un ‘packed lunch’ de trámite, esa trapallada que para superar o mediodía fan nos países anglosaxóns, sentado, digo, nunhas bancadas exteriores do museo Yad Vashem, gozando dunha excelente vista sobre parte da caótica zona nova de Xerusalém, cando chegaron e se sentaron entre nós a comer os seus xantares -ben mellores cós nosos- un enxamio de mozas noviñas. Habíaas de todos os modelos. Altas loiras eslavas de pel branca e ollos de cristal azul; negras de ollos inmensos, tipos espectaculares e pelos trenzados; morenas de pelo acibeche, pel de aceitona e ollos escuros tiñan todas en común cousas como a xuventude -ningunha chegaba aos vinte anos- falaban sen parar, melosamente polo móbil, levaban candasúa fermosa mochiliña de deseño, ían vestidas de caqui e levaban fusíles ametralladores. A verdade é que lle pare cían ter pouco respecto ao ‘chopo’. Sentadas, pousaban as súas metralletas facendo figuras xeométricas, triángulos, cuadrados, e elas, sen lles sacar ollo, comían relaxadas. Paliqueamos un cacho e parecían boa xente.
.
Véndoas pregúntome que é ser xudeu. Unha raza, obviamente, non o son. A megawalkiria de case dous metros, a negriña que tivo a sorte de xa nacer aquí despois de que trouxeran aos xudeus de Etiopía hai dúas ou tres décadas, a morocha iemení de cuarta xeración, non teñen, racialmente nada que ver. ¿A relixión? Tampouco parece a cousa. Certo que sen a relixión non se tería conservado coa forza que fixo a personalidade xudía, pero a maoría é laica, -tipo Einstein- pasa de sabath, de talmud e vai a sinagoga como a maioría de nós vai ás igrexas: bautizos, vodas e enterros.
.
Seguramente hoxe en día ser xudeu quere dicir simplemente querer selo. Ou sexa son unha nación vontade ante, cabe, con, contra a historia. Si. Teñen decidido agarimar estes cachos de pedras calizas deserticas onde os situou a historia hai sesenta anos, facelos producir e pelexar por eles. Ninguén llo vai pór fácil. Certamente terán que superar problemas. Se a normalidade que onte á tarde vimos en Xerusalém e na zona palestina de Belén fose sempre así, teriamos andado o camiño. Pasamos os postos de enlace entre ambas zonas sen sequera os pasaportes porque o chofer da nosa furgoneta era amigo dos gardas. O factor humano sobreponse a todo. A xente quere normalidade. Non tanto grandes palabras como vidas tranquilas. Parece haber camiño porque a cousa está tranquila estes días. Oxalá -queira Alá etimoloxicamente, aínda que tamén Cristo, Iavé, Buda a Natureza ou quen queiran vostedes- oxalá que así sexa.
Comentarios