O INVENTOR DO MP3


Jacob Ziv é unha lenda viva. As súas ideas xeniais en matemáticas serviron de inspiración para inventos que cambiaron as nosas vidas, do mp3 ao DVD. Humilde en canto aos seus logros e entusiasta en canto ao futuro, xa pensa en como teletransportarnos. E é que aos seus 78 anos segue dando clases de enxeñaría eléctrica no Instituto Technion de Israel situado na cidade de Haifa. Acaba de ser galardoado co premio de Novas Tecnoloxías da Fundación BBVA, os chamados Nobel do século XXI. Recoñécese así o seu decisivo labor no desenvolvemento da informática, campo no que segue traballando coa mesma vitalidade que cando empezou.

XLSemanal. Vostede recoñece o impacto da sorte nas súas investigacións. Non é moi común ser tan humilde.
Jacob Ziv. Existen tres condicións para triunfar en ciencia: intuición, devoción e ferramentas teóricas apropiadas. A sorte vai da man da intuición e consiste en definir e investigar un problema aberto que sexa importante e difícil de resolver e en atopar unha solución elegante. Por exemplo, o algoritmo universal de compresión de datos que desenvolvín con Abraham Lempel resolvía un difícil problema teórico, pero a solución era tan simple que podía levar á práctica.
XL. Son de letras, explíqueme en que consiste ese algoritmo de maneira que o entenda.
J.Z. En esencia, é unha maneira de reducir as imaxes ou os sons a unha fórmula, para despois recuperalos tal e como eran, sen perdas. Ademais, a súa sinxeleza permitiu a moita xente desenvolver as súas propias versións do algoritmo e isto contribuíu á súa popularidade.
XL. Inventou ese algoritmo nunha época na que non había ningunha necesidade de comprimir datos. Despois, chegou Internet e converteuse en universal. Foi unha sorpresa?
J.Z. Ben, estabamos convencidos das súas implicacións prácticas para a comunicación dixital mesmo antes de Internet. Pouco despois de que o algoritmo fose publicado, algunhas empresas de telecomunicacións comezaron a cobrar aos seus clientes polo número de bits que transmitían, e a aplicación comercial parecía obvia. Se comprimes os datos, pagas menos. Pero é verdade que foi a integración do algoritmo no sistema operativo de Windows e a explosión de Internet o que lle deu un empuxón que foi moito máis alá dos nosos soños máis delirantes.
XL. Non puido patentalo nin convencer a ningunha empresa de montar un negocio.
J.Z. Naquela época era imposible obter unha patente do algoritmo sen unha peza de hardware asociada. Conseguimos que unha compañía israelí construíse un módem utilizando o noso algoritmo, pero era demasiado pronto e despois dun ano a iniciativa parouse. Por isto, a pesar de que os nosos nomes figuran nun aparello posterior, nunca obtivemos beneficios económicos, aínda que sempre nos quedará o consolo de que polo menos tentámolo. Por outra banda, o abafador recoñecemento da comunidade científica é unha gran compensación.
XL. O seu algoritmo é un fito do traballo en colaboración, tan típico de Internet. Que pensa dos códigos abertos ou as licenzas Creative Commons?
J.Z. Son moi partidario do espírito dos códigos abertos.
XL. E onde está o límite desa fraternidade de mentes, onde termina a inspiración e comeza o plaxio?
J.Z. O plaxio non pode sobrevivir moito tempo na comunidade científica grazas á revisión por pares, que é un proceso aberto e estrito. Plaxio e enxeñaría inversa poida que sexan sempre unha parte da industria, pero a industria ten os seus propios modos de afrontalos.
XL. Canto máis sinxelo, máis fermoso?
J.Z. Si, absolutamente. No que se refire a algoritmos, o simple non só é belo, ademais, funciona!
XL. Que lles di aos seus estudantes israelís?
J.Z. Que exploren os recunchos onde pode suceder o inesperado. é moi común entre os científicos atacar primeiro problemas irresueltos ben definidos, desenvolvendo novas ferramentas teóricas. Unha vez que dominan as novas ferramentas e gañan un coñecemento profundo do seu potencial oculto, é apropiado mirar cara a outros campos e disciplinas onde aplicalos.
XL. Imaxinou que o seu algoritmo sería utilizado algún día para transmitir imaxes desde Marte?
J.Z. Non.
XL. Podería explicarme como funciona neste caso concreto?
J.Z. A distancia entre a Terra e Marte é moi grande. Como os sinais que nos chegan son moi débiles, a trasmisión necesita bastante tempo para completarse. A compresión de datos permite transmitilos a maior velocidade. As imaxes convértense en arquivos de menor tamaño, sen que se perda calidade.
XL. Debe de sentirse moi orgulloso?
J.Z. Si. Pero o mérito non é só meu. A NASA utilizou algoritmos desenvolvidos polos nosos estudantes en Haifa e baseados nas investigacións de Lempel e miñas. Así que, en verdade, nisto participaron dúas xeracións de científicos.
XL. En tempos de crises, a miúdo adoitan recortarse os fondos para investigacións.
J.Z. Por iso emocionoume moitísimo o recoñecemento dunha institución finaciera como o BBVA, que aposta por recoñecer a importancia do espírito científico precisamente en metade dunha crise económica mundial. O meu algoritmo, ademais, serve para aforrar moito diñeiro. Teña en conta que a maior tamaño dos datos entrantes, máis grandes deben ser as estacións de antenas para recibilos. Cos datos comprimidos fan falta menos antenas e poden ser máis pequenas.
XL. Vostede segue dando clases en Israel. O contacto cos seus alumnos manteno novo?
J.Z. O Technion é o centro de ensino técnico máis prestixioso de Israel e sen dúbida un dos mellores do mundo. E os meus estudantes son moi enxeñosos. O ambiente científico é efervescente. Por exemplo, están a desenvolver un sistema de seguridade nas comunicacións baseado no meu algoritmo que é francamente orixinal. A idea consiste en que cada persoa ten unha forma diferente de pulsar o teclado do seu computador e que é posible identificar a cada un por esa maneira peculiar de mecanografiar, que actúa como unha especie de pegada dactilar. Tamén se pode aplicar á música, á forma de tocar un instrumento, por exemplo. Hai moitas máis...
XL. Por exemplo?
J.Z. Na Biblia, o Libro de Isaías ten dous partes e a cuestión é saber se foron escritas pola mesma persoa. Unha universidade israelí está levando a cabo unha investigación. Podes chequear quen é o verdadeiro autor dun libro. Fan falta moitas palabras para descubrir se a sintaxe pertence a unha persoa ou a outra, pero é matematicamente factible.
XL. O seu algoritmo é unha auténtica panacea que ten decenas de aplicacións: DVD, televisión de alta definición, teoría de radares, mellora das comunicacións por fax, arquivos mp3 (son), pdf (texto), gif ou png (imaxe)... Pode imaxinar novos usos que agora nos parezan ciencia ficción?
J.Z. Teño moitas esperanzas na biotecnoloxía. Persoalmente, os meus esforzos están centrados agora nas áreas de clasificación universal e detección.
XL. Eu pensaba en algo espectacular, quizá teletransportar seres humanos.
J.Z. [Encaixa a pregunta con humor.] Ben, a teoría da información trata de modos de transmitir datos de maneira rápida e fiable. Se atopa a un científico que sexa capaz de converter a un ser humano nunha secuencia de bits e alguén deseña un aparello que rexenere ao ser humano a partir da secuencia binaria, prométolle que farei un traballo eficaz á hora de comprimir os datos e transmitilos a destinos afastados, quizá ao espazo exterior.
Unha entrevista de Carlos Manuel Sánchez

Comentarios