Unha crónica desde Viena de Ilana Steiner e Carlos Penela, socios da Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI
No marco das diferentes actividades que, tanto en Austria como en Alemaña, está a desenvolver a iniciativa cidadá „Stop the bomb“ como denuncia das ameazas de exterminio contra Israel por parte do réxime dos aiatolás iranianos, o pasado día 03.07.2009 tivo lugar no Museo Xudeu de Viena a conferencia, „Que facer contra a planificación dun xenocidio, o armamento nuclear e a vulneración dos dereitos humanos?“ pronunciada polo profesor canadense, Sr. Irwin Cotler.
O profesor Cotler foi ministro de xustiza e fiscal xeral do Canadá; na actualidade traballa como profesor de Dereito na Universidade McGill de Montreal e, desde 1999, é membro do parlamento canadense, no cal foi un dos fundadores do grupo „Parlamentarios para a Acción Global“, pertencendo ademais á coalición parlamentaria „Salvar Darfur“. Como ministro de xustiza e fiscal xeral do Canadá iniciou a primeira denuncia, dentro do marco da lei canadense, sobre crimes de guerra e crimes contra a humanidade a causa das masacres de Ruanda. O profesor Cotler cóntase ademais entre os fundadores da coalición interparlamentaria para a loita contra o antisemitismo.
O acto contou co apoio e presentación dos representantes no parlamento austríaco Sr. Steinhauser por parte de Die Grünen (Os Verdes) e a Sra Haselbach, en representación do SPÖ (Partido Socialista Austríaco).
Comezou o prof. Cotler a súa conferencia referíndose a tres aniversarios dramáticos que están de actualidade e que servirían para considerar, aínda mellor e en toda a súa dimensión, a seriedade das ameazas actuais do réxime iraniano: o 60° aniversario da Convención da ONU sobre os xenocidios, o 15° aniversario do atroz xenocidio en Ruanda e o 7° aniversario das matanzas en Darfur. A vixencia do horror non é, pois, algo alleo ou que fique lonxe no tempo e a súa repetición non é tampouco, por desgraza, tan improbábel como afirman algúns.
Neste punto da súa disertación o Sr. Cotler procurou deixar claro a diferenza entre o o goberno iraniano e o pobo do Irán, quen está a padecer as consecuencias dun réxime brutal como o dos aiatolás e do que son boa proba as imaxes de represión e asasinatos contra a poboación civil que hai unhas semanas deron a volta ao mundo. É por isto que o profesor Cotler empregou con frecuencia as fórmulas „o Irán de Ahmadi-Nejad“ ou „o Irán de Khameinni“, para que as palabras que a seguir pronunciaría non fosen tomadas como unha criminalización de toda a sociedade iraniana.
Así pois, en relación aos aniversarios antes citados, o Profesor Cotler fíxose a pregunta a respecto daquilo que levamos aprendido nos últimos 60 anos; ao seu entender as „leccións“ serían as seguintes:
1. O perigo do comezo dunha instigación ao xenocidio, por parte dun grupo sancionado a nivel estatal, ou polo Estado mesmo. Neste sentido citou o propio Tribunal Supremo do Canadá, quen determinou que o Holocausto non comezara nas cámaras de gas, senón xa coas palabras, no propio discurso de odio e difamación contra os xudeus.
2. O perigo da indiferenza e o desleixo perante tal incitación e perante os asasinatos en masa.
3. O perigo dunha „cultura da impunidade“; neste punto o prof. Cotler puxo como exemplo o feito de que hai ordes de detención do Tribunal Penal Internacional (ICC) que fican sen ser atendidas.
4. O perigo dos ataques contra persoas non protexidas e vulnerables.
Perante estas leccións a relevancia da situación co Irán de Ahmadi-Nejad faise patente, a saber: 3 mísiles shihab durante unha parada militar en Teherán rotulados coa frase „Elimina Israel do mapa, como o imán di“ ou a actitude xeral de negar sistematicamente o Holocausto, por exemplo, son mostra xa dunha linguaxe inequívoca a respecto das intencións que se teñen.
Así pois, estas leccións á luz do contexto iraniano levaron a que 60 xuristas e investigadores de xenocidios de renome conseguiran elaborar unha petición ampla en relación á incitación ao xenocidio por parte do Irán de Ahmedi-Nejad. Esta petición consta de dúas partes: a primeira parte contén as probas en relación á situación en Irán, mentres que a segunda parte cita as contra medidas obrigatorias do Dereito Internacional.
Irán xa incorreu nun delito de incitación ao xenocidio; seguidamente, o profesor Cotler enumerou oito fases previas, que, en relación a Irán, xa se deron e que, en suma, representa o grosso desa incitación ao xenocidio:
1. Des-lexitimación do „outro“, neste caso, o Estado de Israel, por exemplo por medio de declaracións como „Israel é unha nación falsificada“ ou „Israel é un estado falsificado“.
2. Linguaxe biolóxico-racista, por exemplo „Israel é un tumor maligno“
3. Demonización.
4. Inversión das falsas acusacións: é dicir, o obxecto da difamación é acusado daquilo que o propio Irán lle gustaría facer a ese obxecto.
5. Negación do Holocausto.
6. Os xudeus designados como inimigos da humanidade.
7. Apoio de organizacións terroristas (por exemplo, Hamas, Hizbollah, etc…que nas súas declaracións e documentos fundacionais contemplan a visión e o obxectivo do xenocidio de xeito explícito). A este respecto, o profesor Cotler mencionou as ordes de detención existentes contra os elementos iranianos relacionados no atentado do Restaurante Mykonos en Alemaña contra políticos curdos e o atentado con bomba contra o centro xudeu AMIA de Bos Aires que provocou ducias de mortos.
8. Emprego dos estereotipos antisemitas clásicos.
Así pois, xa que os elementos desa incitación proceden de funcionarios do goberno iraniano, as declaracións cobran o valor de ordes e mandatos, e, polo tanto, a situación vai máis alá da simple incitación.
Para o profesor Cotler unha resposta adecuada ao respecto sería, en primeiro lugar, prestar moita atención a estas fases previas e entender que nelas existe un perigo real e latente, actuando de maneira preventiva e loitando contra ese perigo.
En consecuencia, as medidas necesarias, as cales aínda non foron nin sequera consideradas por ningún estado, serían, principalmente, as seguintes:
1. Remitir o delito de incitación do xenocidio ao Consello de Seguridade da ONU.
2. Unha queixa formulada entre varios estados no marco da Convención do Xenocidio.
3. Solicitar no Consello de Seguridade da ONU que o Tribunal Penal Internacional (ICC) se ocupe deste crime de incitación ao xenocidio.
4. O secretario xeral da ONU ten, segundo o artigo 99 da Carta da Organización das Nacións Unidas a facultade para remitir este asunto ao Consello de Seguridade da ONU.
Lamentabelmente, a inactividade da comunidade de Estados mostra o desinterese por comunicar estes asuntos, favorecendo de maneira perigosa unha cultura da impunidade.
Neste sentido, e colocando estes feitos xunto coa situación actual de Irán, o profesor Cotler indicou en relación á aparente reacción de sorpresa de moitos comentaristas: „Se soubésemos o que acontecía en Irán antes do 12 de Xuño de 2009, talvez non estaríamos tan sorprendidos do que aconteceu despois desa data.“
Finalmente, no tocante á efectividade das sancións económicas, afirmou que é tempo xa de determinar a natureza das sancións e de que aqueles que cooperan economicamente con Irán se fagan responsables por este feito. Neste sentido, por exemplo, no parlamento do Canadá foi aprobado o „Iran Accountability Act“, que esboza a estrutura básica necesaria das sancións. E como exemplo de que as sancións si poden dar algún resultado, Cotler citou os casos do apartheid en Africa do Sur ou a Unión Soviética.
Como colofón á súa intervención o profesor canadense rematou afirmando que, neste tempos, o lema en francés „Qui s’excuse – s’accuse“ ten unha validez plena.
(Ilana Steiner – Carlos Penela)
……………………………………………………………………………………….
Links de interese con outras intervencións do Sr. Cotler:
Irwin Cotler on Rwanda anniversary: Genocide starts with incitement to hate
http://network.nationalpost.com/np/blogs/fullcomment/archive/2009/04/07/irwin-cotler-on-rwanda-anniversary-genocide-starts-with-incitement-to-hate.aspx
Cotler blasts Germany's economic support for Iran
http://www.jpost.com/servlet/Satellite?cid=1246443717126&pagename=JPost%2FJPArticle%2FShowFull
Irwin Cotler at Yom HaShoah 2009, Geneva
http://www.youtube.com/watch?v=xYS9K3yc9TE
Conferencia do Profesor Irwin Cotler: O réxime iraniano – Que facer contra a planificación dun xenocidio, o armamento nuclear e a vulneración dos dereitos humanos?
Comentarios