UN MILLÓN DE FOGARES XA CON ENERXÍA SOLAR


Unha compañía israelí desenvolveu un dispositivo, composto de espellos e lentes, preparados para focalizar a intensidade da luz do sol producindo máis electricidade que as tradicionais placas de silicio e a un prezo moito menor. Na actualidade máis dun millón de fogares israelís contan con paneis solares para quentar a auga, práctica xeneralizada despois da guerra árabe-israelí (1973) cando se disparou o prezo do petróleo. A partir dos 90, os edificios residenciais construídos debían instalar, por lei, placas fotovoltaicas, unha tecnoloxía relativamente sinxela. Pese ao fulgurante desenvolvemento das tecnoloxías en áreas como software, medicamento ou a nano-tecnoloxía, o sector das enerxías renovables (solar) non experimentou un avance comparable. "O futuro en Israel está na enerxía solar, igual que o foi nos 90 o sector da alta tecnoloxía", afirmou Roy Segev (foto), director da empresa, Zenith Solar, con sede na localidade de Nes Ziona, creadora do novo sistema. A horta solar inaugurada hai poucos días atópase no Kibbutz Yavne, no centro do país, e comprende un terreo, relativamente pequeno, con 16 pratos cóncavos de espellos, de 10 metros cadrados e a 2 metros do chan. Estes paneis, como antenas parabólicas, móvense de forma intelixente seguindo a dirección do sol. Con eses elementos prodúcese electricidade e enerxía termal con tecnoloxía pioneira. De aspecto futurista, a explotación enerxética cubrirá máis dun cuarto das necesidades de luz e consumo de auga quente das 250 familias que residen no kibbutz. Cada ano, xerará 150 megawatts de electricidade e 300 megawatts de enerxía termal, substituíndo o uso de 40.000 litros de combustible fósil ao ano.Á inauguración acudiu o presidente do Estado, Shimon Peres, quen destacou que esta enerxía é "democrática, temos moito sol". Zenit Solar baséase no que denomina "tecnoloxía fotovoltaica concentrada" (CPV, polas súas siglas en inglés), desenvolvida por un equipo da Universidade Ben-Gurión. Consiste nun mecanismo a través do cal os espellos dos pratos (conformados por aliaxe de materiais) dirixen a radiación solar cara a un "xerador" de 100 centímetros cadrados, unha especie de brazo de metal que converte a luz en electricidade. O prototipo xera intensa calor, o que é capturado a través dun sistema de refrixeración con auga grazas ao cal se obteñen augas termais para uso residencial ou industrial. "Eses sistemas utilizan tecnoloxía espacial, células fotovoltaicas polo menos dúas veces máis eficientes que os paneis estándar" Os creadores do invento só falan de vantaxes: Unha eficiencia do 75 por cento (21 por cento de enerxía eléctrica e 49 por cento termal), que require pouco espazo e pode actualizarse segundo melloren as células solares, e o reducido custo de quilowatts/hora. Dese modo, un único dispositivo pode producir, cada ano, 5 megawatts, cantidade necesaria para uso residencial ou público como hoteis, hospitais ou teatros. Destacan gran rendibilidade polo seu alto rendemento en comparación coas placas solares comúns -que non superan o 10 por cento- e o reducido custo da tecnoloxía que emprega: Unha unidade destinada a unha vivenda custará ao redor de 50.000 dólares. Así, a enerxía solar pode chegar a competir co petróleo e o gas natural en lugares de bo clima, sen axuda de subsidios estatais, en definitiva, un sistema idóneo de explotación de enerxías renovables non contaminantes.

Comentarios