O QUE O BURKA DITA

Por Gabriel Albiac
.
«¡OH, Profeta! Di ás túas esposas, ás túas fillas e ás mulleres dos crentes que se cubran cos seus veos ate os pés: este é para elas o mellor medio de darse a coñecer e non ser ofendidas» (Corán, 33, 59). Palabra de Alá a Muhammad. Inalterable como o Eterno mesmo. Outras cousas poderanlle ser reprochadas ao Libro; non, que sexa ambiguo. Ate no detalle das súas excepcións: «Di ás crentes que baixen a mirada, que sexan castas, que non mostren os seus encantos, que poñan veos sobre os seus peitos, que non mostren eses encantos máis que aos seus esposos, ou aos seus pais, ou aos pais dos seus esposos, ou aos seus fillos, ou aos fillos dos seus fillos, ou aos fillos das súas irmás, ou ás súas serventas ou escravas, ou aos seus escravos incapacitados para o acto sexual, ou aos raparigos impúberes» (24, 31). O veo ate os pés non é un avatar efémero ligado a interpretación de clérigos. É o que o Libro establece. E nada no Libro que Deus ditou pode ser erosionado polo tempo. Ou pola azarosa interpretación humana. Porque ese veo non é un ornamento. É a expresión litúrxica dunha fobia coránica. A que cristaliza no devandito da Sunna: «Un home, unha muller. E Satán no medio». É humana unha muller? Só dun modo taxado. Ao cincuenta por cen da plenitude, tal como fixan as suras 2, 282 e 4, 11-12: «Pedide o testemuño de dous homes. Ou, se non os houber, dun home e dúas mulleres». «Se as vosas esposas non teñen fillos, a metade do que posúen pertenceravos». Igualmente taxada, a súa submisión ao mando viril: «Os homes teñen autoridade sobre as mulleres en virtude da preferencia que Deus lles concedeu sobre elas... Amoestádeas cando sospeitedes a súa infidelidade, encerrádeas en habitacións a parte e golpeádeas» (4, 34). Condición semihumana que ten un nome, en suma. Estraño hoxe para Occidente: escravitude. Nicolas Sarkozy subliñou antonte en Versailles, ante a solemne Asemblea conxunta de Parlamento e Senado (a primeira dese tipo en case un século e medio) a centralidade da loita republicana contra iso. A abolición da escravitude marcou en Francia -primeiro en 1793, definitivamente en 1848- o punto sen retorno na universalización do dereito. Requiriuse un longo treito aínda e un esforzo perseverante para facer da norma realidade plena: esta que define ás sociedades libres. Moi poucas, por certo, fóra de Europa e o Norte de América (que talvez sexa hoxe a única Europa viva). Pero non existe avance histórico que non sexa reversible. E, ao anunciar a inmediata promulgación dunha lei para prohibir o uso do burka, o presidente francés sabía ben que non estaba abordando unha anécdota ligada á liberdade relixiosa. Senón algo máis primordial: a pervivencia da escravitude, cínicamente enquistada nas nosas sociedades. «O problema do burka non é un problema relixioso», formulou Sarkozy. «É un problema de liberdade e dignidade da muller. Non é un signo relixioso, é un signo de servidume, é un signo de humillación». Xusto o que unha terra que se queira herdeira da liberdade non pode admitir. A ningún prezo, e por encima de calquera ideoloxía. «Quero dicilo solemnemente: o burka non é benvido en Francia. Non podemos aceptar no noso país a existencia de mulleres prisioneiras tras unha reixa, amputadas de toda vida social, privadas de toda identidade. Non é esta a idea que nos facemos nós da dignidade da muller... Non debemos avergoñarnos dos nosos valores. Non debemos ter medo de defendelos». Non, non todos os políticos europeos son iguais. Algúns ate son intelixentes. Que envexa!

Comentarios

Anónimo dixo…
Certíssimo!

As religiões deveriam adaptar-se aos tempos e à sociedade. A mulher muçulmana tem o direito de ser Mulher!

joão moreira