A LINGUA DE DEUS


Por Xosé Luís Méndez Ferrín
Faro de Vigo - 15.06.09
.
Anda por territorios do BNG a crenza de que o Islam é una doutrina que expresa o nacionalismo de certos pobos orientais e africanos no noso tempo. Nada máis falso que esta ideoloxía supletoria do internacionalismo verdadeiro.No pasado, Mahoma e os seus descendentes foron uns déspotas militaristas que chegaron até Galicia e que mais ou menos por aquí pararon a súa expansión. Por onde pasaron, impuxeron polas armas a lingua árabe e a súa relixión. No Norte de África, só en condicións precarias sobrevive nos nosos días a lingua bérbere autóctona. É verdade que o Islam é una relixión universal e non étnica. Os musulmáns non son racistas. Se non ao xudaísmo, eu podo converterme á fe de Mahoma se Deus movera o meu corazón igual que moveu o de Roger Garaudy. Eu e Vostede, lector ou lectora, seriamos ben recibidos no Islam. Naturalmente na relixión de Moisés non tería sitio eu nin ninguén que non fose de raza hebrea porque o Deus dos xudeos elixiu este como pobo superior aos restantes pobos.Centos de linguas e de culturas desapareceron fagocitadas (lean I. J. Calvet) pola lingua e a cultura árabe dos invasores: entre elas as linguas romances da metade Sul da Península. Por isto último, e mercé á reconquista, a metade Sul de Hispania fala portugués (do galego), dialectos andaluces e meridionais (do castelán) e valenciano e balear (do catalán). O Islam borrou os dialectos latinos ou mozárabes do Sul. A Reconquista impuxo, tamén pola forza das armas, as linguas do Norte a expensas do árabe. Eis una historia sintética das actuais linguas ibéricas descontando a astur-leonesa, a aragonesa e a euskera, por razóns obviamente distinta. Na actualidade, o árabe, mediante a relixión, perturba a lingua de Irán (indoeuropea) á que encheu de arabismos e impúxo o seu alfabeto. Cada día, o muecín recita os versículos do Corán en árabe para pobo iraniano ouvir. Millóns de meniños do mundo enteiro e de linguas tan diversas como as malaias e as de China occidental son indoctrinados no árabe coránico. No citado Irán non se estuda a Omar Khayyan, por heterodoxo e bebedor de viño, e a historia deles comeza coa islamización e ignora Persia. Os meus amigos tuarejhs, só superficialmente islamizados, están hoxe sendo sometidos a unha arabización orixinada nos petrodolares wahabíes procedentes de Arabia Saudita. O Islam recoñece a existencia de todas as linguas e nacións do mundo. Pro a só a lingua árabe é a lingua de Deus. Co que xorde á luz, se ben reparamos, unha diclosia que procede da cega e brutal alienación relixiosa. Os bérberes de Kabilya alxerina decapitados por falaren a súa lingua e seren mahometanos tépedos son a imaxe do martirio das nacións a mans do islamismo. Sabían moi ben o Bass e Nasser e o socialismo e o nacionalismo árabe o que facían ao proclamar a liberdade de cultos e o laicismo. E sabían moi ben os EEUU o que facían armando os fanáticos de Afghanistan contra o seu goberno nacional-popular e prosoviético, no que as ministras non levaban panos na cabeza. O que acontece é que, por veces, aos que disparan lles saen os tiros pola culata.
********************************************

Pequena aclaración por Julio Béjar:

No excelente artigo do pasado dia 15, “A língua de Deus”, o seu colaborador Méndez Ferrín incorre nun abraiante erro de bulto, sen dúvida atribuíbel a un involuntario desliz. Ao referirse ao xudaísmo, láiase de que na relixión mosaica “non tería sitio eu nen ninguén que non fose de raza hebrea, porque o Deus dos xudeus elixiu este como pobo superior aos restantes pobos”.

Na afirmación regálansenos, cando menos, duas graves imprecisións polo prezo de unha. En primeiro lugar, só construíndo o relato á beira dos preceitos verquidos no “Mitteleuropa”, opúsculo parido en pleno auxe dos totalitarismos europeus dos anos trinta, cabe pexorizar sobre a “raza xudea”. O seu autor ourensán, non por acaso, caracterizaba ao hebreu como porco que cheira e fede, que é ruin, baixo, falso e tramposo, abondando na razón dos pobos centroeuropeus, tan ceibes de prexuízos, seren antisemitas (Vicente Risco, 1934). Que curta é a distancia, por certo, entre o discurso do nacional-socialismo do III Reich e a propaganda coa que se apresentou apenas hai unha semana às eleizóns europeas a Lista Antisionista francesa, promovida por unha exótica mescolanza de yihadistas musulmáns, altermundialistas e disidentes de Jean-Marie Le Pen.

A segunda falsidade implícita sería a da imposibilidade de conversión para a fé do pobo elixido polo Deus da Torá. O xudaísmo, en efecto, é a única das grandes relixións monoteístas non proselitista. Contrariamente ao cristanismo ou o Islám, os xudeus nunca converteron à sua crenza pola forza, pasando a coitelo ou polas lapas a ninguén. Nese sentido é a única desas tres relixións non expansionista nen imperialista. Ora ben. Mediante un procedimento perfeitamente regulado de giyur (ou conversión), calquer persoa das mais dispares razas, nacionalidades ou condicións pode incorporarse à fé xudaica. No propio Estado de Israel, non menos de 800.000 homes e mulleres son conversos de procedencia xentil. Na década dos 80 e 90 do século pasado, ducias de milleiros de orixe eslava fixeron aliya a Eretz Israel, por citar só o caso mais recente, converténdose ao xudaísmo. Ou os milleiros de falashas etíopes chegados na Operación Salomón nesas mesmas datas.

Con todo, e ser certamente o pobo elixido polo Deus da Torá, o xudaísmo non promove “superioridade” algunha dos observantes da súa fé sobre os xentís non xudeus que respeitan as Sete Leis de Noáj.

O escritor hispalense Rafael Cansinos Assens, a quen como Borges seguro que a sensibilidade literaria do Ferrín ten ben ponderado, converteuse ao xudaísmo. E o filósofo Benny Lévy, secretario persoal do noso admirado Sartre, tamén abrazou no seu día a relixión da Alianza. Por só citar dous casos coñecidos, que o meu amigo benquerido esqueceu ao facer tan desacertada afirmación.
Júlio Béjar

Comentarios