OBAMA CONTRA OS ASENTAMENTOS


.
O presidente norteamericano transmitiulle unha demanda clara ao primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, con motivo da súa entrevista bilateral a semana pasada: non máis crecemento dos asentamentos xudeus en Cisxordania. En realidade, Obama dixo dúas cousas á vez: non máis asentamentos motivados polo Goberno israelí e nada de crecemento natural nos xa existentes. Isto último quere dicir que se as familias dos colonos aumentan por nacemento, que se apiñen e que se xorden novas necesidades urbanísticas, escolas, por exemplo, que se sacrifiquen sen elas.
.
Razoábel? Non. E non por dúas razóns de peso: a primeira, porque esta decisión política de Obama rompe co acordado bilateralmente durante anos e distintos presidentes entre Estados Unidos e Israel. A última conversación que se sostivo respecto diso, foi baixo Bush e Sharon en 2005 e entón ficou claro que Israel podería estender o perímetro dos seus asentamentos maiores por mor do seu crecemento natural. Romper este acordo é lexítimo para Obama, pero inxusto, porque suporía cambiar as regras de xogo a metade da partida. En segundo lugar, porque supón ignorar o feito de que as familias dos colonos teñen fillos e que a demografía é de vital importancia para o pobo de Israel, rodeado como está de poboacións que lle superan con moito e cuxas taxas de natalidade son moito maiores ás das mulleres israelís. Mentres se manteña a contigüidade das novas construcións para dar resposta ao crecemento natural, nada debe oporse.
O tema dos asentamentos é á vez delicado e moi mal comprendido. Ao longo dos anos acabáronse por diferenciar catro tipos de asentamentos: nos arredores de Xerusalén; os bloques maiores; unidades fóra destes bloques; e postos ilegais. Obama, erroneamente, mestura todo á vez. Mentres que deixa fóra os asentamentos ilegais palestinos que, nos últimos anos, desenvolvéronse cun propósito estratéxico moi concreto: ligar as súas poboacións ao sur e este de Xerusalén, con Xerusalén este, a parte da cidade de maioría palestina. Por último, Obama ignora un feito evidente: non só é que fosen necesarios 55 mil soldados do exército para evacuar pola forza en moitos casos aos 8.500 colonos israelís de Gaza, senón que, unha vez evacuados dos asentamentos, os terroristas de Hamas dedicáronse á pillaxe e á destrución e o resultado estratéxico, como agora sabemos, non foi a paz con Israel, senón o aumento das agresións contra chan israelí. Nos asentamentos xógase o destino de miles de familias e o dunha nación que aspira a gozar de seguridade e poder vivir en paz cos seus veciños. O que Obama agora demanda non só non é xusto, senón que é contraproducente para un proceso de paz no que nunca até agora os asentamentos foron un obstáculo insalvábel.

Comentarios