O MILAGRE DE ISRAEL


Por Raquel Lage Cuiñas

Faro de Vigo

Israel celebra estes días a súa proclamación como estado o 14 de Maio de 1948 e emociónanme hoxe as palabras do seu presidente Shimon Peres cando di que este país pasará á historia como un milagre. É fácil e está ben visto atacalo gratuitamente nalgúns medios. Fácil desde a perspectiva de quen durmía cando hai 64 anos os seus habitantes marchaban cara ás cámaras de gas. É fácil cando se ignora a contorna no que saíu adiante coa ameaza permanente de países como Líbano, Siria, Iraq, Xordania, Exipto, Libia ou Arabia Saudita. Fácil, cando non se pensou como hai 61 anos decretaron que querían botar aos xudeus ao mar e en só 6 días esta ameaza converteuse en nada...

Pero é difícil comprender como Israel segue aí e converteu o deserto nun verxel que vende laranxas a todo o mundo, que enviou os seus propios satélites ao espazo, que apenas acusa a crise que azouta ao mundo enteiro porque aposta con forza pola innovación e que loita con tesón como única democracia da zona contra a ameaza que o escolleu como porta de entrada ao resto do mundo civilizado: o terrorismo islamita. É difícil atacar a Israel desde o descoñecemento da dureza e a fe da xente que o levantou desde a nada, desde a fe de xentes que sen ter nada quixeron ter o que todos os homes: un estado no que ser libres como todos os demais. No que traballar, vivir, celebrar a vida e achegar ao mundo riqueza e creatividade.

É difícil de comprender, pero convídolles a tentalo desde a liberdade e o non desde o prexuízo, e a que confíen nas palabras proféticas do seu presidente: este país pasará sen dúbida á historia coma un milagre. Quixera con estas palabras achegar aos seus corazóns a unha gran Terra descoñecida, mil veces disputada e que está de aniversario e aos seus habitantes dicirlles, como a súa primeira ministra Golda Meir hai 61 anos, Xudeus, Mazas Nov! (Boa sorte!)

Comentarios