ISRAEL, UN ESTADO XUDEU?


Por Julián Bahloul

Guysen International News

.

Binyamin Netanyahu ven de anunciar que o Goberno israelí só renovaría as negociacións coa Autoridade Nacional Palestina a condición de que esta última recoñeza o carácter xudeu do Estado Hebreo. Pero esta demanda sería inaceptábel para Estados Unidos, afirmou George Mitchell, emisario de Barack Obama en Oriente Próximo. Cualificada como unha novidade polos medios de comunicación internacionais e de "ridícula" polo deputado árabe-israelí Ahmed Tibi, esta esixencia non é nova na escena diplomática. En realidade, o anterior Goberno israelí xa formulara esta esixencia no outono 2007, cando a comunidade internacional preparaba a Conferencia de Annápolis. Contactado por Guysen, o portavoz da diplomacia israelí, Ygal Palmor, desexou lembrar algúns feitos. "Durante a conferencia de Annápolis, Ehud Olmert e Tzipi Livni esixiran que o futuro acordo de paz consagraría non só a existencia de dous Estados, senón sobre todo a existencia de dous Estados-Nación. Todos os pobos teñen dereito á autodeterminación, por que se lle negaría ao pobo xudeu?", indicou. "Non se trata de crear un Estado relixión, senón de garantir a nosa existencia como Estado nación, para a nación xudía. Non pretendemos crear un Vaticano xudeu, pero así como por exemplo existe unha República árabe de Exipto, a comunidade internacional debe aceptar a nosa existencia como Estado do pobo xudeu", engadiu. Por fin, destacou o feito de que na súa visita pola rexión, George Mitchell empregou a expresión "Estado xudeu" en polo menos dúas ocasións e que se Barack Obama aínda non se expresou sobre o tema, a posición da anterior administración americana era moi clara respecto diso. Baseándose por outra banda na Resolución da ONU 181 do 29 de novembro de 1947, que fai un chamamento ao nacemento dun Estado xudeu e dun Estado árabe en Palestina, o Goberno israelí seguirá facendo todo o posíbel para que a súa vontade sexa respectada.

A razón é simple: se a OLP se limita a recoñecer a existencia de Israel como simple entidade administrativa, como é o caso actualmente, pode esixir a chegada de refuxiados palestinos nos dous Estados. O dereito ao retorno reclamado polos Palestinos é o tema principal das negociacións de paz. A cuestión consiste en saber se os refuxiados, que foron obrigados a abandonar os seus fogares entre 1947 e 1949 poderán volver de novo á súa terra de orixe. Esta pretensión é un elemento fundamental da conciencia colectiva palestina e do sentimento de pertenza á súa sociedade. Agora ben, se Israel acepta acoller a esta poboación, o país pasará a ser nalgúns anos un Estado de maioría musulmá. Unha realidade inaceptábel para calquera dirixente israelí sionista. Pero para Ygal Palmor, a cuestión dos refuxiados palestinos non é a única xustificación da demanda israelí. "As cousas deben quedar claras, a nosa lexitimidade como Estado xudeu debe ser recoñecida por todos, senón a loita contra os fundamentos de Israel continuará. O final do conflito pasa pola lexitimidade. Non queremos un cesamento do fogo, a paz non se logra ate que se recoñece ao seu socio como lexítimo", explicou. A acción diplomática de Xerusalén parecía dar resultado posto que a declaración final da Conferencia de Annápolis de novembro de 2007 lida por Georges W. Bush prevía claramente que: "o acordo final de paz garantirá o nacemento de Palestina como patria dos Palestinos e garantirá a existencia de Israel como patria do pobo xudeu". Con todo para os palestinos, a formulación israelí é só o resultado da vontade do Goberno actual de atrasar as negociacións. Queda por saber que posición adoptará Barack Obama tras as súas conversas previstas proximamente con Binjamin Netanyahu e Mahmud Abbas na súa visita a Israel e Palestina.

Comentarios