O "ESCÁNDALO" DUNHAS CAMISOLAS...


Tentan, din, ser graciosos pero están a provocar un escándalo.
Un soldado afirma que se trata de humor negro, son bromas macabras
O Exército afirma que non se ocupa da roupa civil que usan os soldados fóra dos cuarteis
.
Por Sal Emergui
Desde Jerusalem
.
"Estiven decenas de anos con este uniforme militar. E sei ben, por exemplo, o que pasou en Iugoslavia, Afganistán e Iraq. E podo dicir que o Exército israelí é o máis ético do mundo e estou seguro de que investigará eses casos de forma seria". Así responde o ministro de Defensa israelí, Ehud Barak, ás sombras aparecidas por testemuños dalgúns soldados que participaron na recente operación na Franxa de Gaza e polas camisetas doutros que quizais estean na próxima. As palabras de Barak non teñen clientes na modesta empresa téxtil Adiv, no sur de Tel Aviv. Segundo denuncia o diario israelí Haaretz, soldados de diversas unidades, en especial os francotiradores, encargan camisetas con inscricións e debuxos provocadores. Tentan, din, ser ocurrentes pero están a provocar un escándalo nos altos e medios mandos militares que xa condenaron o fenómeno. Nunha das camisetas, debúxase un neno cun fusil na man como branco de tiro. O punto de mira céntrase no seu estómago. O slogan escrito na camiseta: "Máis pequeno, máis difícil". Haaretz entrevista a G. a inicial dun graduado do curso de francotiradores, que explica de forma natural cal é a idea do debuxo: "Pois que é un neno, que é máis difícil a nivel moral e tamén que o obxectivo é máis pequeno". E engade: "Trátase dunha camiseta para ir por casa, para correr. En ningún caso para saír ou dentro da base militar. Por exemplo, o debuxo da muller embarazada non quere dicir que alguén vaia disparala". Refírese a unha que varios francotiradores dunha unidade de Guivati encargaron. Obsérvase no círculo que delimita o punto de mira a unha muller palestina embarazada e sostendo un fusil. Arriba en hebreo, as palabras "Francotiradores". Abaixo, en inglés, "Un disparo, dous mortos". Noutra camiseta, un neno palestino que se converte logo nun home armado baixo o slogan: "Non importa como empezou. Nós porémoslle fin".
.
"Os oficiais chámanme constantemente para pedirme que non imprima estas camisetas aos soldados. Pero eu sempre lles digo que somos unha empresa privada e que a min non me importa o impreso no produto". Desta forma, explica o director da fábrica téxtil, Haim Israel, a preocupación do Exército israelí vai máis aló do téxtil. En conversa con elmundo.es, un dos soldados afirma que se trata de humor negro. Son bromas macabras, chistes entre francotiradores. Nós afrontamos situacións límite na que decidimos nun segundo a vida doutros. Polo punto de mira, ves un terrorista e á beira un neno ao que usa como protección. Non sabes se apertar o gatillo, se asumir o risco ou simplemente deixar que o inimigo siga disparando para evitar logo ter que ir a casa coa conciencia de matar a un neno". O que para este mozo militar é quizais unha broma macabra, para o veterano Ronen Levy é unha expresión de violencia. Ex membro da unidade de elite Sayeret Matcal (a mesma na que serviu Ehud Barak), foi tamén psicólogo-xefe do Exército. Preguntado polo diario Haaretz, comenta: "A agresividade e violencia non son algo novo en calquera exército do mundo e o das camisetas é simplemente unha nova forma de expresalo. é unha consecuencia máis da frustración e violencia do soldado". A socióloga Orna Levy afirma que "estes debuxos nas camisetas non son unha forma de administrar ou descargar a violencia senón todo o contrario, dálle leximitidade. Coa Intifada e os atentados terroristas palestinos, hai unha radicalización da sociedade que se ve tamén nos soldados. Sobre todo os que serven en Cisxordania. Tamén hai moito machismo, reforzando a imaxe do macho nos Exércitos". E alude a outro debuxo encargado no que se ve a unha aguia "sodomizando" ao líder do grupo islamita Hamas, Ismail Haniya. Tamén hai camisetas con mesquitas de Gaza atacadas durante a recente ofensiva militar. O que a leva, un soldado da unidade Golani, non entende as preguntas do xornalista. "é só unha camiseta, non me gusta o que ti insinúas. Non collas este exemplo de forma incorrecta coma se por exemplo eu odiase aos árabes. Non é certo". O portavoz do Exército afirma que non se ocupan da roupa civil que usan os soldados. "Os debuxos impresos que publica o diario Haaretz non corresponden cos valores éticos do Exército de Israel, non representan a experiencia militar e teñen moi mal gusto. Humor deste tipo merécese toda condena e desprezo. O Exército fará todo o posible para acabar con este fenómeno", é o comunicado oficial militar. O Exército pode xulgar aos soldados por delitos ou faltas que cometan fóra da base militar ou nas súas horas de lecer. E inscricións deste tipo entran na categoría recoñecida como "dano á honra do Exército" e os seus autores poden ser xulgados por "actuación incorrecta ou vexatoria".

Comentarios