OS DUBIDOSOS "AMIGOS" DO POBO PALESTINO

Por Bernard-Henri Lévy

Deixemos de lado os berros de «Morte aos xudeus», perfectamente lexibles nas pancartas dos manifestantes de Bruxelas, París ou Madrid. Pasemos por alto a ese sindicato italiano, o Flaica-Uniti-Cub que, segundo La Repubblica do 9 de xaneiro, e «como signo de protesta» contra a operación israelí en Gaza, chama a «non comprar nos comercios pertencentes a membros da comunidade xudía», algo sen precedentes en Europa desde hai tres cuartos de século. Tampouco serei tan cruel como para insistir no eixo, cando menos nauseabundo, que se forma cando á señora Buffet (secretaria xeral do Partido Comunista Francés- e ao señor Besancenot (Líder da liga Comunista Revolucionaria) úneselles, na cabeza da manifestación, o anarquizante Dieudonné (humorista e actor) ou, cando o compadre deste, Jean-Marie Le Pen (líder da ultradereita francesa) une a súa voz á súa, para comparar a franxa de Gaza cun «campo de concentración».
.
É precisamente en Ramala, capital da Autoridade palestina, e en Sderot, cidade israelí na fronteira con Gaza sometida ao fogo dos mísiles Qassam, onde descubro as imaxes destas manifestacións de apoio á «causa palestina». E ao ver esas multitudes de europeos berrando e vociferando, ao observalas cando me atopo en compañía de persoas de ambos bandos cuxa principal preocupación segue sendo -a pesar das bombas e a pesar dos sufrimentos e dos mortos- non cortar por nada do mundo o fío da convivencia e do diálogo, quero engadir unhas cantas puntualizacións ás que xa avanzaba a semana pasada e que me valeron, por parte dos internautas de Point, numerosos correos. Que alivio ver aos palestinos reais, no canto da eses palestinos imaxinarios, que cren estar a facer resistencia, atacando sinagogas en Francia! Os primeiros, repito, obríganse á moderación e, cun admirable sangue frío, tentan preservar as oportunidades de cohabitación do mañá; os segundos arden de odio, son máis radicais que os radicais e están dispostos a vingar, sobre o asfalto das cidades de Europa, até a última pinga de sangue do último palestino. Os primeiros fan distincións. Saben que, neste asunto, nin todo é branco nin todo é negro. Saben, sobre todo, que Hamas ten unha parte esmagadora de culpa no desastre no que se viu sumido o seu pobo. Os segundos, coma se a confusión non fose xa suficiente, utilizan con delectación as bobadas máis enormes da propaganda antiisraelí. E convértense en teóricos e prácticos do atentado suicida e do escudo humano dos novos Che Guevara, cuxas insignias e emblemas enarboran. No canto de acougar o asunto, xogan á política do canto peor, mellor, e arroxan lume ás almas. Que regresión, que grao cero do pensamento e da acción entre estas xentes que, a distancia, ignorantes dos datos do drama, chaman ao odio, cando terían que estar a propiciar a reconciliación e a paz!
.
Unha paz que supón dous estados que acepten vivir xuntos e proceder á repartición da terra. Unha paz que supón, por parte de ambos bandos, a renuncia ao extremismo, a ir até o final, ás ideas preconcibidas e, mesmo, aos soños. Unha paz que implica, por exemplo, un Israel que se retire de Cisxordania, como se retirou de Líbano, de Sinaí e, despois, de Gaza. Pero tamén implica que o bando palestino non aproveite as retiradas para transformar o territorio evacuado en base de lanzamento de mísiles contra os civís. Unha paz que pasa por un cesamento do fogo. Pasa por parar os combates que están a ocasionar un número de vítimas, especialmente entre os nenos, evidentemente insustentábel. Pero tamén pasa pola eliminación política dun Hamas ao que lle importan un comiño as vítimas e a paz e que, por non poder impor a sharia ao seu pobo, arrástrao á vía do martirio e do inferno.
.
Estou, pois, en Ramala. En Sderot e en Ramala. E vendo, desde Sderot e desde Ramala, esta mobilización contra un «holocausto» que, no momento no que escribo, ocasionou 888 mortos, expoño unhas simples preguntas. Onde estaban estes manifestantes, cando se trataba de salvar, non xa a 888, senón aos 300.000 mortos das matanzas programadas de Darfur? Por que nunca saíron á rúa cando Putin arrasaba Grozni e transformaba a decenas de miles de chechenos en gavillas humanas e en carne de canón? Por que calaron, cando, un pouco antes, durante anos interminables e, esta vez no propio corazón de Europa, exterminouse a 200.000 bosníacos, cuxo único crime era nacer musulmáns? Parece que hai xente para a que o bo musulmán só é o que está en guerra contra Israel. Máis aínda, velaquí aos novos adeptos do vello «dous pesos, dúas medidas», que só se preocupan do sufrimento musulmán cando se cren autorizados a imputarllo aos xudeus. O autor destas liñas encabezou a mobilización en prol dos habitantes de Darfur, dos de Chechenia e dos de Bosnia. Ademais, aposta, desde hai corenta anos, por un Estado palestino viable, á beira do Estado de Israel. Aínda que só sexa por iso, permitiráselle que considere este tipo de actitudes como algo repugnante e frívolo á vez.

Comentarios