O DÍA DESPOIS


Por Afonso Vázquez-Monxardín

Desde 1945 sóubose que o inferno podía ser creado polos seres humanos de dous xeitos: pola acción e omisión colectiva -a pasividade dos cidadáns alemáns, de Rusia e dos aliados ante o holocausto- ou polos ousados avances tecnolóxicos e unha pura decisión política. Digamos Hiroshima e Nagasaki, ou Dresde e Hamburgo. Cando Chamberlain volveu de Múnic en 1938, despois de tentar inxenuamente o "apazugamento" con cesións, e cunha neutralidade estrita na guerra española, foi recibido en Londres como un heroe. Só uns meses despois a república española foi derrotada e abriuse o averno; cinco anos de sufrimentos universais, nos que morreron máis de cincuenta millóns de persoas. Vinte deles rusos, trece de chineses, sete de alemáns, seis de xudeus, cinco de polacos, sesenta mil civís ingleses...
Hoxe o escenario político mundial é outra volta estraño e tenso. Desaparecido o equilibrio da guerra fría, xurdiron novos desafíos. Os expertos aparecen cada vez máis como o que son: expertos no pasado, na historia, no xa foi, e teñen pouca seguridade en como virán as cousas no futuro. E coas novas tecnoloxías comunicativas, todos podemos ter un nivel de información semellante e así, aparece reforzada a intuición, como forma de achegamento instantáneo ás cousas, baseada na experiencia e nun coñecemento non obstruído por un abouxe de datos. E neste comezo do milenio se as cousas se poñen mal -que ben non pintan- poden confluír de novo as dúas formas de creación do inferno. A minusvaloración dos niveis de benestar acadados nas sociedades occidentais leva á desafección no interese das cousas que afectan á seguranza dos estados e á paz global e produce unha visión inxenua e inmediatista da historia. Pero está tamén a inexorable difusión do avance atómico. É obvio que non se trata de se terán a bomba ou non os que -como se viu o 11-S ou o 11-M- queren destruír as sociedades occidentais, senón cando e se a usarán ou non. Desde 1945 non se volveron producir hecatombres atómicas porque a sensatez, ao final, foise impondo. ¿Cantas veces non terían rusos e americanos a tentación da bomba en Corea, Vietnam, Afganistán...? O equilibrio do terror baseouse nunha cuestión simple: non queremos matarvos a custa das nosas vidas. Pero unha vez superada a premisa polo fanatismo, todo é posible... ¿Que fariamos ao día seguinte da desaparición de Tel Aviv?

Galicia-Hoxe 27.01.09

Comentarios