HAI QUE LIBERAR AOS PALESTINOS DE HAMÁS


Por Bernard Henri-Levi

Xa que, desde hai décadas, xamais puiden distinguir entre bos e malos mortos ou, como dicía Albert Camus, entre «vítimas sospeitosas» e «verdugos privilexiados», tamén eu síntome horrorizado ante as imaxes dos nenos palestinos asasinados. Dito isto e tendo ademais en conta que un vento de tolemia parece terse instalado nalgúns medios de comunicación, unha vez máis e como sempre cando se trata de Israel, gustaríame lembrar algúns feitos:

1. Ningún goberno do mundo, ningún outro país máis que este vilipendiado Israel, arrastrado polo lodo e demonizado, tería tolerado ver miles de obuses caer, durante anos, sobre as súas cidades. E polo tanto, o máis importante do caso, o auténtico tema de sorpresa non é a «brutalidade» de Israel, senón a súa enorme moderación.

2. O feito de que os foguetes Qasam de Hamas e, agora os seus mísiles Grad, ocasionen tan poucos mortos, non demostra que sexan artesanais ou inofensivos, senón que os israelís se protexen, que viven enterrados nos sotos de súas casas nunha vida de pesadelo, sempre en vilo, sempre atentos ao son das sereas e das explosións. Eu estiven na cidade israelí de Sderot e púideno comprobar.

3. O feito de que, en cambio, os obuses israelís provoquen tantas vítimas non significa, como bramaban os manifestantes desta fin de semana, que Israel se lanzara a unha «matanza» deliberada e indiscriminada, senón que os dirixentes de Gaza optaron pola actitude inversa: expoñer á súa poboación. A vella táctica do «escudo humano» que pon en práctica Hamas, tal e como fixera Hezbolláh hai dous anos, instalando os seus centros de mando, os seus stocks de armas e os seus búnkeres nos sotos de edificios, hospitais, escolas e mesquitas, é unha táctica eficaz pero repugnante.

4. Entre a actitude duns e doutros hai, dígase o que se queira, unha diferenza esencial e que non poden ignorar os que queiran ter unha idea xusta e cabal da traxedia e dos medios para poñerlle fin: os palestinos disparan contra as cidades, é dicir contra civís (e iso, no dereito internacional, chámase «crime de guerra»), mentres os israelís apuntan a obxectivos militares e ocasionan, sen querelo, terribles danos civís (é o que, en linguaxe militar, chámase «dano colateral», unha palabra que, a pesar de ser odiosa, remite a unha auténtica disimetría estratéxica e moral).

5. Xa que hai que poñer os puntos sobre as is, é necesario lembrar un feito do que a prensa francesa apenas se fixo eco e do que, sen embargo, non coñezo precedente algún, en guerra algunha nin por parte de ningún exército do mundo. E é que, durante a ofensiva aérea, as unidades do Tsahal chamaban por teléfono sistematicamente (a prensa anglosaxona fala de 100.000 chamadas) aos habitantes de Gaza que vivían nas periferia dos brancos militares, para convidalos a evacuar o lugar. É evidente que iso non evita a desesperación das familias sen fogares, nin ás vidas truncadas, nin as matanzas. Pero que o feito sexa así non deixa de ser un detalle significativo.

6. Tampouco é totalmente real nin exacto o famoso bloqueo integral, imposto a un pobo famento, ao que lle falta de todo e que o afunde nunha crise humanitaria sen precedentes (sic). Os convois humanitarios nunca deixaron de pasar ate o comezo da ofensiva terrestre. Polo control de Kerem Shalom, só o día 2 de xaneiro, foron 90 os camións de víveres e de medicinas que, segundo The New York Times, puideron entrar en Gaza. E só evoco, para recordárllo a algúns (porque é algo habitual, aínda que, escoitando a eses tales, non o pareza), que os hospitais israelís seguen recibindo e curando, todos os días e polo menos ate o momento no que eu escribo, aos feridos palestinos.

Esperemos que os combates cesen cando antes. E esperemos que, canto antes tamén, os comentaristas volvan en si. Ese día descubrirán que Israel cometeu moitos erros durante estes últimos anos (ocasións erradas, longo rexeitamento á reivindicación nacional palestina, unilateralismo), pero que os peores inimigos dos palestinos son eses dirixentes extremistas que nunca quixeron a paz, que xamais quixeron un Estado e que só pensaron para o seu pobo nun Estado concibido como un instrumento de secuestro. Demóstrao a sinistra imaxe de Jaled Meshaal do sábado día 27 de decembro, que, diante da inminencia da resposta israelí tan desexada, só sabía exhortar á súa «nación» a «ofrecer o sangue de máis mártires». E dicíao desde o seu confortable exilio, desde a súa cova de Damasco. Hoxe en día, unha de dous. Ou ben os Irmáns Musulmás de Gaza restablecen a tregua que romperon e, ao mesmo tempo, declaran periclitada e sen efecto un acta fundacional baseada no rexeitamento da «entidade sionista». Nese caso, uniranse ao amplo fronte do diálogo que, grazas a Deus, segue medrando na zona, e virá a paz. Ou ben se teiman en seguir vendo no sufrimento dos seus unicamente un carburante para as súas paixóns recocidas, o seu odio tolo, nihilista e sen argumentos. E nese caso, haberá que liberar das sombrías garras de Hamas non só a Israel, senón tamén aos palestinos.

Comentarios