QUÉ COMPLICADO É TODO!


Por Afonso Vázquez-Monxardín


Este élles o terceiro artigo que escribo sobre o tema de Israel-Palestina nos últimos catro días, e sen publicar ningún. O primeiro, do día 26, titulábase ‘Janucá 5769, en Siderot’ e trataba sobre os inicios desta festa equivalente en data ao noso Nadal vista desde os ollos da cidade de Siderot, centro da comarca fronteiriza de Gaza onde levan caído máis de 5.700 foguetes qssam, katiuska e morteiros desde que o 3 de outubro de 2005 se retiraran os israelís do territorio, e dicía que era conveniente que os amigos dos palestinos presionasen a Hamas para explorar camiños novos de paz en vez de renunciar á tregua.Despois, cando empezaron os bombardeos, rectifiquei e escribín outro titulado ‘Os límites da paciencia’, para sinalar que xa os israelís agotaran a súa e decidíranse a esmagar a Hamas co beneplácito de Exipto, país que mantén pechada permanentemente a fronteira sur de Gaza, a de Rafah, porque ben saben eles que o integrismo do que saiu Hamas foi o que matou a Sadat e téñen lle case tanto medo como Israel. Pedía, novamente, que os amigos de ambos pobos, presionaran cada un aos seus, para que parasen.Lido de novo este segundo pareceume excesivamente ‘político’, por iso escribo este de hoxe ‘¡Que complicado é todo!’, pois hoxe só hai espazo para as bágoas.

Bágoas que embazan os ollos, dificultan ver na distancia e fan que das gorxas só xurdan salaios, non xa polos mortos sen nome senón tamén por este mundo cabrón, capaz de avances marabillosos, de pór un home na Lúa, de combater a fame e as enfermidades en todo o planeta, e incapaz de forzar aos axentes implicados na busca da paz. Israel ten dereito a existir, a que a ONU reafirme a sua existencia e a que garantice as súas fronteiras. As que sexan. As que acorden cos veciños. Xa se retiraron do Sinai, do Líbano, de Gaza, de boa parte de Cisxordania. Saben ben aínda que non lles guste recoñecelo o que é dar pasos atrás. Pero téñen que ter o seu oco para vivir. E para iso Hamas debe recoñecer o dereito á existencia de Israel, pois é imposible negociar con alguén que declara só desexo de destruírte. Israel non pode cambiar o pánico xustificado dos cidadáns de Siderot por olas de sangue e ducias de mortos civís nas rúas de Gaza. Sobre todo porque nos gusta aporlle aos amigos humanidade e pola evidente ineficacia da resposta. Os progresistas israelís deben saber do cariño dos progresistas europeos, e que isto esixe a cambio un comportamento máis adecuado. A ‘claustrofobia’ israelí, o pensar que fagan o que fagan van ser criticados igual, non contribúe á moderación nas respostas, pois como sabemos, nas situacións de conflitos armados sempre grañan os máis radicais de ambos bandos. Teño saudades dos ollos negros da dirixente Hanan Asharawi, por parte palestina, e da elegancia de Shlomo Ben Ami, por parte israelí. Oxalá -etimoloxicamente ‘queira Alá’- volvan estas voces, ou voces como estas, ser dominantes e así calen as armas. Son a única esperanza.

La Región - 30.12.08

Comentarios