OBAMA E ORIENTE PRÓXIMO


Por Shlomo Ben-Amí

Os plans do presidente electo Barack Obama para Oriente Próximo, a rexión na que as políticas do seu predecesor destruíron o prestixio de Estados Unidos no mundo, representan un cambio positivo respecto ao proxecto de Bush de remediar os males da rexión mediante o "caos construtivo". Por desgraza, as promesas de Obama poden resultar tan pouco realistas como as anteriores. A lista de obxectivos de Obama é impresionante. Inclúe saír da ciénaga iraquí, resolver o enconado conflito entre Israel e Palestina, empregar o diálogo para frear as ambicións nucleares de Irán e apartar a Siria de posicións radicais, librar a Líbano das garras sirias e impulsar a paz entre Siria e Israel. E a isto pode engadirse unha reorientación do esforzo militar estadounidense na guerra de Afganistán. Para valorar a magnitude desta axenda, hai que confrontala co deprimente legado que recibe nesta rexión.
Oriente Próximo está a experimentar un perigoso proceso de somalización, cunha cadea cada vez maior de axentes non estatais, sobre todo grupos islamitas radicais, que se opoñen á idea do Estado practicamente en todas partes. É o que ocorre en Líbano con Hezbolláh, en Palestina con Hamás, en Iraq co Exército Mahdi de Múqtada al Sáder e ducias de grupos máis, en Afganistán cos talibán e os caudillos tribais, e en Paquistán con movementos escindidos que se viron envalentonados pola dimisión de Pervez Musharraf. En Exipto aproxímase o final do longo mandato do presidente Hosni Mubarak, e iso podería empuxar aos Irmáns Musulmáns a loitar polo poder no Cairo e, talvez, obrigar ao sucesor de Mubarak a escoller entre acordarlles un modus vivendi ou librarlles un combate a marte. É posíbel que Obama comprenda enseguida que o seu calendario para a retirada de Iraq non é realista.

A rápida desaparición das tropas norteamericanas podería desembocar na desintegración do país en entidades políticas fragmentadas, unha das cales sería probablemente unha república islámica controlada por Irán. É certo que a reaparición dos talibán en Afganistán esixe unha resposta militar máis enérxica, pero, co Exército estadounidense atrapado en Iraq e a resistencia dos aliados occidentais a enviar máis tropas, o desmembramiento do país entre os caudillos locais non parece inverosímil. E tendo en conta que as operacións militares dos aliados erosionan a lexitimidade interna do presidente Hamid Karzai, Obama quizá debería seguir o consello do ministro francés de Asuntos Exteriores, Bernard Kouchner, que advirte de que a resposta en Afganistán terá que ser máis política que militar.
En canto a Irán, Obama quizais teña que recorrer a unha estratexia de presión militar antes do que lle gustaría. Irán demostrou que non ten a menor intención de desviarse do seu proxecto de alcanzar a categoría nuclear. Se Obama non logra un incómodo entendemento con Rusia -para o que sería necesario revisar os acordos estratéxicos posteriores á guerra fría-, as posibilidades de impor un réxime estrito de sancións a Irán serán escasas. E non hai que descartar o espectro dunha carreira armamentística nuclear en Oriente Próximo, na que os rivais sunnitas de Irán -Arabia Saudita, Exipto e outros- intensifiquen os seus esforzos para ser nucleares. Mentres tanto, Obama herda uns Estados Unidos que xa non é a potencia hexemónica indiscutible e que, xunto cos seus aliados, está inmerso na crise económica máis grave desde 1929. Enfrontado a unha crise que está a sacudir os cimentos do seu estilo de vida e cunha débeda nacional de 10 billóns de dólares e un déficit orzamentario dun billón de dólares, Estados Unidos non terá máis remedio que optar por unha política exterior máis realista.
A chegada de Obama á presidencia de EE UU representa un fito na historia do seu país, pero o seu idealismo necesita temperarse coa conciencia dos límites do poder estadounidense. O reto da súa política exterior non é transformar Oriente Próximo -esa é a tarefa a longo prazo dos habitantes da rexión-, senón restaurar a danada reputación de Estados Unidos no mundo musulmán. Para lograr ese obxectivo é preciso resolver o conflito árabe-israelí, especialmente a cuestión palestina. Durante a súa visita á rexión o pasado mes de xullo, Obama prometeu abordar o conflito entre Palestina e Israel "desde o momento mesmo no que tome posesión". Non pode perder nin un minuto en cumprir esa promesa. A diferenza do que sucede co caos imposible de solucionar que en xeral herda en Oriente Próximo, no caso da disputa entre árabes e israelís xa está achandado o terreo cara a unha solución de conxunto e non faría falta volver inventar a roda. Os dous factores necesarios son capacidade de liderado e compromiso, e a campaña do "Si, podemos" de Obama demostrou que el conta con ambas as cousas.

Comentarios