O AUSCHWITZ DE SARAMAGO


Por Abraham B.Yehoshua


O artigo non é novo, mais paga a pena lelo de novo. Porque pase o que pase, as acusacións non mudan, e sempre unha vez tras outras as acusacións non deixan de ser as mesmas.


O escritor José Saramago chegou cunha delegación importante de escritores, entre eles, o xenial escritor italiano Vicenzo Consolo, nun acto de solidariedade co pobo palestino. E quero deixar claro que era en solidariedade co pobo palestino e non coa misión de buscar a paz na rexión, xa que, se alguén desexa contribuír en algo a acougar os ánimos e reducir o odio entre israelís e palestinos, debe reunirse non só coa cúpula do Goberno palestino senón tamén coa cúpula do Goberno israelí. Ademais, se alguén se atopa cos intelectuais palestinos, debe facer o mesmo cos intelectuais israelís. E iso é algo que non fixo a citada delegación de escritores. De antemán, os israelís foron rexeitados e a delegación falou só cos palestinos, dado que Arafat é coñecido como un destacado home de paz, polo que estes escritores viñeron apoiar as súas pacíficas intencións. Esta delegación está en todo o seu dereito de vir apoiar e a animar ao pobo palestino, que agora está nunha situación difícil, sufrindo cada día un vórtice de tolemia que o leva a consagrar o terror suicida e indiscriminado que actúa salvaxemente nas rúas de Israel.
Hai uns días intelectuais palestinos, entre eles homes totalmente independentes da Autoridade Nacional Palestina como Edward Said e Mahmud Darwish, publicaron unha carta aberta dirixida aos intelectuais israelís, na que se queixaban do sufrimento que se lle está causando ultimamente ao seu pobo, pero tamén volveron afirmar o seu compromiso co acordo de Oslo e a creación dun Estado palestino veciño do Estado de Israel. Enseguida reunímonos un grupo grande e importante de intelectuais, tanto escritores como artistas, e contestamos cunha carta máis moderada que a dos palestinos. Nela falabamos de paz e esperanza e pediamos unha volta ás negociacións; tamén volviamos expresar o dereito dos palestinos a establecer o seu propio Estado coas fronteiras de antes de 1967, segundo se dicía no manifesto dos intelectuais palestinos. Cando moitos en Israel criticáronnos polo ton moderado, segundo eles, do noso manifesto, ao non recordar a onda de violencia palestina en plenas negociacións de paz durante o goberno de Barak, e non mencionar o terrorismo palestino que seguiu por mor das propostas de paz de Barak e o firme rexeitamento a respectar un cesamento do fogo, tiven que repetir en radio e en televisión que non é agora o momento de pedir contas senón de ofrecer esperanza (a nós mesmos e aos palestinos) ante a onda de terríbel desesperación que nos envolve.
O que actualmente necesitan ambos pobos non é pedirse contas polo pasado nin lanzarse proclamas morais senón chamar á esperanza, á inxenua esperanza de que chegará o día en que estes dous pobos aferrados o un ao outro coma se fosen dous siameses que se desangran poderán vivir en paz como veciños. Pero Saramago, a través do seu discurso provocador (que reafirmou unha e mil veces e que de ningunha das maneiras estaba disposto a rectificar) onde comparaba Ramallah con Auschwitz e aos israelís cos nazis, ¿Seica ofreceu con iso unha faísca de esperanza ao pobo palestino ou máis ben provocou unha maior desesperación e tolemia? Pois se os israelís cuxa sangre se derrama son feros soldados nazis e os asentamentos son a infraestrutura coa que se constrúen as cámaras de gas, a única esperanza que queda aos palestinos é lanzarse a unha guerra de exterminio total onde non só serán exterminados os israelís senón sobre todo e en primeiro lugar eles mesmos. ¿Que esperanza ofrece Saramago aos seus anfitrións se non a de continuar cometendo atentados suicidas e provocar máis cercos, postos de control, pobreza e morte? Saramago non é un mozo inexperto. é un escritor europeo de grande prestixio, con ampla experiencia á hora de manifestarse en público. Un home que durante a súa longa vida puido aprender que foi realmente o Holocausto e cal foi o verdadeiro significado do nazismo.
E aínda que os escritores e intelectuais adoitan esaxerar coas súas metáforas -é algo que eu sei por min mesmo-, o feito é que un home como el se empecine en reafirmarse nun discurso radical e absurdo, e non o fai en Serbia ou en Bosnia, en Ruanda ou en Chechenia, senón en Israel, diante de sobreviventes dos campos de exterminio nazis que, de súpeto, son acusados de ser eles mesmos uns nazis. Iso reflicte un síntoma que non responde xa á cegueira intencionada de quen di tal discurso, senón a un fenómeno moito máis estendido. E talvez, paradoxalmente, teñamos que agradecerlle as súas palabras, pois quizais servirán como sinal de alarma fronte ao novo e duro ton que utilizan os medios de comunicación e outros en Europa cando analizan a política de Israel en Oriente Medio. Na miña opinión, ese ton tan duro que en ocasións se utiliza en Europa e no que resoa certo antisemitismo é debido a tres razóns principais:

1. O reproche que os xudeus fan aos países de Europa a causa do Holocausto da Segunda Guerra Mundial tanto polos seus actos, pola súa cooperación ou por unha neutralidade infame (culpa que os xudeus e outros se esforzaron en manter e destacar desde o fin da guerra), fai que moitos europeos traten de aliviar esa culpa arroxando outro reproche do mesmo tipo. Se os xudeus son "ás veces tamén nazis", resulta máis fácil soportar o sentimento de culpa polo Holocausto. E para proclamar unha afirmación tan demagóxica coma a de Saramago, non parece importante que nunca ao longo de todo o conflito en Oriente Medio se producira nin sequera un feito comparábel coa política nazi, e iso é aplicábel tanto aos xudeus como aos palestinos.

2. A necesidade de radicalizar a súa postura crítica e xulgar aos xudeus cuns férreos criterios débese a que moitas veces os europeos proxectan en Israel o seu propio sentimento de culpa pola súa política colonial no pasado. É dicir, para eles Israel é unha variación peculiar do colonialismo. Os xudeus son unha especie de europeos que aterraron no Terceiro Mundo e que seguen cometendo as mesmas barbaridades que fixeron no seu momento os europeos. Pero, por suposto, iso é insustentable e inexacto. A guerra entre israelís e palestinos parécese máis ás guerras que durante séculos mantiveron moitos pobos en Europa e en Asia por ter un territorio propio. É unha guerra entre veciños, máis parecida á que houbo en Chipre, en Irlanda do Norte ou ás de Irán e Iraq contra a independencia dos kurdos. Os israelís non son europeos aínda que o parezan. A maioría naceu en países de Oriente Medio e grande parte dos seus antepasados chegaron do Terceiro Mundo, de Asia e de África. O asunto é moito máis complexo como para xulgar así, sen máis, segundo os criterios colonialistas tradicionais.

3. A terceira razón da crítica radical cara a Israel quizais derive da segunda. Moitos europeos teñen a sensación de que, en realidade, os xudeus non merecen ter o seu propio Estado. eles non son propiamente un pobo e o feito de que moitos xudeus vivan fóra de Israel demostra que talvez non era para nada necesario que se establecese un Estado xudeu. Ademais, existe a sensación de que só a causa do Holocausto se actuou con clemencia cara a eles e se lexitimou a súa volta a Palestina para implantar o seu propio Estado. Por tanto, se Israel non é un Estado que xurda de forma "natural" senón por "clemencia", é normal que o seu comportamento deba ser xulgado cuns criterios moito máis severos que os que se aplican a outros estados, especialmente aos do Terceiro Mundo.
De ningún modo, os israelís deben servirse da visión deformada dos europeos e da súa subxectiva crítica radical, como a de Saramago, para non recoñecer as críticas xustas que se lle fan. Pero se os europeos desexan ser eficaces e obxectivos nas súas críticas, para poder ser un elemento activo e útil na imposición dunha paz xusta en Oriente Medio, deben de coidarse moito de empregar un ton tan perverso como o de Saramago, xa que iso non só irrita -e con todo dereito- aos israelís, senón que, ademais, serve como unha xustificación máis para o kamikaze que entra nun hotel para matar, mentres celebran unha festa, a anciáns, mulleres e nenos, e entre eles a algúns sobreviventes do Holocausto. E entón os terroristas de Hamas e da Yihad exclaman: "Que pasa? Por que vos alarmades? Ao fin e ao cabo, o noso kamikaze matou a uns cantos porcos nazis. Lembrádevos do que dixo dos israelís ese escritor que é premio Nobel".

La Vanguardia, 12.05.2002

Abraham B.Yehoshua, escritor da esquerda israelí, un dos fundadores do movemento Paz Agora

Comentarios