VOLVE O KIBBUTZ


Por Gavri Bar Guil

A mediados dos anos 80 do século pasado, os kibbutzím de Israel entraron nunha grave crise económica. Ésta, causada principalmente por razóns políticas, sumouse a un baleiramento ideolóxico que comezara xa anteriormente, pero que fora controlado até ese momento. Ambas crises orixinaron un grave problema demográfico, o cal derivou no abandono de máis de 50.000 membros durante os vinte anos seguintes. A principios dos anos 2000 parecía que o ideal kibutziano, que fora un ingrediente primordial no desenvolvemento do Estado de Israel, estaba a piques de derrubarse. Os kibbutzím atopábanse ante un interrogante existencial; máis da metade deles -aproximadamente 135 dun total de 276- foron declarados insolventes e estaban en perigo de disolución. Na última década, a sensación do inminente fin do kibbutz intensificouse na opinión pública e nos medios de comunicación israelís e internacionais; un alto prezo adicional para a aldea global na que habitamos. Pero resulta que a pesar das opinións de moitos especialistas, o posible defunto non quixo morrer. Lonxe da opinión pública e dos medios de comunicación que a acompañan, produciuse na última década unha dramática revolución durante a cal o ideal kibbutziano foise transformando e adaptando á complicada realidade do século XXI. Hoxe en día, a finais da primeira década, o kibbutz volve ser un compoñente fulcral e dominante na sociedade israelí e no desenvolvemento do Estado de Israel. No 2007, o volume de produción da industria kibbutziana totalizou 8 billóns de dólares, aproximadamente un 11% da produción industrial de Israel. A agricultura do kibbutz, que representa un 35% da nacional, xerou un volume de vendas de 1,5 billóns de dólares. A contribución dos kibbutzím representa actualmente un 6% do produto nacional bruto do Estado. Cabe salientar que todo iso provén dun 1,7% do total da poboación civil do país. No ano 2000, a metade dos kibbutzím atopábase en perigo de disolución. Actualmente só 30 deles aínda se están en estado de risco económico, mentres que os demais van en vías de estabilización e claro crecemento. Paralelamente á estabilización económica, chegou tamén a estabilización demográfica: Nos últimos tres anos, os kibbutzím absorberon moita máis xente da que os abandonou. Durante anos, non só era que os kibbutzím non recibían membros novos, senón incluso que os xa existentes o abandonaban. No último ano, moitos kibbutzím absorberon centos de membros novos. Se tomamos en conta que o 75% dos kibbutzím están situados na periferia e nas zonas limítrofes no sur e o norte do país, é evidente que se trata dunha recuperación realmente dramática, con significativas consecuencias para os principais intereses de Israel. Como sucedeu ésto? Que foi o que ocorreu dentro dos kibbutzím, que fixo posible un cambio tan drástico? Durante a última década, os kibbutzím levaron a cabo unha serie de cambios estruturais, que xuntos deron lugar ao dramático proceso de recuperación. Os valores fundamentais sobre os cales o ideal kibbutziano fora fundado, aínda seguen vixentes, pero a forma de implementalos mudou, e agora

están máis acordes coa realidade e coa evolución do tempo. O novo pensamento e o afán de reconstruír o kibbutz de maneira tal que xere unha melloría básica na súa situación económica e consiga atraer novamente a xuventude, deu lugar a un mellor equilibrio na ideoloxía kibbutziana. Ante todo, o sistema administrativo foi obxecto dunha reforma de base. No pasado, todas as decisións, tanto aquelas de carácter social como as económicas, eran tomadas conxuntamente por todos os membros do kibbutz, como expresión dunha máxima igualdade. Hoxe en día o funcionamento establece que os negocios van por unha banda e a comunidade por outro. Esta última, continúa manexándose segundo o mesmo principio de participación asemblear de todos os membros na toma de decisións, pero os negocios réxense por criterios profesionais xeralmente aceptados en todo o mundo occidental. O mercado laboral tamén sufriu cambios. No pasado, todos os membros traballaban no marco do kibbutz e en base ás necesidades do mesmo. Hoxe en día, a grande maioría dos membros son profesionais, e o 35% deles traballan fóra do kibbutz. Este cambio forma parte do equilibrio xerado entre a importancia do traballo en si e a importancia do sustento e do afán de autorrealización, en contraste co pasado, no que predominaban as necesidades colectivas. Outro cambio maniféstase na provisión de seguridade persoal a cada membro do kibbutz. Antes ningún membro posuía bens propios, senón que todo pertencía á comunidade. Como consecuencia do cambio operado, hoxe en día hai unha clara tendencia a asegurar dereitos xubilatorios e pensións persoais e nalgúns kibbutzím incluso as vivendas xa son rexistradas a nome dos seus membros. O cambio principal que máis influíu na ideoloxía kibbutziana foi, quizais, a transición do ideal

de igualdade total a igualdade real. Se anteriormente o kibbutz aspiraba á igualdade completa entre os seus membros, actualmente existe unha relación directa entre o sustento e os ingresos de cada membro, e o orzamento que este recibe. Isto logrouse por medio da imposición interna de altas contribucións tributarias a aqueles membros que gañan salarios máis altos para evitar a disparidade de niveis dentro da comunidade. Tamén xerouse unha rede de seguridade que asegura que ningún membro da comunidade caia na marxinación, e que aínda quen -por calquera motivo- non perciba un soldo aceptable, poida recibir un complemento dos fondos colectivos colleitados da contribución interna dos membros. O novo kibbutz conserva os valores fundamentais da ideoloxía sionista e socialista kibbutziana de hai cen anos, pero xerou un equilibrio máis apropiado entre os mesmos. Se no pasado practicamente non cabía a idea da vontade persoal fronte á vontade colectiva, hoxe dáse máis cabida ao individual e ao papel da familia, fronte ao lugar da comunidade na súa totalidade. O kibbutz do século XXI non é o mesmo que o de cen ou cincuenta anos atrás, pero aínda é unha forma de vida que representa un exemplo de sociedade xusta, igualitaria, democrática e solidaria, máis que calquera outra no mundo occidental.

Artigo tirado de Radio Jai

Comentarios

Sr. J dixo…
Umha boa notícia.