SUSO DE TORO E O HEBREO


Por Alexandre Xavier Casanova Domingo

Os choques entre o George Steiner, o Suso de Toro, o Antonio Muñoz Molina e outros lévanme hoxe a filosofar sobre a feble capa de civilización que encobre a barbarie social, coma dixo, naturalmente, un xudeu, o xudeu Freud. Comeza o asunto cunha pequena parvada do Steiner sobre a ausencia de valía na literatura en galego. O Suso de Toro desminte con dados tal pretendida ausencia de valía, mais á súa vez comete outra parvada cando afirma que a literatura en hebreo non ten tradición literaria de moito valor. Entón intervén o Antonio Muñoz Molina para refutalo e o Suso de Toro, en vez de recoñecer o seu erro, sae con que os textos bíblicos non son literatura en sentido estrito, sen dar ningunha versión aproximada do que sexa "literatura en sentido estrito". Finalmente, un especialista en linguas semíticas, o Francisco del Río Sánchez, acláralle o Suso de Toro que o árabe e o hebreo teñen unha grande tradición literaria, sexa relixiosa ou profana. Podemos estar seguros de que o Suso de Toro recoñecerá o seu erro, coma moito, tarde, mal e nunca; coma pasou co George Steiner, que de mala gaña recoñeceu a súa parvada perpetrada ante o silencio cómplice do seu entrevistador, o Juan Cruz. Por que uns homes aos que, en principio, supónselles boa formación cultural, meten continuamente babecadas deste teor e, o que é peor, intentan defendelas? Basicamente porque o que natura non dá, Salamanca non o presta. É dicir, porque a acumulación de coñecementos académicos, de valía científica ou técnica nunha actividade cultural coma a escrita de novelas ou a creación de teorías astronómicas, por exemplo, non proporciona en por si unha mellora da calidade da ánima, asunto fundamentalmente ético e espiritual con bases hereditarias e que só polo esgrevio esforzo interior (en hebreo: ghalaghá) pode levar ao home a ser mellor do que é. Se temos en conta isto, deberemos refugar arroutadamente o modelo vixente de "consagrados" fronte a "neófitos", polo cal os neófitos son sometidos a todo tipo de vexacións íntimas, intelectuais e económicas (con frecuencia durante toda a súa vida) mentras que, se por unha improbable combinación de talento, fortuna e sobre todo recomendacións ou enchufes, chegan a seren "consagrados", pasan a teren total impunidade para ser mediocres ou directamente estúpidos. A primeira medida sería evitala cooptación, pola cal os xa consagrados elixen a uns supostos novos consagrados. Para iso, debe ser fundamentalmente o pobo o que elixa e valore, ao cal cómpre engadir que todo individuo que tente ser excelente debe contar con que, frecuentemente, o pobo non quere que se lle lembren as súas pexas e eivas. Un exemplo típico é que os señores académicos e catedráticos de economía son en xeral incapaces de recoñecer unha verdade tan ben probada esperimentalmente coma que un crecemento económico continuo é desastroso e finalmente imposible, por razóns ecolóxicas. Dado que eses economistas oficiais son, de feito, intelectualmente adoradores do xato de ouro, non van aprobar nunhas oposicións de cátedra, poñamos por caso, a outro economista que demostre (cousa moi doada de facer) que o seu desenrolismo a eito ía desencamiñado. Mellor que o tribunal examinador estea composto fundamentalmente por xente non consagrada, quero dicir sen soldo funcionarial académico garantido polos contribuíntes. Persoalmente, non adoro ao xato de ouro, prefiro adorar ao ser que é el mesmo sempre (Iavé); máis esotéricamente dito, o Reino, Malcute. Para rematar, por tanto, cómpre matizar que cando o Suso de Toro di que o intelectual xudeu europeo foi unha figura histórica e hoxe mítica (é dicir, que xa non ecsiste) erra de novo e resúltame estraño que esta nova denegación da valía intelectual xudía sexa silentemente aceptada, coma se tódos os intelectuais xudeus da actualidade residisen nos Estados Unidos, nunca na Europa. Á parte doutro feito evidente: o Israel é un país europeo. Periférico por lingua e situación xeográfica, si, mais tan europeo coma o Chipre ou a Estonia, e bastante máis europeo que Turquía, por poñer unha comparanza significativa. Os intelectuais xudeus israelís foron, son e serán... intelectuais europeos. Que senón? Quen pode dicir con seriedade que o Israel é un país asiático ou africano? Culturalmente, é terra europea dende o Imperio Romano. E hai moitos anos que política, economica e socialmente tamén o é. A dúbida pode darse coa outra etnia que habita masivamente tamén ese territorio hai séculos, é dicir, cos palestinos, efectivamente integrados en moitos casos en sociedades tan pouco europeas coma a iraquí ou a libia. Sen negalo forte influxo europeo na formación histórica do pobo palestino, a súa pegada islámica e afroasiática está aí a ollos de todos. Orabén, os xudeus do Israel pertencen á tradición histórica e ideolóxica europea, daí por exemplo o rechamante caso de ser o Israel o único réxime político laico no Oriente Medio. Non é un país completamente laico, abofé; o que pasa é que os seus veciños non o son nin pouco nin moito, xa que non son países europeos, e o Israel si que é un país e un Estado europeo. A integración económica, social, militar, política, académica, relixiosa, etcétera, é europea aínda máis ca no caso británico coa súa tradición de mollar un pé no canal da Mancha e outro no mundo das súas colonias ou excolonias (a "Cómongüeld" ou Commonwealth, os Estados Unidos, etcétera). Redondamente dito: a presentación do Israel coma país extra-europeo é, ao cabo, unha deformación antisemita dos feitos, coma se a influencia da nación xudía na formación da Europa fora periférica e residual ao estilo turco ou estadounidense. Dicir que a Islandia é europea (e o é, con matices) mais que o Israel non é europeo, faise negando con solercia a Historia... para presentar ese territorio coma unha "anomalía" que debería ser "terra islámica coma toda a súa contorna", malia que nunca deixou de haber unha poboación xudía importante no territorio da Palestina histórica, inatricadamente, dende os tempos das doce tribos bíblicas deica hoxe. Ou coma se as estruturas nacionais e estatais do Israel moderno fosen un mero resultado da Xoá e o éxodo xudeu conseguinte ao territorio israelí, esquecendo que durante todo o século XX foron constituíndose a seguridade sanitaria, o sistema educativo e universitario, as redes de estradas, os corpos de seguridade policial e militar, os sindicatos, o tecido industrial e tecnolóxico, os quibuches (kibbutz), as facendas agrícolas co acaído aproveitamento rural e urbano da escasa auga estraíble, ... esquecendo, en suma, que a proclamación formal do Estado xudeu no ano 1948 foi posible pola teimuda formación preliminar dunha estrutura previa política, social e estatal por parte dunha nación europea que sempre estivo aí.

Alexandre Xavier Casanova Domingo

Comentarios