OLLAR A ESQUERDA CON RAIBA


Por Roi Bet Levi
Entrevista publicada no xornal israelí HAARETZ
19.10.08




Recebe unha chamada no seu automóbil cando se dirixe á casa desde a emisora de radio. Desde a súa particular trincheira móbil está a librar dúas campañas: Por un lado, combate o axitado tráfico característico dun día de traballo na saturada Barcelona. Por outro, dá o mellor de si mesma na defensa do bo nome do Estado de Israel – unha tarefa nada máis fácil que a de lidar co tráfico da súa cidade natal.
Pilar Rahola, unha xornalista e política español-catalá, é unha das máis apaixonadas e importantes comentaristas do conflito palestino-israelí no discurso público do mundo de fala española. Escrebe tres artigos á semana no xornal catalán de tendencia de esquerdas La Vanguarda (o catalán é o idioma da rexión autónoma de Cataluña, no nordeste da España, cuxa capital é Barcelona), publica artigos nos principais xornais da Arxentina e do Chile, e participa en incontábeis programas de radio e TV tanto en español como en catalán. Tamén escrebe un blog no seu sitio web (). Ademais, tivo a moi dubidosa honra de ter un monicreque coa súa imaxe na versión catalá do show satírico británico "Spitting Image".

Informacións parciais

Ao redor de 500 millóns de hispanofalantes están expostos case a diario a informacións sesgadas e parciais vertidas nos medios sobre o conflito palestino-israelita; e a unha dura, venenosa, ben orientada e tendenciosa crítica das actividades de Israel en Gaza e Cisxordania. Moi poucas son as figuras públicas e os xornalistas que deseñan un panorama máis equilibrado. Diferentemente de moitos deles, Rahola non o fai por razóns relixiosas: Non é xudía, e defínese a si mesma como unha leal esquerdista e como católica non practicante. Portanto, está tamén libre dese fervor mesiánico de dereitas do cal son sospeitosos inmediatamente moitos dos cristiáns que no mundo apoian a Israel, mesmo a ollos dos propios israelitas.

Rahola, que cumpre 50 anos esta semana, visitou Israel decenas de veces, escrebeu centos de artigos e ensaios condenando o terrorismo islámico e o posicionamento patológico antiisraelita da esquerda europea – co seu forte transfondo antisemita-; e interviu ou actuaou como moderadora en milleiros de programas de TV de temática política.

Con todo, esta entrevista exclusiva con Haaretz constitúe unha das primeiras veces en que esta interesante e impresionante muller se mostra ao público de Israel.
"Parece coma se logo de tantos anos de receber ataques, os israelitas simplemente non estean afeitos a ser defendidos”, explica Rahola, que recebeu numerosos premios de organizacións xudías na América do Sur, nos Estados Unidos (AIPAC) e na Europa (B’nai B’rith de Francia), así como da Universidade de Tel Aviv e da Universidade Hebrea de Xerusalem. “Interésanse moito máis polos estranxeiros que os critican que por aqueles que os defenden, mais iso non me importa. Eu non fago o que fago para ser popular en España ou en Israel, senón para defender aquilo en que creo.”

Que é o que leva unha "bonita moza catalá" a dedicar unha parte substancial da súa carreira, e até da súa vida, a defender un distante país estranxeiro?
Rahola: "Non hai unha explicación biográfica. Venho dunha familia que sufriu moito por mor das súas opinións políticas, do mesmo xeito que moitas outras familias en España. O irmán do meu avó foi a primeira persoa a ser sentenciada a pena de morte polo réxime de Franco. Foi unha familia leal á República Española, que cría no dereito dos cataláns a un estado independente. Outros membros da miña familia participaron no Parlamento Español e estiveron activos na política local barcelonesa, sempre desde as esquerdas. Eu crecín nun ambiente en que me ensinaron a oporme ao fascismo. O máis patente dos horrores que se levaron a cabo en nome desa ideoloxía foi o Holocausto do Pobo Xudeu. En España non se falaba do Holocausto, mais na miña casa, na sala de xantar familiar, estaba presente.

Aprendín a falar a miña lingua materna, o catalán, nun país totalitario que nos prohibía falalo. Eu aprendín a amar a liberdade so a ditadura, coñecín as maiores traxedias provocadas polo fascismo nun país que fixo todo o posíbel para ocultalas, e tiven o privilexio de coñecer e querer os xudeus sen coñecer nin un só deles persoalmente. Esta tensión entre as miñas crenzas e o ambiente en que vivo continúa acompañándome de adulta. Loito contra a opresión da muller na moi machista España, fago todo o que podo para estimular a memoria da Europa cando se tenta ocultala, e insisto en dicir a verdade nunha sociedade con medo da verdade.

As palabras escollidas por Rahola non son fortuítas. Cun doutoramento en filoloxía hispánica e catalá, está ao tanto do poder da linguaxe e da capacidade da retórica dos medios de comunicación para formar a opinión pública. “Eu non me vexo como unha defensora de Israel,” sinala, “senón como unha defensora da verdade. Teño moitas críticas para certas decisións do goberno de Israel. Non me gusta o que fixo Israel todos estes anos. Mais hai unha grande diferenza entre unha crítica racional ao goberno, a certas actividades dese goberno, e o que son ataques desenfreados e criminais contra a propia esencia de Israel.

‘Sen escolla

Rahola xa comezara a escreber sobre Israel na súa mocidade, pouco tempo logo da súa primeira visita ao país. Despois, nunha certa medida, abandonou o seu traballo de xornalista (que tamén incluíu a cobertura da primeira Guerra do Golfo desde Xerusalem) pola dirección dunha editorial catalá e pola escrita de diversos libros (obras políticas sobre os dereitos das mulleres, o nacionalismo catalán e o conflito palestino-israelita, así como libros máis persoais sobre as súas experiencias como nai de dous nenos adoptados, por exemplo). Máis tarde tivo unha curta mais moi activa carreira política, como tenente de alcalde de Barcelona e como única representante no Parlamento Español da esquerdista Esquerra Republicana de Catalunya.

O seu retorno ao centro do palco do discurso público español e latinoamericano acerca da situación en Israel chegou logo dos violentos acontecementos que tiveron lugar en Yenín durante a Operación Escudo Defensivo de 2002.

“Os medios de comunicación españois explotaban de rabia e odio cara a Israel. Os titulares falaban de xenocidio, limpeza étnica e destrución total da sociedade palestina. Para alguén realmente familiarizado coa situación en Israel, non había outro camiño que definirse e tomar partido. Eu non só era a pró-Israel, senón contra a manipulación dos medios de comunicación, contra a simplificadora presentación dun panorama de “bos e maos rapaces” e, principalmente, contra o nihilismo do terror islámico.

"Eu creo no dereito dos palestinos a teren un Estado independente, mais creo que o mellor xeito de defender este dereito é condenar o terror, o culto da morte e a destrución, e o odio patolóxico cara a Israel como estado e como entidade. Nos medios de comunicación da España e da América do Sur, só se poden atopar vítimas –os palestinos, é claro- e verdugos, os israelitas, quen senón? Eu, como xornalista e persoa de esquerdas, debo loitar contra esta mentira.”

Os teus amigos da esquerda española dirán que son eles os que realmente están loitando pola verdade.
“A esquerda sempre afirmou que o seu principal obxectivo era mellorar a vida das persoas; pero moitos esquerdistas crearon unha versión mostruosa e grotesca desta visión do mundo. A ditadura de esquerda é irmá xémea da ditadura de dereitas. Eu sempre estiven preocupada polo fascismo, mais preocúpame tanto o pensamento dogmático de esquerdas, que rexeita o pensamento independente e o debate público, substituíndo ideas por eslogans.

"No conflito do Oriente Medio - que non se limita, como moitos na Europa gustarían de pensar, a Israel e Palestina, senón que está relacionado coa situación en Siria e Irán - a maioría de intelectuais europeos deixan de pensar e só repeten clichés baleiros. Este enfoque antiisraelita, tanto por parte da esquerda como por parte dos medios de comunicación non é máis que un disfrace para o antisemitismo. Ningún outro país é albo de tal odio nin dunha crítica tan hostil. Ningún outro país recebe repetidamente ameazas á súa existencia por parte doutros membros de Nacións Unidas en canto o mundo permanece en silencio. As razóns hai que buscalas tanto na historia distante como na historia recente.

“O antisemitismo clásico e cultural foi rexeitado ostensibelmente pola esquerda na España, mais por desgraza aflora no noso ADN, mesmo cando case non hai xudeus na España. Comemos e bebemos antisemitismo nas cerimonias relixiosas, nas escolas relixiosas onde estudamos, no noso folclore. O meu pai acostumaba dicirme que de neno corricaba cunha pistola de xoguete á ‘caza’ de xudeus, e a miña avoa acostumaba dicir das mulleres que odiaba que eran ‘máis feas que un rabino’, aínda que nin sequera sabía o que era un rabino. Non debemos crer que non estamos influídos por ese antisemitismo e que se trata de algo xa superado.

"Con todo, este antisemitismo realmente non me preocupa. O que me preocupa é que en nome da solidariedade, da xustiza e da procura da liberdade, a esquerda europea xustificou o antiisraelismo da esquerda estalinista durante moitos anos. Iso é o que definiu o tránsito da esquerda en España, por exemplo. Víase a Israel como un inimigo, un invasor, a man dereita do Gran Satán – Os EE.UU. Os intelectuais que agora atacan Israel desde a esquerda creceron no medio dese ideario.

"A esquerda traizoa os seus principios. Non loita contra as grandes ditaduras, non loita polos dereitos dos verdadeiros oprimidos de verdade. Obsesionouse na súa crítica aos EE.UU. e a Israel, e ao mesmo tempo que se centra nese empeño, descoida os centos de millares de mortos en Darfur, por exemplo. Esa é a principal e verdadeira vergoña da esquerda, non a situación en Israel.

"A todo iso debemos sumar, por suposto, o sentido de culpabilidade dos españois polo que pasou aos xudeus durante a súa expulsión de España e, especialmente, durante a Segunda Guerra Mundial. E o noso xeito anormal de lidar con iso é atacar Israel. Porque canto peor sexa Israel, menos culpábeis seremos nós. Os ataques a Israel son un medio de limpar a nosa conciencia, e iso é algo que definitivamente non podo aceptar.

Apoiar o ‘débil’

En Barcelona, a túa cidade natal, había moitas manifestacións en que os mozos cataláns, ataviados con kaffiyehs, saían ás rúas e gritaban eslogans extremistas contra Israel e contra os EE.UU., dúas democracias estábeis. Non vin marchas contra a ditadura na Siria ou contra o tratamento que receben os homosexuais no Irán. Eses mozos non son estalinistas, entón... Por que saen á rúa?
“Nas universidades de Barcelona, sen ningunha dúbida, circula un discurso antiisraelita moi duro. Recentemente, o Ministerio de Educación Español publicou un informe sobre o tema da inmigración, en que se pregunta aos estudantes de secundaria cal é a minoría máis odiada e ameazadora. A maioría dos estudantes, sen teren coñecido en toda a súa vida un xudeu, responderon que eran os xudeus.
“No pasado, os cataláns identificábanse con Israel porque era un exemplo dunha nación perseguida que tivera éxito logo de moitos anos en establecer un estado; mais os mozos actuais optan por apoiar o bando ‘máis débil’. A cuestión é por que non consideran como vítimas ducias de persoas asasinadas nun ataque a un autobús, e, con todo, ven a un terrorista da Jihad Islámica que se fai estalar polos ares como un heroe. Depois de todo, se falamos dun terrorista da ETA, do País Vasco, condenaríanno. A resposta a iso reside no antisemitismo asimilado na infancia, nos seus profesores universitarios “antiamericanos” e nos medios de comunicación que os envenenan en contra de Israel. Non hai dúbida algunha de que tal actitude está moi na moda hoxe en día na España.

Se se trata dun asunto de moda… ¿sería posible que o odio cara a Israel chegase a ficar fora da moda?
“É o que tentamos, é por iso polo que estamos a loitar. Con todo, infelizmente, calquera que non é anti-Israel convértese de inmediato nun sospeitoso. Preguntáronme moitas veces como podo ser de esquerdas e dar o meu apoio a Israel. A miña resposta é sempre a mesma: como pode alguén ser de esquerdas e non condenar o terror clara e abertamente?, como pode alguén pensar que hai liberación so a ideoloxía extremista islámica?, como é posíbel ficar calado perante a grave situación dos dereitos das mulleres nos países árabes?, como pode ser que todo o mundo árabe viva so unha ou outra forma de ditadura?, como se pode chamar todo isto “unha visión do mundo de esquerdas”?

Afastoute o teu aliñamento con Israel do campo da esquerda a que un día pertenceches?, chegácheste a sentir excluída, ou até ameazada?
“O pensamento independente é un territorio hostil e solitario. Cando alguén segue o seu propio camiño e non se deixa arrastrar pola corrente, está máis exposto a perigos. Eu recibo ameazas de morte. Son difamada e atópome sempre so sospeita. Perdín bos amigos por causa das miñas opinións – mais só polas opinións sobre Israel. No pasado critiquei duramente a sociedade española por causa da súa actitude discriminatoria cara ás mulleres, polas terribeis touradas, unha cuestión case sacra na España, e por varios asuntos económicos e sociais; e ningún amigo me deununca as costas por esa razón. Mais cando chegou o tema de Israel, tiven de pagar un prezo por iso.

Chegou a prexudicar iso a túa carreira política ou xornalística?
“Realmente non me podo queixar polos réditos. Teño un grande número de lectores que se identifican comigo ou que se opoñen a min, mais sempre queren ler máis artigos meus. De feito, cando abandono por un tempo o tema de Israel, sempre hai alguén que me pide que volte a escreber sobre iso. O meu pinto de vista situoume nun lugar moi destacado dos medios de comunicación españois. Creo que iso é proba do feito de que se alguén cre no que di e apoia as súas palabras con feitos e argumentos lóxicos, sempre atopará quen o escoitar e quen estiver de acordo con el.

Hoxe, cando ves mulleres desenvolvendo papeis importantes na política, como Carme Chacón, ministra da Defensa española, Rachida Dati, ministra da Xustiza francesa, ou Tzipi Livni, que está tentando formar un goberno en Israel… tés saudades da política?
“É algo moi alentador. Tzipi Livni pode traer unha grande onda de esperanza para unha mudanza positiva en Israel a partir do seu posto de Primeira Ministra, mais se non desenvolve ben o seu labor, eu non vou aforrarlle críticas polo feito de sexa unha muller. Polo que ten a ver comigo, non considero a posibilidade dun regreso ao palco político. Na miña opinión, este non é o tempo dos políticos. É tempo para xornalistas e intelectuais. É certo que existe actualmente unha crise no ámbito do pensamento independente; en vez de debates, hai berros, mais xustamente por esa razón, necesitamos portavoces do pensamento independente, e creo que iso é algo que fago ben e que debo continuar a facer. Non considero en ningún momento deixar de escreber, contar e se fose necesario até berrar a miña verdade.
Publicado en HAARETZ 19.10.08

Comentarios