Por Shlomo Ben-Amí
A desesperada súplica de Israel para que o mundo impida o que os seus servizos de intelixencia denominan a "galopada cara a unha bomba nuclear" de Irán non tivo a resposta positiva que Israel agardaba. Agora que o réxime de sancións de Nacións Unidas demostrou ser completamente ineficaz, e a diplomacia internacional aparentemente incapaz de impedir que os iranianos controlen a tecnoloxía de enriquecemento de uranio, Israel está contra as cordas. O que se supuña que debía ser un gran esforzo internacional de mediación está a se deteriorar e converténdose nun apocalíptico enfrontamento entre Israel e Irán. É unha anomalía interesante porque, a pesar da vomitiva retórica antisemítica do presidente iraniano, Mahmud Ahmadineyad, as repercusións do aumento de poder de Irán van moito máis alá do Estado xudeu. Esténdense a todo o mundo árabe, en especial aos vulnerables países do Golfo, e mesmo Afganistán e Paquistán. E tamén Estados Unidos -como potencia en Oriente Próximo- e Europa teñen interese en cortar a marea de proliferación nuclear que ameaza a rexión. A incapacidade do sistema internacional de abordar con eficacia o problema nuclear en Oriente Próximo se debe fundamentalmente á división entre Rusia e Estados Unidos, á que unha obcecada estratexia estadounidense contribuíu en grande medida. Rusia non pode querer un Irán nuclear. Pero na súa determinación de lograr mecanismos de influencia contra o que considera unhas políticas estadounidenses hostís, e como ferramenta para negociar un marco de seguridade máis aceptable con Occidente, os rusos néganse a unir os seus esforzos aos de Estados Unidos para cortar de raíz as ambicións nucleares iranianas. En outubro de 2007, Vladímir Putin converteuse no primeiro líder ruso desde Leónidas Bréznev que visitaba Irán, acompañado de cinco dirixentes dos Estados do Mar Caspio. Desde entón, Putin fixo todo o posíbel para deixar ao descuberto o fracaso da política estadounidense de illar a Irán. Seguramente, Rusia sería quen de conter ao réxime iraniano, pero só o fará a cambio de que Estados Unidos respecte os seus intereses nas antigas repúblicas soviéticas e acepte tamén quizais unha revisión dos acordos estratéxicos posteriores á guerra fría. Pero, mesmo aínda que sufrise o abandono dos rusos, é moi improbábel que Irán renuncie ás súas ambicións nucleares mentres non se preste atención aos seus intereses rexionais. O programa nuclear de Irán reflicte un amplo consenso nacional, resultado dun sentimento xeneralizado de que son vulnerables e foron traizoados. Os iranianos recordan que a comunidade internacional permaneceu indiferente cando Sadam Husein atacoulles con armas químicas nos anos oitenta. E a presenza do temible poder estadounidense hoxe no país veciño tampouco lles consola. Irán cre que é vítima dun dobre raseiro internacional -polo que si se acepta a condición nuclear de Paquistán e India, para non falar de Israel-, e iso non fai máis que alimentar aínda máis o seu sentimento de discriminación e a súa determinación de facer realidade as súas ambicións. Ao expor o insuficiente do Tratado de Non Proliferación Nuclear, Irán, que é un dos países asinantes, está a indicar a Israel que a orde rexional xa non pode apoiarse no monopolio nuclear que lle concede o feito de non ser membro do TNP. Por tanto, a solución reside non só en obrigar a membros do TNP como Irán e Siria a cumprir os seus compromisos, senón en crear unha estrutura rexional de seguridade e cooperación máis ampla en Oriente Próximo. Un acordo así debería ter como base que Oriente Próximo se convertese nunha zona libre de armas de destrución masiva, incluídas as armas nucleares, químicas e biolóxicas. Oriente Próximo segue tendo a dubidosa honra de ser a única rexión do mundo que utilizou ese tipo de armas desde que acabou a Segunda Guerra Mundial. A comunidade internacional debe recoñecer que a ecuación de seguridade en Oriente Próximo non é meramente liñeal, nin consiste só en Israel contra o mundo árabe. A proliferación de armas nucleares nunha rexión que estivo disposta a usar armas de destrución masiva no pasado é unha ameaza para todos. Por tanto, é preciso un esforzo concertado de potencias externas como Estados Unidos e Rusia, non para que cada unha delas boicotee as políticas da outra na rexión, senón para crear unha zona sen armas de destrución masiva. Un sistema rexional así non pode construírse sobre un baleiro político. A condición previa fundamental é axudar a alcanzar unha solución para as grandes disputas políticas da rexión. Mentres o reloxo nuclear segue avanzando.
Artigo tirado do xornal El País - 09.10.08
Comentarios